DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta década pasaron por esta experiencia máis de 1500 estudantes de cinco centros da UVigo

O Congreso de Traballos Colaborativos cumpre 10 anos mantendo a aposta pola cooperación entre titulacións

Este venres celebrouse a XIX edición coa presentación de 26 proxectos de 138 alumnas e alumnos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 02/12/2022

Xurdiu na Escola de Enxeñería Industrial , da man dos docentes José Luis González Cespón e José Antonio Alonso Rodríguez, como unha experiencia pioneira na que se pasou de facer as “típicas presentación de traballos na clase”, como explica González Cespón, a formularse un obxectivo moito máis ambicioso que consistía en facer e presentar os proxectos dentro dunha contorna de traballo multidisciplinar máis próxima á realidade laboral. Desa “idea de partida” naceu en 2012 o Congreso de Traballos Colaborativos, unha cita na que se presentan de xeito formal traballos realizados de maneira interdisciplinar entre estudantes de distintos graos. A idea materializouse primeiro como unha colaboración entre distintos graos da EEI, pero, pouco a pouco, fóronse unindo graos menos afíns (Bioloxía, Tradución e Interpretación, Dereito…). O congreso,  que celebra unha edición cada cuadrimestre, cumpre agora 10 anos e faino, tal e como se subliñou na apertura da súa XIX edición, apostando máis que nunca polo incremento constante da cooperación entre titulacións.

A inauguración do congreso celebrouse nesta ocasión no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e estivo presidida polo reitor Manuel Reigosa, quen subliñou que con esta iniciativa a UVigo leva “10 anos traballando na liña correcta”, xa que, “entre outros moitos motivos”, esta cita permite espallar entre o alumnado universitario o entusiasmo polo carácter emprendedor, “algo do que sempre teredes que botar man durante a vosa carreira profesional, estando incluso nunha praza de funcionario”. Nesta mesma liña, o reitor gabou que algunhas das iniciativas que xorden destes congresos acaban convertidas en proxectos empresariais reais “que axudan a que a sociedade galega teña máis riqueza e prosperidade”. Por outra banda, Reigosa referiuse tamén ao congreso como “un anaco de vida real”, no senso de que axuda ao alumnado a familiarizarse  co traballo en equipo con persoas que teñen perfís profesionais moi distintos, “que é o ides atopar nas empresas”.

A multidisciplinariedade que caracteriza o congreso, transmitiuse tamén no propio cadro de persoas que participaron na inauguración. Xunto ao reitor, contouse coas intervencións do decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, e a vicedecana de Relacións Institucionais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Lucy Amigo, xunto co coordinador da iniciativa, o profesor González Cespón. “No meu caso, como docente que tamén participa neste programa, teño que dicir que desde os seus inicios me pareceu unha iniciativa do máis interesante e o feedback que nos chega do alumnado vai sempre nesa liña”, recalcou Torres, ao que Pardo engadiu que é un “verdadeiro orgullo poder participar con outras escolas e facultades nun proxecto que, sen dúbida, enriquece o voso proceso formativo e futuro profesional”.

“Tal e como sucede no mundo laboral”

Na súa intervención o profesor González Cespón fixo balance dos dez primeiros anos de vida do congreso. “Desde ese inicio, en decembro de 2012, pasaron por esta experiencia máis de 1500 estudantes de cinco centros da Universidade de Vigo, contando coa colaboración de máis de 20 docentes implicados”, salientou o profesor, quen aproveitou a ocasión para agradecer o traballo dos outros dous docentes que, xunto a el, coordinan na actualidade a iniciativa: José Antonio Alonso Rodríguez e Lucía Díaz Vilariño. “Neste tempo todos temos aprendido moito, melloramos a realización das presentacións e incorporamos a metodoloxía Design Thinking para levar a cabo os traballos máis complexos”, recalcou Cespón.

O principal reto para a realización dos traballos é, a xuízo do coordinador do congreso, “conxugar no alumnado os diferentes horarios, visións e linguaxe propia dos problemas a resolver, tal e como sucede no mundo laboral”. Por este motivo, defende esta experiencia como un “excelente xeito” de achegarlles este tipo de competencias ao alumnado.

No referente ás temáticas dos proxectos Cespón admite que é inmensa, se ben, desde o seu punto de vista, convén destacar os proxectos con compoñente social “que nos permiten coñecer de cerca e abordar problemas tales como mobilidade de persoas con diferentes discapacidades, problemas de carácter medioambiental con diversas propostas para o reciclado de produtos ou incluso a suxestións de aplicacións para a mellora dos servizos universitarios, así como un longo etcétera de propostas de solución a diversos problemas”.

Os temas sociais e sanitarios teñen cada vez máis peso no congreso

Esta XIX edición do congreso reúne a participación de 138 estudantes da Escola de Enxeñería Industrial e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como de preto dunha ducia de docentes (tres de CCXXT, catro da EEI e outros catro de Ciencias Económicas e Empresariais). En total presentáronse 26 proxectos de temáticas moi variadas. As presentacións arrancaron cun proxecto de mellora da seguridade dunha prensa hidráulica e continuaron con outro centrado na xestión de préstamo universitario de ordenadores portátiles. Como é habitual houbo moitos proxectos de carácter social, desde un bastón intelixente para persoas invidentes, ata outro de mellora da calidade de vida en persoas con mobilidade reducida, pasando por unha pulseira NFC de axuda en semáforos para xordocegos.

Os temas relacionados coa saúde protagonizaron tamén moitas das presentacións. Entre as máis curiosas un dos grupos presentou un sistema de eliminación do pánico na realización de resonancias; outros, un sistema de mellora de conduto respirador para a súa utilización en UCI ou quirófano; outro grupo centrou a súa presentación na optimización de recursos para simplificar unha colonoscopia e outro aproveitou este encontro para presentar un dispositivo de detección de gasas en pacientes durante unha intervención cirúrxica.

O respecto e protección do medio ambiente tamén está moi presente nas presentacións. Entre outros exemplos, o alumnado trouxo ao congreso o deseño dun edificio de vivendas sostible enerxeticamente, a creación de materiais de construción a partires de plástico reciclado do mar ou cuestións relacionadas co desperdicio de alimentos e as súas consecuencias para o medio.