DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 17 e 18 de abril na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Un congreso internacional traerá a vindeira semana a Vigo o debate sobre os retos actuais do Dereito de Familia

Afondarase en temáticas coma o divorcio, as parellas de feito ou a xestación subrogada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/04/2023

A Universidade de Vigo será unha das cinco sedes do 5º Congreso Internacional da Asociación de Dereito de Familia e Sucesións, ADFAS, unha cita que este ano se prolongará desde hoxe 11 de abril ata o día 26 e que se levará a cabo, de xeito presencial, en diferentes universidades de España e Portugal, entre elas Vigo, onde a temática central será a intervención do Estado na protección de familia, incluíndo temáticas como o divorcio exprés, as unións de feito, a xestación subrogada ou a protección da familia nas relacións laborais.

A cita en Vigo levarase a cabo entre o 17 e 18 de abril na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, baixo a coordinación da presidenta da ADFAS, a avogada Regina Beatriz Tavares da Silva, e da profesora da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch, presidenta da Comisión Española de Historia do Dereito de Familia e Sucesións da ADFAS, asociación que ten a súa sede na cidade brasileira de São Paulo e na que están representadas 22 unidades federativas brasileiras, así como diferentes entidades de España, Portugal, Arxentina, México e Perú. 

Trataranse os temas “máis relevantes e actuais para as familias”

“Entre todos os participantes trataremos de afondar nos problemas máis actuais que teñen relación coa familia en moitas partes do mundo”, explica a presidenta de ADFAS, Regina Beatriz Tavares da Silva, ao que engade que o programa do encontro inclúe algún dos temas máis relevantes e actuais para as familias, nas súas máis variadas relacións, “xa sexan propiamente familiares, xa sexan de herdanzas, laborais, empresariais, de seguridade social e xubilacións e tamén cun enfoque nas cuestións de xénero”, sintetiza a presidenta da asociación.

No caso de Vigo, a xuntanza abrirase cunha dobre conferencia inaugural da man das dúas coordinadoras do evento: María José Bravo Bosch, que centrará a súa intervención en  enmarcar a situación xurídica da familia na España actual, e Regina Beatriz Tavares da Silva, que afondará, desde o punto de vista brasileiro, nesta mesma temática. A continuación, abrirase un panel sobre as innovacións na universidade, no que se contará coa participación de Eduardo López Pereira, director da ACSUG, a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, que se centrará en temas relacionados coa calidade universitaria, tanto en España como en América Latina, un tema que non está directamente vinculado coas temáticas do congreso, pero no que as persoas asistentes de América Latina amosaron un elevado interese. “Ata hai ben pouco a ACSUG era a única axencia de calidade que podía avaliar en Perú, por citar só un exemplo da ampla presenza que ten este organismo en América Latina”, explica María José Bravo Bosch.

Máis dunha vintena de xuristas de España, Brasil e Arxentina

Participarán como poñentes máis dunha vintena de xuristas de España, Brasil e Arxentina, entre eles varios docentes da propia Universidade de Vigo: a profesora Hylma Alcaraz, que participará na xornada inaugural cun relatorio sobre a familia na constitución española; Inés Celia Iglesias Canle, que se centrará nos procesos matrimoniais;  Margarita Fuenteseca, na sucesión intestada romana, ou Jaime Cabeza, que abordará o tema das políticas laborais de protección á familia. 

A organizadora destaca tamén a participación de Modesto Barcia, exdecano do Colexio de Avogados de Pontevedra, que falará sobre matrimonio e divorcio na lexislación española actual. “O divorcio é un tema que evolucionou moito, antes era moito máis complicado e agora falamos xa do divorcio exprés”, explica a coordinara viguesa do encontro, quen subliña que tamén se falará das unións de feito e dun tema de tanta actualidade como a xestación subrogada e o desprezo á muller embarazada. “Estou segura de que vai haber moito debate, queremos falar do papel que debe ter o Estado na protección da familia e tamén da violencia contra as mulleres”, salienta a responsable local da xuntanza. 

“Entre os poñentes estranxeiros hai moitos avogados e avogadas, xuíces e maxistrados, docentes universitarios… persoas de moito prestixio”, explica a profesora Bravo Bosch, ao que engade que, entre outras temáticas, afondarán en temas como a responsabilidade do Estado pola violencia contra a muller na xurisprudencia americana e arxentina.

Inscricións abertas ata o vindeiro luns

As persoas interesadas en participar no congreso poden inscribirse, ata o vindeiro luns, totalmente de balde na web da asociación.