DUVI

Diario da Universidade de Vigo

1º Premio FEGAS á Investigación Básica

A Consellería de Sanidade premia un traballo do Laboratorio de Endocrinoloxía

A investigación céntrase na carencia da hormona de crecemento en adultos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/02/2008

Un traballo sobre a eliminación da hormona de crecemento en suxeitos adultos fixo merecedor ao Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade do 1º premio FEGAS á Investigación Básica outorgado pola Consellería de Sanidade. O galardón, que recoñece o importante labor que se está a facer en investigación médica en Vigo, será entregado pola conselleira, Mª José Rubio, nun acto que se celebrará este luns 18 de febreiro na sede da consellería en Santiago de Compostela.
Dirixido polo profesor Federico Mallo, este premio pon o broche de ouro a unha liña de investigación que se ven desenvolvendo no Laboratorio de Endocrinoloxía dende hai arredor de sete anos. A carencia da hormona de crecemento en persoas adultas é unha alteración pouco frecuente e difícil de identificar, pero que ten múltiples efectos na regulación do metabolismo. “É unha hormona moi importante para manter, por exemplo, o tecido adiposo a raia. As persoas que sofren esta alteración poden ter tendencia a engordar, un risco cardiovascular máis alto ou cun certo descenso do rendemento físico e intelectual”, explica Mallo.
“Para nós o premio é un enorme motivo de satisfacción, pois é a súa primeira edición e ven avalado pola Consellería de Sanidade. Sobre todo, é o recoñecemento dun traballo ben feito. Hai que ter en conta que é un proxecto de investigación, algo que non sempre ten acomodo nos centros sanitarios de Galicia”, continuou o profesor.
O equipo de traballo que levou a cabo esta investigación está composto, ademais do profesor Federico Mallo, director do proxecto, por Pablo Fernández Catalina, quen, ademais de docente, é membro do Servizo de Endocrinoloxía do Hospital de Montecelo, e as doutoras Concha Páramo e Mª Amelia Andrade do Hospital Xeral-Cíes de Vigo.
Anteriormente a este premio, os resultados deste proxecto foron xa publicados, entre outras, na Journal of Clinical Endogrinology Metabolism e na Clinical Endocrinology, as dúas primeiras publicacións en índice de impacto en endocrinoloxía clínica.

Laboratorio Endocrinoloxía

A endocrinoloxía é a ciencia que estuda as hormonas, mensaxeiras químicas que regulan as funcións das células sobre as que actúan, explica de xeito sinxelo Federico Mallo.
“No laboratorio levamos a cabo dous tipos de traballo, unha parte de investigación básica, centrada sobre todo, no estudo das sinais que regulan a inxesta de alimentos e o apetito, así como as súas posibles aplicacións en dúas patoloxías: a obesidade e a diabete. A outra parte é máis clínica e aquí é onde estudamos diferentes alteracións que teñen que ver coa hormona do crecemento”.

Premios FEGAS

Os premios FEGAS, Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria, nacen para apoiar a investigación de calidade e excelencia e recoñecer o labor investigador dos profesionais que contribúen a xerar achegas de relevancia en Galicia en materia sanitaria.
Ademais da modalidade de investigación básica, coa que foi galardoada a Universidade, convocáronse outras cinco: saúde pública, asistencia sanitaria, xestión e servizos xerais e teses de doutoramento.