DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación dun dos maiores expertos nesta materia, o catedrático holandés John Vervaele

Un congreso internacional revisa en Vigo os últimos avances na construción da xustiza penal europea

Dirixido por Esther Pillado, prolongarase ata mañá venres en Ciencias Xurídicas e do Traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/10/2018

Analizar os últimos avances en materia de normativa na configuración dunha xustiza penal europea. Este é o grande obxectivo dun congreso internacional que este xoves botou a andar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e que, ao longo de dous días, xoves e venres, traerá ata o campus preto dunha vintena de especialistas nesta materia, entre eles, Jhon Vervaele, catedrático de Dereito Penal Económico e Financeiro na Universidade de Utrecht e, a día de hoxe, un dos grandes expertos a nivel internacional nestas cuestións.

O congreso, titulado Justicia Penal europea: últimos avances hacia una mayor integración, está dirixido pola catedrática de Dereito Procesal Esther Pillado e coordinado polo profesor Pablo Grande, que explicaron que esta cita se centrará, sobre todo, en dúas grandes liñas de traballo: as directivas que se foron aprobando para uniformar os distintos ordenamentos en materia de proceso penal, que inclúen desde o dereito de asistencia letrada ata as garantías procesuais, tanto de adultos como de menores; e, doutra banda, na implementación de novos instrumentos de recoñecemento mutuo, ferramentas dirixidas a facilitar a libre circulación de resolucións xudiciais entre diferentes países da Unión Europea.

 “Por diante quedan dous días nos que falar sobre colaboración no ámbito xudicial europeo e de todos aqueles pasos que se están a dar na Unión Europea para acadar unha maior integración”, salientou Pillado na inauguración, ao tempo que recalcou que se abordaran, entre outros aspectos, dos distintos instrumentos que implementan o principio de recoñecemento mutuo e, por tanto, de Euroorde, a Orde Europea de Investigación, a Orde Europea de Protección e, tamén, de harmonización de garantías procesais para poder avanzar na colaboración xudicial penal… “é dicir, imos tentar dar unha visión deses pasos que hai que ir dando dende a Unión Europea para tender a unha maior integración en materia penal”, recalcou a directora do congreso.

Os pasos que se deron e os que quedan por dar

A conferencia inaugural correu a cargo de Jhon Vervaele, profesor visitante en múltiples institucións académicas tanto de Europa, como de América e Asia e “a persoa ideal para situarnos ben en todo o que se vai tratar despois”, explicou a directora do congreso intres antes da apertura dunha conferencia na que o experto deu unha visión xeral de todo ese proceso de integración europea, “desde onde vimos e cara onde vamos”.

Posteriormente á conferencia de apertura e, entre outros temas, as e os especialistas que participan estes días no congreso están a afondar en distintas cuestións relacionadas, sobre todo, coa Orde de Detección Europea e a Orde Europea de Investigación. “Falamos, por exemplo, de cando para un proceso penal que se está seguindo en España hai que obter probas que están localizadas en Alemaña e, por tanto, ter que haber unha orde do xuíz español aos xuíces alemáns para que recaden esas probas e llas fagan chegar”, explica Pablo Grande, ao tempo que fai fincapé en que, deste xeito, se axilizan todos eses trámites,  “que antes tiñan que facerse por vía diplomática e eran moito máis complicados” e, a maiores, se consegue que as decisións se baseen exclusivamente en criterios xurídicos e queden ao marxe os criterios políticos que podía haber entre distintos gobernos e que, ás veces, obstaculizaban bastante todo ese proceso.

“Os avances conseguidos desde 2010-2011 foron moitos”

Segundo salientaron os organizadores do congreso os avances conseguidos nesta materia desde 2010-2011 foron moitos, se ben os diferentes estados membros séguense amosando bastante reticentes á hora de traspor as directivas e, de feito, normalmente cando o fan xa se esgotaron os prazos.  “Por exemplo en España aprobouse o pasado mes de marzo a lei para implementar a Orde Europea de Investigación, cando o prazo para facelo xa rematara en xullo do ano anterior. Digamos que se van dando pasos importantes pero isto aínda é un camiño que se vai facendo pouco a pouco”, subliña Pablo Grande, que fai fincapé en que é sobre todo na negociación das directivas entre os distintos estados onde se atopan máis dificultades e onde o proceso acostuma ralentizarse máis.

A idea de organizar este congreso partiu do programa de doutoramento de Xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica e conta coa colaboración dun grupo de investigación da Universidad de Valladolid co que estes investigadores vigueses levan xa varios anos de colaboración, “ademais das propias axudas de internacionalización da facultade e das da Vicerreitoría de Investigación”.