DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa renovación de varios convenios por un importe de 130.000 euros 

Consellería de Política Social, universidades e UNED suman forzas a prol da formación das persoas maiores 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/05/2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García; o director xeral de Maiores e Discapacidade, Fernando González; os reitores das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, Manuel Reigosa, Antonio López e Julio Abalde; e o director do centro da UNED da cidade de A Coruña, Germán Carro, asinaron este luns a renovación dun convenio polo que o departamento da Xunta achegará para a formación de persoas maiores este ano 2021, un total de 130.000 euros. Un montante destinado polo executivo galego aos programas sénior, que se incrementa, segundo confirmou a conselleira, un 12%, co obxectivo de ofrecer, apuntou Fabiola García, “cursos, que non só serven para que estas persoas se sintan acompañadas, atendidas e ben coidadas, senón que lles permita que se coñezan, que falen entre elas e establezan un diálogo interxeracional cos máis novos”. Neste sentido, a titular de Política Social fixo referencia a iniciativas preparadas pola Dirección Xeral de Xuventude coa finalidade de captar coñecementos e que a mocidade aprenda ao tempo que as persoas maiores se senten útiles. “Galicia é unha comunidade na que vivimos moitísimos anos, pero todos eses avances médicos teñen que ir acompañados de avances sociais”, dixo a conselleira.

Pola súa banda, os reitores das tres universidades galegas gabaron o programa Universidade Sénior, que, Manuel Reigosa, reitor da UVigo, considera “unha satisfacción”, ao tempo que destacou que pon en valor ás persoas maiores “que teñen moito que aprender, pero tamén moito que compartir”. Mentres, o reitor de Santiago, Antonio López, destacou a “magnífica oportunidade que ofrece a iniciativa” a un colectivo de persoas que, nalgúns casos, no seu día non puideron acceder á educación superior, e o reitor de A Coruña referiuse á boa disposición das e dos docentes para impartir estes cursos, “porque unha vez que se estrean, piden seguir indo”, dixo Julio Abalde. 

Programa para maiores e Proxecto de democratización do coñecemento na UVigo

32.000 euros destinará a Consellería de Política Social ao Programa Universitario para Maiores no exercicio 2021 na UVigo, segundo se recolle no convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira Fabiola García e o reitor vigués, Manuel Reigosa. O programa, que conta con dous ciclos: intensivo e integrado, impártese de xeito simultáneo nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Pola súa banda, co obxectivo de potenciar e difundir o saber científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos das comarcas nas que se desenvolverá o Proxecto de democratización do coñecemento, os contidos desta iniciativa no caso da UVigo centraranse na arte, historia e cultura do concello; saúde, benestar e deporte e ciencia e tecnoloxía. A Universidade de Vigo desenvolverá o seu proxecto nos concellos de Bueu, Celanova e Carballiño, cunha previsión de orzamento para afrontar esta actuación de 5000 euros.