ParatradIT terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo na Facultade de Filoloxía e Tradución
O Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia celebrará a súa segunda edición en marzo de 2026
Porase o foco na contorna dixital, as ferramentas automáticas e as intelixencias artificiais
Despois do éxito da primeira edición en 2024, o Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia regresará ao campus de Vigo en marzo de 2026. Esta segunda edición terá lugar os días 25, 26 e 27 e a Facultade de Filoloxía e Tradución repetirá como sede do que pretende ser o segundo evento científico dunha serie que, ao longo dos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.
Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidad de Córdoba e a Universidade de Alacante, celebrarase tanto na modalidade presencial como en liña co español, o galego, o francés, o inglés e o portugués como linguas do congreso.
Ao fronte da organización están os profesores da Universidade de Vigo Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez xunto co docente da USC Emmanuel Claude Bourgoin, que explican que nesta segunda edición queren seguir compilando “resultados de investigación sobre o impacto das intelixencias artificiais tanto na realidade profesional dos procesos de tradución como na aprendizaxe e a docencia das linguas estranxeiras.
Tres eixos para artellar o congreso
No que se refire aos contidos, o congreso artéllase arredor de tres eixes. Por unha banda, falarase sobre tradución e interpretación na era dixital, analizando como capitalizar de xeito positivo a (r)evolución dixital tanto na docencia universitaria como no exercicio profesional da tradución e a interpretación. Como explica o profesor José Yuste, “ante o uso masivo das intelixencias artificiais e das memorias de traducións, neste eixo convídanse a profesionais a reflexionar sobre que significa traducir na era dixital”.
Entre outros temas, abordarase o papel das memorias de tradución, que “almacenan o traballo feito durante os últimos 30 anos por profesionais de todo o mundo”, para debater sobre estas bases de datos realmente traducen “ou se é máis ben un acto mecánico, secuencial e estandarizado, máis propio de procesos artificiais afastados da actividade creadora”. Tamén se falará sobre se a dixitalización das tarefas da tradución está a derivar nunha “minusvaloración profesional da figura do tradutor ao convertelo nun mero revisor”. En definitiva, a organización agarda recibir propostas de comunicacións que axuden a saber se as innovacións tecnolóxicas avanzan cara “a liberdade da man de obra creadora ou se ben representan unha ameaza pola invisibilización do seu traballo, pola piratería ou polo intrusismo masivo”.
O segundo eixo arredor do que se artella o congreso é a pedagoxía e a didáctica dixital das linguas. Como detalla o profesor Bourgoin, “buscamos crear un espazo para compartir os resultados das investigacións e compartir experiencias diarias da docencia dixital na aula, tanto dende o punto de vista do docente como do estudante”.
Finalmente, o terceiro eixo céntrase no uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas. Como detalla o profesor Óscar Ferreiro, “as tecnoloxías da lingua teñen como obxectivo a aplicación dos coñecementos lingüísticos para o desenvolvemento de sistemas informáticos capaces de recoñecer, interpretar e xerar linguaxe humana nas súas diferentes formas. Entre os produtos e servizos informáticos creados pola enxeñaría lingüística, que enriquecen e facilitan o labor das persoas que traducen, destacan aquelas ferramentas para o tratamento automático e semiautomático de linguas que contribúen á investigación científica”. Neste eixo tamén se van abordar os avances tecnolóxicos da lingüística informática no tratamento automático das linguas, tanto na súa vertente escrita como na oral, así como o diálogo entre a persoa humana e a máquina, sendo unha das ferramentas máis coñecidas a tradución automática. “Agardamos recibir propostas de comunicacións que nos permitan ofrecer un balance actual de todos os sistemas existentes e das perspectivas de futuro”.
A primeira edición en cifras
Para esta segunda edición agardan acadar “o mesmo éxito” obtido na primeira, á que asistiron 150 persoas procedentes de 26 países e na que 72 relatores e relatoras presentaron traballos en cinco linguas. “A nosa valoración non pode ser máis positiva”, destacan os organizadores, xa ademais crearon unha colección que recibe o mesmo nome que o congreso (ParatradIT) na prestixiosa editorial Peter Lang, onde xa se publicaron tres volumes.
Prezos e prazos
A asistencia con relatorio varía entre os 140 euros para o público en xeral e os 90 para alumnado de doutoramento e autor asinante, mentres que o prezo será de 60 euros para o alumnado do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, do título de Especialista en Traducción para a Industria do Videoxogo e do doutoramento en Tradución & Paratradución.
