DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo

O congreso internacional Sopa afondará na socialización do patrimonio no medio rural

Terá lugar do 2 ao 8 de setembro na provincia de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 24/07/2024

Ao longo dunha semana, do 2 ao 8 de setembro, a provincia de Ourense acollerá a celebración do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (Sopa). Nel presentaranse máis de 60 comunicacións procedentes de países como México, Colombia, Chile, Arxentina, Grecia, Alemaña, Portugal e España e realizadas por case un centenar de investigadores e investigadoras en ámbitos como a arqueoloxía, a educación e a antropoloxía.

A cita está organizada polo GEAAT, Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a través dos seus membros Beatriz Comendador e Óscar Penín, contando tamén co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear e de La Underground Colectiva. O obxectivo da organización é chegar ás 200 persoas asistentes, estando aínda aberto o prazo de inscrición.

Tras celebrarse en Celanova en 2014, esta é a segunda ocasión na que Sopa ten como escenario Galicia. “Nesta edición visitaremos un territorio de fronteira, a Reserva da Biosfera da Unesco, que se estende polos concellos de Muíños, Os Blancos, Calvos de Randín e Baltar, seguindo a fronteira con Portugal e que conta con varios dos patrimonios conservados máis importantes de Galicia e, tamén, dos máis descoñecidos”, sinalan desde a organización da evento.

O maior saber, o saber maior

Unha vez máis os alicerces de Sopa serán “educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura, e emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías”.

Como en todas as edicións de Sopa, dende o ano 2015 durante a semana do congreso realízase un seminario monográfico para visibilizar e afondar en temas que a organización considera importantes no ámbito non só do patrimonio rural senón tamén da cultura, dos territorios e as súas comunidades. “A situación do contexto que nos acolle, un territorio moi avellentado, pero cunha grande esperanza de vida, fíxonos pensar que as persoas maiores son, en moitas ocasións, as principais protagonistas dos procesos de socialización do patrimonio cultural e da memoria colectiva e, sobre todo, no rural”, explican desde a organización. Por este motivo, engaden, “este ano pensamos que o seminario debía tratar sobre esa comunidade e por iso levará por título O maior saber, o saber maior”. Deste xeito, neste 2024 o congreso quere pór o foco, con especialmente atención, nos saberes herdados a través das persoas maiores contando cunha xornada dedicada integramente a este tema e onde intervirán, entre outros, os antropólogos ourensáns Manuel Mandianes e Fátima Braña.

Ademais deste seminario, a programación inclúe diferentes sesións teóricas sobre temas como políticas culturais, metodoloxías participativas e análise e estudos relacionados co patrimonio rural e as comunidades ás que está vinculado. No apartado de sesións de proxectos presentaranse propostas executadas ou en fase de desenvolvemento, deseñadas no ámbito do patrimonio rural e do traballo con comunidades. Estes proxectos están vinculados a unha ampla e diversa variedade de temas, como a xestión de territorios; o turismo comunitario; a tradición oral e/ou tradición mnemónica e as redes culturais. O programa completarase con numerosas actividades culturais, entre as que se inclúen teatro, música, cinema documental e narración oral.