DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Especialistas de España, México e Brasil participarán este martes 21 nunha xornada virtual

A conmemoración do Día Europeo da Mediación porá o foco na súa aplicación en mútiples ámbitos da vida 

A través de relatorios centrados na saúde mental ou no seu uso nas escolas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/01/2025

Un ano máis, a Universidade de Vigo súmase á conmemoración do Día Europeo da Mediación, que se celebra este martes 21 de xaneiro, cun acto que reúne diferentes especialistas e profesionais especializados neste proceso de resolución de conflitos a través do acordo entre as persoas implicadas. Promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), esa xornada desenvolverase de xeito virtual, na tarde deste martes, coa participación de especialistas de España, México e Brasil. Aberto ao público, o acto porá nesta ocasión o foco nos múltiples ámbitos de aplicación deste mecanismo de resolución de conflitos, desde a súa incidencia na saúde mental ata o seu uso nos centros educativos. 

Ao mesmo tempo, a xornada buscará promover un intercambio de coñecemento con expertos e expertas de América Latina, “coa que temos unha forte vinculación, tanto desde a cátedra como desde a Cuemyc”, sinala a catedrática Francisca Fariña, coordinadora desta xornada virtual, que se desenvolverá a partir das 16.30 horas no Auditorio Principal do Pazo de Congresos da UVigo en Campus Remoto. Baixo o título de Día Europeo da Mediación: unha visión iberoamericana para mellorar a xustiza e promover a paz, trátase dunha xornada dirixida a abordar “os retos e oportunidades da mediación dende unha perspectiva iberoamericana”, á vez que a “visualizar que é un proceso que axuda a resolver conflitos e controversias en calquera ámbito da vida das persoas”, como destaca Fariña. O evento busca así mesmo pór en valor a importancia desta ferramenta en calquera tipo de institución, de acordo co ODS 16 da Axenda 2030, así como “difundir a cultura de paz, na Universidade e na sociedade”, como destaca a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor.

Do patrimonio cultural á regulación emocional

“A mediación pode aplicarse en calquera conflito ou controversia”, subliña Fariña respecto do eixe central dun acto conmemorativo no que os relatorios dos veranse complementados por un debate final. A primeira das intervencións, Patrimonio cultural e mediación: camiñando cara novos horizontes, correrá a cargo do investigador Nekbet Corpas, integrante do equipo de dirección do mestrado de mediación da Universidad Complutense de Madrid. Director da Escola de Mediación do Estado de Río de Janeiro e fundador do Instituto de Direito, Processo e Justiça (Idpjus), Adriano Moura, protagonizará a segunda das presentacións, baixo o título de Consensualidade, normatización e sistemas

A continuación, o coordinador do Laboratorio de Psicoloxía Xurídica da Universidad de Yucatán, Paulino Dzib Aguilar, abordará os “retos” da mediación no eido da saúde mental. Non en van, como lembra Fariña, ademais de promover un acordo entre as partes, este método permite tamén promover o benestar das persoas que se atopan nunha situación de conflitos, o que fai especialmente relevante que o procedemento teña en conta a importancia das emocións, a empatía ou o apoderamento. Finalmente, a última das intervencións, Técnicas de mediación para a regulación emocional dende a escola, a cargo da profesora da UVigo Katia Rolán, centrarase na súa aplicación no ámbito educativo, “onde pode realizarse mediación entre iguais, pero tamén mediación entre o profesorado e o alumnado, o profesorado e os pais...”, lembra a coordinadora desta xornada.