Investigadores da UVigo participan nun artigo publicado na revista 'Cretaceous Reseach'
Coníferas e fentos eran a base da alimentación dos dinosauros herbívoros na península ibérica no Cretácico Inferior
O estudo identifica a flora que conformaba os ecosistemas continentais de hai 125 millóns de anos
Un equipo multidisciplinar e internacional de paleontólogos acaba de publicar un estudo no que dan a coñecer o tipo de vexetación que formaba parte dos ecosistemas ibéricos con dinosauros durante o Barremiense superior, a cuarta idade do Cretácico inferior. Deste xeito, a investigación, que acaba de ser publicada pola revista Cretaceous Research, permite identificar a flora que conformaba estes ecosistemas hai 125 millóns de anos e, polo tanto, determinar que as coníferas e os fentos eran a base da alimentación dos dinosauros herbívoros naquel período.
O estudo foi realizado por un equipo de investigadores da Universidade de Vigo, da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), da UNED, da Universidade de Bonn e do Museo de Historia Natural de Suecia. O autor principal do artigo é Iván Rodríguez-Barreiro, que xunto con José Bienvenido Diez, ambos do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio, son os representantes da UVigo neste proxecto, no que tamén colabora Artai Santos, que realizou o seu doutoramento na universidade olívica pero agora está incorporado Naturhistoriska riksmuseet, en Estocolmo.
Coníferas xigantescas e fentos arborescentes
O estudo céntrase nos sedimentos que afloran na comarca de Els Ports, e máis concretamente, na localidade de Morella (Castellón). Esta é unha zona de especial relevancia para a paleontoloxía na península ibérica pola abundancia de restos fósiles de dinosauros que habitaron esta rexión hai uns 125-120 millóns de anos, durante o Cretácico Inferior. Non obstante, nas últimas décadas foron moi poucos os traballos que se centraron es investigar sobre a vexetación que conformaría os ecosistemas e, polo tanto, unha parte importante da dieta de dinosauros como Iguanodon ou Morelladon.
Este novo traballo presenta unha detallada descrición dos restos palinolóxicos dun dos últimos xacementos localizados na Concesión Minera Vega del Moll, que ademais sacou á luz un novo, e aínda por estudar, exemplar de dinosauro relacionado coa especie Iguanodon bernissartensis. En total, os investigadores puideron documentar un total de 27 xéneros de esporas, poles, algas e dinoflaxelados e, cos datos obtidos, identificar que “as comunidades de plantas que acompañaban as poboacións deste dinosauro estaban dominadas por coníferas que podían acadar grandes dimensións”, como o grupo das extintas Cheirolepidiaceae. Ademais, engaden os investigadores, “estaban acompañadas de fentos arborescentes do grupo das ciateáceas e outras coníferas que acadaron xigantescas alturas pertencentes ao grupo das podocarpáceas, actualmente restrinxidas ao hemisferio sur”. Toda esta vexetación, explican, estaría secundada por un denso sotobosque formado por fentos de pequeno tamaño e plantas hepáticas, entre as que se moverían as poboacións de Iguanodon e outros dinosauros de costumes gregarios.
Coñecida a flora deste ecosistema, os investigadores puxeron o foco nos hábitos alimenticios de dinosauros como Iguanodon ou Morelladon, e os resultados obtidos suxiren que tanto as frondes destes dous grupos de fentos como as follas desas coníferas poderían estar entre as principais fontes de alimento das poboacións europeas máis meridionais de Iguanodon bernissartensis.
Un ecosistema cálido e húmido
Nestes traballo os investigadores tamén estudaron o ambiente sobre o que se depositaron os materiais que deron lugar ao xacemento e discutiron a súa relación cos ambientes sedimentarios doutras localidades europeas nas que tamén se acharon restos fósiles do dinosauro Iguanodon bernissartensis. En concreto, a evidencia fósil tanto florística como sedimentolóxica indica, segundo os expertos, que o ecosistema nesta rexión peninsular correspondíase cun bosque costeiro moi próximo a unha zona deltaica na que as condicións ambientais eran cálidas e húmidas.
Finalmente, desta análise comparativa tamén se puido determinar que esta especie de dinosauro herbívoro, amplamente distribuído pola rexión máis occidental do que actualmente é Europa, presentaba unha ampla plasticidade en canto á selección de ambientes, o que lle permitiu ser un dos dinosauros cun maior éxito ecolóxico dentro das comunidades con dinosauros do Cretácico Inferior europeo.