As microcredenciais foron unha das cuestións centrais da sesión desenvolvida este mércores
O Consello de Campus aborda a posta en marcha de programas formativos para a recualificación de traballadores e traballadoras
O reitor salientou tamén o acordo para a futura creación da Facultade de Enfermaría
A próxima posta en marcha por parte das universidades galegas das microcredenciais, programas formativos de curta duración orientados á recualificación de traballadores e traballadoras foi un dos puntos centrais do Consello de Campus de Pontevedra celebrado este mércores. A futura implantación destes programas foi unha das cuestións nas que afondaron tanto o reitor, Manuel Reigosa, como o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, nunha sesión na que abordouse tamén a sinatura nesta xornada dun protocolo de actuación entre a Xunta de Galicia, a ACSUG e as tres universidades galegas para o desenvolvemento dun plan de mellora do ensino universitario de enfermaría. Este acordo foi definido polo reitor “como un paso que estabamos esperando desde hai tempo” e que permitirá avanzar no proceso de creación da futura Facultade de Enfermaría, na que se inserirían os actuais centros adscritos dos tres campus da UVigo.
Aposta pola formación ao longo da vida
Na sesión celebrada na Casa das Campás, Alfonso Lago realizou unha presentación inicial da futura convocatoria destas microcredenciais, que contarán co financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dun convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta e as tres universidades públicas galegas. “As microcredenciais son pequenos cursos de formación para a recualificación da poboación de 25 a 64 anos", orientadas á "adquisición de coñecementos, habilidades e competencias nunha contorna laboral cambiante”, salientou o vicerreitor, que explicou que estes programas formativos abranguerán “itinerarios profesionais de aprendizaxe personalizada”. Estes partirán das demandas “da sociedade e do mercado de traballo” e permitirán obter unha “certificación dixital Europass da Universidade de Vigo”, que será válida dentro da Unión Europea.
Ao mesmo tempo, engadiu Reigosa, existiría tamén a posibilidade “de que xuntando varias microcredenciais poida obterse un título de máis entidade”, o que levou ao reitor a subliñar o positivo dunha iniciativa que permitirá á Universidade definir “coas empresas da nosa contorna” unha serie de programas formativos “que sirvan para a recualificación do persoal traballador”. Reigosa apuntou que está previsto que a UVigo conte cun financiamento de preto dun millón de euros para a organización destes cursos, “durante un período dun ano”, ao tempo que recalcou que “as microcredenciais chegaron para quedarse”. Nese senso, lembrou que “dentro da estratexias que temos para fortalecer a Universidade” inseríase á creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente, “que está collendo bastante pulo e xa ten bastantes iniciativas en marcha”, contribuíndo á aposta da institución por promover “a formación ao longo de toda a vida”. Nesta estratexia, as microcredenciais constitúen “unha boa ferramenta”, recoñeceu Reigosa, quen sostivo que no futuro “teremos que facer cada vez máis este tipo de formación”.
Continúa o proceso de creación dun instituto de investigación
No referido aos traballos para a posta en marcha dun instituto de investigación no campus centrado no deporte, Reigosa recoñeceu que “o proceso está moi adiantado”, destacando o traballo do catedrático Carlos Lago como responsable da súa posta en marcha. O reitor anunciou unha próxima xuntanza cos grupos de investigación, tras a que "logo haberá que facer un chamamento para que a xente que queira participar se sume” ao instituto, cuxa creación deberá someterse á aprobación por parte dos órganos de goberno da Universidade. O que sería o primeiro instituto de investigación do campus estará “fortemente relacionado” coa investigación no eido do deporte, aínda que cunha “visión ampla”, que permita a inclusión de grupos “que teñan certa relación coas temáticas que se van abordar”, recalcou. Nese senso, Reigosa expresou o seu desexo de que poida converterse “nun factor de mobilización importante da investigación no campus”.
Fomento da empregabilidade do alumnado
A sesión completouse co informe no que a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, fixo balance das diferentes iniciativas promovidas nos últimos meses, deténdose tanto na programación cultural como na última edición da Semana da Creatividade, á vez que anunciou tamén unha nova edición en Pontevedra do programa EmpregoinCampus. Desenvolvido xunto coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e co apoio do Consello Social da UVigo, abrangue un conxunto de actividades que teñen como obxectivo “favorecer e mellorar a empregabilidade do alumnado”, que se levarán a cabo “en dous períodos”, no remate de curso e no primeiro cuadrimestre do vindeiro. Entre as accións previstas atópase a celebración de mesas redondas, xuntanzas con empresas e xornadas de orientación laboral en diferentes facultades e escolas.
A vicerreitora lembrou tamén a recente celebración do Trofeo Ría de Pontevedra, regata que puxo peche á programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio no presente curso. Por outra banda, en materia de infraestruturas, destacou que vén de completarse a instalación da nova canalización de auga para o subministro de Fisioterapia, da EE Forestal e da Escola Infantil, ao igual que a substitución do pavimento na pista do Pavillón Universitario.