Coa visita ao centro da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro
A Consellería do Medio Rural achégase ao labor docente e investigador da EE Forestal
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, coñeceu este venres de primeira man o labor docente e investigador que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal, na súa primeira visita ao centro tras o seu nomeamento como responsable deste departamento da Consellería de Medio Rural a finais de decembro. Acompañada polo equipo directivo, Piñeiro percorreu os laboratorios e instalacións dunha escola da que é egresada, co obxectivo de avanzar no reforzo da colaboración entre a EE Forestal e a administración autonómica.
A visita permitiu presentar á representante de Medio Rural “os proxectos e liñas de investigación que se están desenvolvendo”, explica a directora, Ángeles Cancela, que estivo acompañada nesta xuntanza polo subdirector do centro, Juan Picos, e o secretario académico, José Manuel Casas. Ademais de para afondar en proxectos que a escola xa desenvolve coa Xunta, como o Inventario Forestal Continuo de Galicia, este encontro buscaba tamén achegala aos diferentes eidos nos que poden xurdir “futuras colaboracións en materia de investigación”.
Nese senso, unha das cuestións abordadas neste foi “o potencial que ten Pontevedra como polo forestal”, xa que, ademais desta escola, no municipio aséntanse o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Misión Biolóxica de Galicia, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Neste punto, Cancela puxo de relevo “as posibilidades de colaboración entre os diferentes centros, así como coa propia Consellería” e a vontade da escola de potenciar liñas de traballo conxuntas, “como unha entidade pública ao servizo da sociedade”.
