DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decreto de prezos públicos recolle a redución na matrícula dos másters non habilitantes

O Consello Galego de Universidades conxela, por décimo ano consecutivo, as taxas dos graos e os mestrados habilitantes

Tamén se aprobaron catro novos mestrados que a UVigo comezará a impartir o vindeiro curso 2020-2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/06/2020

Por décimo ano consecutivo, o custe da matrícula nun grao das universidades galegas no se vai incrementar. Así o acordou o Consello Galego de Universidades nun pleno celebrado na mañá deste luns, presidido pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, no que, entre outros temas, tamén se deu conta da oferta académica para o vindeiro curso 2020-21.

O CGU deulle o visto e prace ao decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2020/21. O documento, que deberá ser aprobado polo Consello da Xunta, recolle a conxelación, por décimo ano consecutivo, das taxas dos graos e dos másters habilitantes, aqueles necesarios para exercer unha profesión. Tamén se acordou a baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas dos mestrados non habilitantes, é dicir, os enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica, ata equiparalos aos prezos de grao universitario. 

Deste xeito, o prezo medio de matrícula dos mestrados non habilitantes pasará dos 26,49 €/crédito actuais (por debaixo dos 31,06 €/c de media do conxunto do Estado) aos 11,89 €/c de media establecidos xa para os graos universitarios e os mestrados habilitante. Segundo explicou o consellería, Galicia seguirá a ser no vindeiro curso a comunidade coas taxas de matrícula universitaria máis baixas do Estado, moi por debaixo da media do conxunto de España, como se ratifica no último informe do Ministerio de Universidades presentado a finais de maio ante a Conferencia General de Política Universitaria.

Catro novos mestrados na UVigo

O pleno do Consello Galego de Universidades deste luns tamén informou favorablemente da implantación de tres novos graos, sete mestrados e un programa de doutoramento para o vindeiro curso 2020-21.

Entre as novidades, a Universidade de Vigo ofertará o Mestrado en Dirección e Innovación da Cadea de Subministro e o Mestrado en Industria 4.0, de carácter interuniversitario en colaboración coa Universidade de León, ambos no campus de Vigo. Así mesmo, tamén con carácter interuniversitario, o curso próximo implantarase o Mestrado en Nanociencia e Nanotecnoloxía, conxunto entre a USC e a UVigo, nos campus de Santiago e Vigo respectivamente; e o Mestrado en Visión por Computador, conxunto entre o campus da Coruña, o campus de Lugo, o campus de Vigo e a Universidade de Porto. Ademais, as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo compartirán un novo Programa de Doutoramento en Turismo, que se impartirá nos campus de Santiago e Ourense.

No que respecta ás novidades da Universidade da Coruña, entrarán en funcionamento o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía; o Mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial e o Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares. Na Universidade de Santiago de Compostela comezarán a impartirse o Grao en Empresa e Tecnoloxía; o Grao en Bioquímica (ambos no campus de Lugo) e o Mestrado en Planificación e Xestión Territorial (nos campus de Santiago e de Lugo).

Cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense

Outro dos puntos do pleno do CGU foi a aprobación do cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense que pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social. Esta proposta, que foi aprobada en Consello de Goberno pola Universidade de Vigo no mes de decembro de 2019, responde á necesidade dunha denominación que poña en valor a multidisciplinariedade e interdisciplinariedade do centro, dando visibilidade ao título de Grao en Traballo Social que actualmente se imparte na Facultade de Ciencias da Educación.