DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido no Salón do Libro Infantil e Xuvenil, terá lugar os días 10, 17 e 24 de marzo

O Congreso de Mediación Lectora recupera o formato presencial para afondar nas conexións da literatura con outras artes

Conta con inscrición gratuíta ata cubrir as súas 120 prazas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/02/2022

Despois que a irrupción da covid-19 obrigase a suspendelo en 2020 e a desenvolvelo de xeito virtual en 2021, o Congreso Internacional de Mediación Lectora recupera neste 2022 o seu carácter presencial e terá lugar nas tardes do 10, 17 e 24 de marzo no Pazo da Cultura. Inserido nas actividades do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, trátase dun foro centrado na lectura e no labor daqueles e aquelas profesionais que exercen como “mediadores” entre a literatura e a infancia e mocidade, que, baixo o título de Con moita arte! afondará tamén nas conexións entre a lectura e a literatura e “outras manifestacións creativas”, como sinalan desde a súa organización. Entre as e os profesionais participantes no congreso atópanse o ilustrador Xosé Cobas, a narradora Paula Carballeira e os escritores Txabi Arnal, Concha Pasamar e Enma Pedreira. 

Promovido polo Concello de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, A Rede temática de investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (Lijmi) e o Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, a inscrición, de carácter gratuíto, neste congreso pode realizarse a través da web do salón ata cubrir as súas 120 prazas.

“A pesar de que a lectura literaria continúa a ser o seu epicentro, buscamos establecer conexións con outras manifestacións creativas, co propósito de incidir na idea de que as diferentes mostras artísticas e culturais configuran un mosaico asentado en múltiples pezas diversas, pero á vez complementarias”, sinala a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo, presidenta do comité organizador do congreso xunto coa docente da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Isabel Mociño. Así, os vínculos da literatura infantil e xuvenil coa tradición oral, coa ilustración ou coa educación estética formarán parte, como sinalan, dun “encontro que sitúa a lectura literaria nun diálogo aberto e útil con outras expresións”.

Escritura, ilustración ou narración oral

Xosé Cobas, ilustrador homenaxeado na XXIII edición do Salón, será o encargado de abrir a primeira sesión do congreso cunha intervención na que fará “memoria da súa traxectoria creativa”, iniciada no ámbito da pintura, “pero moi anoada á produción literaria para as primeiras idades”. Ao longo das súas tres sesións, este evento contará tamén coa participación da escritora e contacontos Paula Carballeira, quen “debullará ese camiño creativo que transita da oralidade á escrita”, e do docente e escritor biscaíño Txabi Arnal, que “profundará no binomio crer e crear desde a literatura infantil”, Por outra banda, a escritora e ilustradora pamplonesa Concha Pasamar centrarase, na terceira xornada do congreso, na “relación bidireccional que se dá entre a escrita e a ilustración”, mentres que unha semana antes a mestra e crítica literaria María Xesús Fernández porá o foco na ilustración dos “álbums silentes”.

Diferentes xeitos de achegar a literatura aos máis novos

Nun congreso de mediación lectora, lembra Agrelo, “é de obriga reparar nas prácticas, estratexias e recursos que orientan e guían ás persoas que median entre a lectura e a infancia ou xuventude”, aspecto que se porá sobre a mesa nas intervencións da música e ilustradora Laura Romero, quen falará de “dez maneiras creativas de ollar un libro”, e as docentes Ángeles e María Isabel Abelleira, que porán o foco na necesidade dunha “lectura comprensiva, reflexiva e gozosa”, nunha sociedade “absorbida polo inmediato”. Por outra banda, a escritora Enma Pedreira achegará ao congreso “unha maleta chea de obxectos cos que contar historias e libros que non son propiamente libros”.

Por outra banda, desde a organización inciden tamén en que o libro tradicional ten que convivir con outra serie de soportes “vinculados coas novas tecnoloxías”, o que motiva a participación de Galo Martínez e Rubén Carreirizo, do Museo do Videoxogo de Cangas (Muvi) e da asesora en innovación educativa Paola Guimerans, quen achegará unha serie de experiencias didácticas para fomentar as competencias STEAM na mocidade.
Esta serie de intervencións veranse complementadas á súa vez por experiencias “que xiran ao redor da creación e da educación interdisciplinar”, como Zumaiena, “unha proposta pedagóxica anexada á controna”, que darán a coñecer Edurne Aizpurua, Rakel Benítez e Isaak Arabberri. Así mesmo, os artistas e docentes Vicente Blanco e Salvador Cidrás achegarán as experiencias do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada e da súa publicación Debuxar o mundo: xogar, crear, compartir, recoñecida co premio Marta Mata de Pedagoxía en 2020. 

Programa do IV Congreso Internacional de Mediación Lectora