DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión ordinaria celebrada este xoves

O Consello de Campus aborda os avances nas negociacións do mapa de titulacións e do plan de financiamento

O reitor informou do acordo acadado para a titulación de Intelixencia Artificial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 20/05/2021

O Consello de Campus de Ourense celebrou este xoves unha sesión ordinaria na que se abordou, entre outras moitas cuestións, o estado das negociacións do plan de financiamento das universidades galegas e o mapa de titulacións. Durante o seu informe, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, destacou como a consecución do grao e mestrado de Intelixencia Artificial e a ampliación de prazas do Grao de Enxeñaría Informática van mellorar a capacidade de “captación de alumnado e capacidades” do campus de Ourense.

Na busca de melloras

Na sesión, que puido ser seguida polos membros do Consello de Campus tanto de xeito presencial como virtual, o reitor da UVigo indicou respecto ao plan de financiamento para as universidades galegas que “aínda non hai ningún acordo nin preacordo pero si que hai unha postura bastante achegada entre as tres universidades”, apuntando como “é probable que en breve teñamos unha postura común, o cal é un bo punto de partida para esta negociación”. Sobre os prazos desta negociación apuntou que “intentaremos que remate antes de setembro para que poida ser contemplada nos orzamentos do ano 2022 con certa normalidade”. Manuel Reigosa indicou que “pensamos que podemos ter un plan de financiamento mellor que o anterior” pero advertiu que “ninguén sabe como vai a evolucionar a economía galega” e o seu posible impacto neste senso.

Sobre o mapa de titulacións, o reitor lembrou como está en riba da mesa a listaxe de mestrados propostos pola Xunta de Galicia e Feuga na iniciativa Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias. “Estamos agardando a que os centros manifesten que mestrados lles parece interesante organizar e tamén liderar. Nós imos intentar facer valer todo o noso potencial, é dicir, o profesorado que xa temos e as especialidades coas que contamos” comentou Manuel Reigosa. O responsable académico amosou neste senso o seu desexo de que “neste asunto poidamos ter o mesmo éxito negociador que no tema de Intelixencia Artificial”, apuntando que “con certa xenerosidade, pensando en termos de sistema universitario galego, eu creo que a oferta pode mellorar”. Igualmente, o reitor salientou como aínda que o mapa de titulacións non está tan aberto como noutras ocasións, “imos ver se podemos aproveitar esta etapa”, na que indicou “hai unha certa apertura parcial”, para “seguir dando pasos para mellorar a oferta que fai a Universidade de Vigo nos tres campus”.

Entre outros aspectos, no tema de titulacións o reitor falou tamén do acordo acadado entre as tres universidades galegas e a Xunta para impartir de xeito interuniversitario o grao e mestrado en Intelixencia Artificial, tendo en Ourense unha das súas sedes. Foi, indicou, “un tema complexo que finalmente se solucionou dun xeito acaído”. Esta nova oferta, subliñou, “vainos permitir formar xente pero tamén atraer profesorado e vai a xogar un papel dentro da cidade e dentro da mobilización económica e social tanto da cidade como da provincia”. Reigosa tamén destacou a boa disposición de inicio tanto da Deputación como do Concello de Ourense para a creación dun edificio para esta nova titulación. A consecución do grao e mestrado en Intelixencia Artificial e o incremento de prazas no Grao de Enxeñaría Informática, indicou Reigosa, permitirá ao campus de Ourense “ter unha oferta mellor” que contribuirá a “mellorar a súa xa excelente saúde”.

Outro tema abordado na sesión deste xoves foi o futuro de Citaca, unha vez que as agrupacións estratéxicas quedan fóra do financiamento da Xunta de Galicia. O reitor salientou como se está a traballar na busca dunha solución tendo en conta que “somos moi sobresaíntes na investigación que se fai no eido agrícola e alimentario”. Esa solución pasaría pola súa evolución cara un instituto ou centro de investigación nucleado polos grupos de investigación de Ourense, aínda que igual que na etapa anterior estaría aberto á participación de grupos doutros campus.

Outros temas

Nesta ocasión, o Consello de Campus de Ourense contou tamén coa intervención de Mónica Valderrama, vicerreitora do Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, e Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense. Esther de Blas fixo balance das actuacións levadas a cabo desde o seu departamento desde a última reunión do Consello de Campus, facendo especial fincapé na actividade do Campus Auga e na programación cultural desenvolvida, na que destacou as actividades relacionada coas Letras Galegas. Pola súa banda Mónica Valderrama presentou a nova campaña de comunicación da Universidade de Vigo, que ten por slogan 'Vivo UVigo' e que está destinada á captación de alumnado para o vindeiro curso académico.