Unha serie de obradoiros no campus de Pontevedra abriron a programación do 11F
A conmemoración do Día da Muller e na Nena na Ciencia arranca na UVigo “rachando estereotipos”
Nas actividades participaron 50 estudantes do IES A Xunqueira I
Co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos, a Universidade de Vigo promove ao longo deste mes un amplo programa de actividades conmemorativas do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Esta programación botou a andar este mércores no campus de Pontevedra cos obradoiros desenvolvidos na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Comunicación, baixo o título de Rachando estereotipos polo 11F. Preto de 50 alumnas e alumnos do IES A Xunqueira participaron nas actividades destes dous centros, como talleres sobre o uso de imaxes por satélite na xestión forestal, loita contra a desinformación e creatividade publicitaria.
Ferramentas cartográficas
Preto de 25 alumnas tomaron parte nas actividades da EE Forestal, que arrancaron cunha visita ás instalacións da escola, guiada pola estudante Laura Villegas, e completáronse cun percorrido polo arboreto do campus. Previamente, este grupo de alumnas de 4º da ESO participou nun taller sobre ferramentas cartográficas impartido pola profesora e investigadora Julia Armesto, quen animounas a contemplar “a carreira investigadora como unha opción profesional”, á vez que lembroulles que “as carreiras tecnolóxicas tamén son para elas”, como amosan “as taxas de éxito académico” das estudantes destas titulacións.
Co obxectivo de que “teñan unha visión das ferramentas que empregamos na investigación”, Armesto convidounas neste taller a realizar unha “navegación temporal” empregando imaxes aéreas actuais e históricas, coas que observar cuestións como os cambios na extensión dos bosques. Do mesmo xeito, empregaron imaxes por satélite para observar os efectos dos incendios forestais e da deforestación e achegáronse ao uso da tecnoloxía LiDAR para cartografar masas de forestais.
Desinformación e creatividade
No caso da Facultade de Comunicación, foron 23 alumnos os participantes nuns obradoiros que se viron precedidos pola benvida da decana, Emma Torres, e das profesoras Mabel Míguez e Beatriz Legerén, coordinadoras dos grupos de investigación Sepcom e VNPC, respectivamente. O propósito deste encontro era tanto que coñecesen o labor investigador no ámbito das ciencias sociais que se leva a cabo nun centro no que "rompemos estereotipos”, salientou Torres, como o traballo concreto de dous grupos de investigación liderados por mulleres en ámbitos como a loita contra a desinformación ou o deseño de produtos interactivos de entremento, como videoxogos.
A continuación, os estudantes puideron abordar a partir de exemplos próximos, como contidos difundidos a través das redes sociais ou titulares virais, a problemática da desinformación e aprender a detectala. Impartido por Míguez, este taller buscaba "fortalecer hábitos de verificación e pensamento crítico”, á vez que presentarlles exemplos de desinformación que “afectan de maneira específica a mulleres e reforzan estereotipos ou dinámicas de acoso”. A continuación, puideron afondar tamén “no impacto que ten a publicidade sobre os patróns de consumo”, nun obradoiro impartido por Jesús Pérez Seoane. Entre outros aspectos, o docente afondou nas “implicacións éticas da publicidade” e en como esta pode contribuír "a perpetuar estereotipos sociais e sexistas”.
Actividades ao longo do mes
A programación do 11F na UVigo continúa este venres no campus de Ourense e esténdese ao longo de febreiro, abranguendo obradoiros, feiras, charlas, proxeccións. concursos e encontros coa comunidade educativa. Entre outras actividades, o martes 11 de febreiro desenvolveranse no campus de Vigo os obradoiros ElasFanCienTec, que, como aconteceu nesta xornada, presentan neste ano a novidade de que o alumnado visitará as facultades máis feminizadas, mentres que as alumnas achegaranse a ámbitos tradicionalmente masculinos. Este programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as escolas e as facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
