DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proceso de actualización do seu plan estratéxico foi unha das cuestións abordadas nesta reunión

O Consello de Campus aborda a reactivación dos traballos para a acreditación do Campus Crea

O reitor informou da “folla de ruta” para acadar o selo de especialización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/01/2023

A “folla de ruta” dos traballos para que o Campus Crea sexa recoñecido como campus de especialización pola Xunta de Galicia foi unha das cuestións centrais da primeira reunión do Consello de Campus de Pontevedra neste 2023, que tivo lugar na mañá deste xoves na Casa das Campás. Ademais dos informes do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, esta xuntanza puxo o foco na “aposta por reactivar os traballos do campus de especialización”, que, como sinalou o reitor, pasan en primeiro termo por acometer unha actualización do plan estratéxico.

“Quería informar á comunidade universitaria da folla de ruta que imos levar adiante para poder presentar a documentación á Xunta de Galicia a inicios do ano que vén”, explicou Reigosa, que destacou a importancia que ten esta “reactivación do proceso”, xa que “entramos nunha etapa na que podemos empezar a chamar á porta da Xunta para a acreditación do Campus Crea como campus de especialización”. Nese senso, Reigosa informou nesta xuntanza do inicio dos traballos de actualización do plan estratéxico e de preparación da documentación necesaria para remitir a proposta ao Goberno galego e que esta sexa avaliada “por un comité externo de persoas de gran prestixio de fóra de Galicia”.  

Acadar esta acreditación para un proxecto de especialización que ten como eixos a arte, comunicación e a creatividade; a educación, a innovación social e a xestión pública; o deporte, saúde e benestar e o medio ambiente e natureza, sería "moi positiva" para o campus, subliñou Reigosa. “En primeiro lugar, o proceso de acreditación, que creo que é un acerto da Xunta de Galicia, significa que cada un dos campus ten un selo especial”, salientou o reitor. Así mesmo, esta acreditación permitiría tamén que, “cando se amplíe o mapa de titulacións”, os campus teñan prioridade á hora de incorporar aqueles novos estudos “que encaixen” cos seus proxectos de especialización. Ademais, sinalou Reigosa, a obtención desta acreditación é tamén “un selo de calidade extremadamente positivo” e leva aparellada un financiamento engadido, “durante un período de tres ou catro anos”, dirixido a “desenvolver accións que teñan que ver precisamente con esa especialidade ”. Trataríase nese senso, engadiu, duns fondos que contribuirán a “mellorar a nosa investigación, transferencia, divulgación e a propia docencia”. 

Actividades que conectan Universidade e sociedade

Por outra banda, a vicerreitora do campus abriu a súa intervención trasladando “en nome da institución e do equipo de goberno o pésame tanto á familia, como á Facultade de Belas Artes” polo pasamento o pasado domingo do profesor Juan Carlos Meana, para logo deterse nas “diferentes iniciativas englobadas no Campus Crea” que se levaron a cabo nos últimos meses. Lantarón lembrou nese senso os premios CREA-Creatividade e Innovación e Crea Economía Social, así como o programa In-Teams, así como os ciclos Música para reCREAr, Contos de Inverno e de oficios tradicionais ou as xornadas Creación e pensamento, que se centraron na saúde mental. Un conxunto de iniciativas que, sumadas a iniciativas como as aulas de teatro e música tradicional ou o coro, “entroncan de maneira clara á sociedade coa Universidade, con actividades abertas a toda a cidadanía”, sinalou.

Alén destas cuestións, a vicerreitora referiuse tamén o novo protocolo de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra e explicou que atópanse traballando coa institución provincial “para concretar as convocatorias que se van impulsar” ao abeiro deste acordo marco. Por outra banda, Lantarón abordou tamén o programa de actividades que a UVigo desenvolve coa Escola Naval Militar no marco da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, dentro da que, adiantou, “estamos intentando organizar unha competición de traiñeiras entre o alumnado do campus e da Escola Naval”, proposta para a que se está traballando na “captación de estudantado” a través da Área de Benestar, Saúde e Deporte.

Cambios legais e carreira investigadora

A reunión do Consello de Campus completouse co informe que a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación centrou nos cambios que a supón a modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación aprobada o pasado ano en ámbitos como a contratación, a carreira investigadora e a súa avaliación. Belén Rubio abordou en primeiro termo as modalidades de contrato previstas nesta lei, para logo pór o foco na creación da Unidade de Contratación de Persoal Investigador (UCPI), desde a que se impulsaron ao longo de 2022 un total de 13 convocatorias, con 326 prazas. A vicerreitora aludiu así mesmo ao certificado R3, como investigador establecido, que recolle esta modificación legal e “que equivale ao nivel R3 do selo HRS4R, á vez que informou da cota de reserva de prazas que recolle o Programa de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora para investigadores con este certificado. No referido á avaliación da carreira investigadora, Rubio resaltou a participación da UVigo no proxecto Coara (Coalition for Advancing Research Assessment), “unha coalición da que forman parte 400 institucións europeas” e que ten como obxectivo a busca de “novos criterios de avaliación” do persoal investigador, “que ata agora facíase sempre por publicacións en revistas JRC”, coa idea de “ter en consideración todo o abano de cousas que fai un investigador”.

Rubio abordou tamén as iniciativas impulsadas pola Universidade para promover a ciencia aberta, á que tamén fai referencia a modificación da lei, e centrouse tamén nos artigos do texto sobre “transversalidade de xénero e a integración da variable de xénero nos proxectos de investigación”, subliñando as medidas xa implantadas na UVigo neste eido, como a acción positiva na valoración da produción das investigadoras tras a maternidade e a redución a cero da docencia tras á súa reincorporación.