DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor apuntou que xa se traballa co Concello na preparación do convenio

O Consello de Campus aborda os avances de cara a cesión da parcela de Tafisa

Na sesión afondouse tamén nas iniciativas impulsadas para promover a Ciencia Aberta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/12/2021

Os avances no proceso de elaboracion dun convenio co Concello de Pontevedra para a cesión á Universidade dunha parcela nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa e as negociacións do novo mapa de titulacións e do plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) centraron este xoves o informe que o reitor, Manuel Reigosa, presentou no Consello de Campus de Pontevedra. Nunha sesión que combinou a asistencia presencial e virtual, Reigosa sinalou que a institución académica atópase traballando co Concello no convenio que permitiría á UVigo dispor da parcela na que proxecta a construción da futura sede das facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública. As diferentes iniciativas impulsadas co obxectivo de fomentar a Ciencia Aberta e as actividades promovidas nos últimos meses pola Vicerreitoría de campus foron tamén abordadas nunha sesión ordinaria que completaron os informes da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

No referido aos "avances" de cara a cesión da parcela de Tafisa, Reigosa sinalou que o Concello xa trasladou á Universidade unha “primeira versión do convenio”, pendente agora das modificacións que se poidan acordar. O reitor adiantou que o documento “vai no senso” do xa abordado no anterior Consello de Campus, a cesión dunha “parcela grande, con bastante edificabilidade e totalmente libre de cargas”, que á súa vez “non está ligada a devolver ningún dos edificios que o Concello nos ten cedido”, a Facultade de Belas Artes e a propia sede da Vicerreitoría. Como explicara na anterior xuntanza, a parcela destinaríase ao edificio ao que se trasladarían as futuras facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. A este respecto, apuntou que o proceso para a creación destes dous novos centros abordarase no Consello Galego da Universidades en xaneiro ou febreiro do vindeiro ano.

Plan de financiamento e mapa de titulacións

Na súa intervención, Reigosa detívose tamén no acordo recentemente alcanzado entre as tres universidades galegas e Xunta de Galicia respecto do plan de financiamento do SUG para o período 2022-2026. “É un bo acordo, que nalgunhas cuestións mellora bastante o plan actual, cun orzamento crecente ao longo de cinco anos” e que o vindeiro exercicio incrementará un 5,4% as achegas da Xunta ás tres institucións. “Dende logo, creo que fortalece o SUG”, concluíu o reitor, que amosou a súa satisfacción polo recoñecemento das dúas consellerías implicadas, a de Cultura, Educación e Universidade e a de Facenda, “á importancia que ten o sistema universitario público para sociedade galega”, nun momento “no que está a piques de empezar a traballar a nova universidade privada”. 

No referido ás negociacións do mapa de titulacións, Reigosa recoñeceu que “estase a traballar arreo” nos 13 mestrados saídos do informe proposto por Feuga, á vez que salientou o acordo acadado respecto dos criterios que rexerán a negociación dos novos graos. “Por exemplo, vaise ter en conta a especialización dos campus”, de tal xeito que impulsaranse titulacións “que veñan a fortalecer as que xa hai e establecer sinerxías”, destacou o reitor, que explicou que este proceso continuará unha vez se pechen os procesos electorais que nos próximos meses terán lugar na USC e na UVigo. 

Potenciar a Ciencia Aberta

A vicerreitora de Investigación centrou a súa intervención nas diferentes iniciativas impulsadas pola Universidade para potenciar a denominada Ciencia Aberta, unha das accións incluídas no selo de excelencia en Recursos Humanos de Investigación (HRS4R), da Comisión Europea, que a institución académica ostenta desde hai catro anos. Trátase, lembrou, dun concepto que “fai referencia á apertura das publicacións científicas”, pero que abrangue tamén os datos das investigacións, as metodoloxías e os procesos de avaliación, na procura dunha “contorna de investigación e innovación máis transparente”. No marco dese obxectivo, Rubio detallou o proceso para incorporar publicacións ao repositorio institucional, Investigo, do que se teñen descargado preto de 1,7 millóns de documentos, e que está á súa vez conectado co Sistema Unificado de Xestión de Investigación (SUXI) e co buscador de I+D+i da institución (BIDI). A vicerreitora presentou tamén o novo portal de investigación Dialnet, “que recolle de xeito automático, a partir de gran diversidade de fontes, a produción científica dos investigadores da UVigo” e afondou no proceso de traballo que unha comisión está a realizar para o deseño do novo plan estratéxico da Biblioteca Universitaria. 

No referido ás publicacións en aberto, Rubio fixo balance da evolución que rexistrou a Universidade nos últimos anos, nos que a porcentaxe de documentos en acceso aberto sobre o total dos asinados polos investigadores e investigadoras da UVigo na Web of Science (WoS) pasou dun 19% en 2010 a un 29% en 2019. Neste punto, puxo tamén en valor que nos últimos meses asináronse, a través da CRUE e do CISUG (Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia), “unha serie de acordos transformativos para impulsar a Ciencia Aberta, que nos permiten, ademais de acceder ás revistas a través de Science Direct, poder publicar sen coste adicional”, cunha financiación do 100% “nas editoriais máis prestixiosas, como Oxford, Willey, Elsevier, Cambridge, ACS e SCOAP”.

Balance das actividades do campus

Nun informe no que fixo balance das diferentes iniciativas impulsadas pola Vicerreitoría, Jorge Soto salientou, en materia de infraestruturas, que “iniciáronse xa as obras de acondicionamento” das tres plantas que a Universidade terá a súa disposición no edificio da Xunta en Benito Corbal. O vicerreitor referiuse tamén aos traballos que se están a acometer para a elaboración dun catálogo de servizos do campus, que xa finalizaron a súa primeira fase, estando prevista a súa posta en funcionamento no primeiro trimestre de 2022.

No referido ao Green Campus, destacou a aprobación do seu plan de acción para este curso, con 74 medidas, o desenvolvemento dunha nova semana de recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos e a participación da UVigo no Urban Mobility Challenge, na que acadou o galardón á entidade con maior engagement, dada a “notable fidelidade” dos membros da comunidade universitaria que participaron no reto. Soto referiuse tamén á recente celebración das III Xornadas de Investigación Campus Crea e á xornada Universidade-Empresa, así como á finalización do proxecto Erasmus+ Lapassion, do que o Campus Crea é o responsable de calidade. Por último, en materia de cultura, lembrou que a recente inauguración da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e as diferentes iniciativas impulsadas ao abeiro do convenio impulsado coa Concellaría de Promoción Económica, como os ciclos Música para reCREAr, Contos de Inverno e STREAM, as I Xornadas de Creación e Pensamento. Violencias á escena ou a Aula de Teatro.