DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Establece os procedementos de selección axustados ao regulamento laboral e ao selo HRS4R

O Consello de Goberno aproba por asentimento a nova normativa de contratación do persoal investigador da UVigo 

Reigosa e Rubio insisten en que “esta é unha norma viva, aberta ás achegas da comunidade”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/06/2022

A Universidade de Vigo dispón desde hoxe dunha nova normativa de contratación do persoal investigador, despois que así o aprobasen por asentimento os membros do Consello de Goberno que hoxe participaron na sesión extraordinaria, que se celebrou no paraninfo do edificio Ernestina Otero e tamén a través de Campus Remoto. Trátase, en palabras da vicerreitora en funcións de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, “dunha normativa viva e aberta a achegas da comunidade universitaria”, que deroga as dúas normativas que estaban en vigor ata o de agora, e que ten os obxectivos, por unha banda, de establecer os procedementos precisos para que a selección do persoal sexa axeitada ao establecido no selo europeo HRS4R, cumprindo os criterios OTM-R (Open, Transparent and Merit-based Recruitment) e, pola outra, axeitar os procedementos á normativa laboral, acorde coas leis existentes e cos Estatutos da UVigo . 

Este foi o punto máis salientable da orde do día da sesión extraordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe, que comezou cunha intervención do reitor en funcións, na que, a raíz dun escrito do colectivo Nós-Universidade solicitando a retirada de varios puntos da orde do día ao atoparse o equipo de goberno en funcións, Reigosa xustificou a urxencia en aprobar a normativa, así como a lexitimidade do equipo de goberno para levar ao órgano de goberno as cuestións que hoxe se trataron. Tras desculparse porque a normativa de contratación do persoal investigador non se negociase na mesa do PDI, “ao existir razóns de urxencia para facelo” , dixo Reigosa, en referencia   aos 70 investigadores que o 30 de xuño rematan o seu contrato, o reitor en funcións, asegurou que desde o punto de vista legal non existían “atrancos” para a celebración do Consello e que se sente “lexitimado e o que traemos aquí é o correcto”. 

Aínda que a normativa de contratación ocupou boa parte da sesión, os membros do Consello de Goberno tamén aprobaron hoxe por asentimento outras cuestións como as solicitudes de nomeamento como profesor emérito do catedrático do Departamento de Física Aplicada, José Luis Legido Soto, e as prórrogas durante outros dous cursos académicos dos xa eméritos Jesús de Juana López, catedrático do Departamento de Historia, Arte e Xeografía e Manuel Varela Lafuente, catedrático do Departamento de Economía Aplicada. No ámbito do profesorado, na sesión se aprobou a solicitude de prórroga da comisión de servizos da profesora de Dereito Penal Mª Inmaculada Valeije na Universidade de Santiago de Compostela e o procedemento para a transformación dos contratos de profesorado axudante doutor a profesorado contratado doutor interino. Tamén se deu o visto bo a dous novos títulos propios, os mestrados de formación permanente en Negocio Dixital e de formación permanente en Auditoría e Contabilidade. 

Nova normativa de contratación de persoal de investigación da UVigo

Da normativa aprobada hoxe, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación en funcións, Belén Rubio, destacou na súa intervención ante o Consello de Goberno a existencia dunha nova estrutura, a Unidade de Contratación de Persoal Investigador (UCPI), que será a que xestione a contratación de persoal investigador e todas as convocatorias, xa que “ata o de agora se estaba a facer dun xeito algo desordenado, mandándose a través de correos electrónicos, e agora vanse xuntar en  convocatorias únicas, que van ser penduradas no taboleiro, na web e tamén no caso de persoal investigador serán publicadas en Euraxess, para cumprir os criterios que esixe a UE e o mantemento selo europeo HRS4R”, explica Rubio.

Na normativa aprobada hoxe, destacou a vicerreitora en funcións, aparecen todas as figuras de contratación que se poden utilizar, sete en total, e que non se estaban usando ao existir ata hai uns meses a posibilidade de contratación por obra e servizo. “Ao desaparecer esta modalidade decidimos que era bo utilizar outras figuras que existían na Ley de la Ciencia e que ata agora non usabamos, como o contratado predoutoral ou postdoutoral, e agora todas estas se poderán usar con cartos de proxectos, de convenios, etc. É dicir, regula todas as posibles fontes de financiamento para eses contratos de persoal investigador e de persoal técnico de apoio á investigación”, sinala Rubio. A vicerreitora en funcións tamén destacou que a normativa inclúe transitorias para todas as persoas que foron contratados entre o 30 de decembro, que saíu a reforma laboral, e o 30 de marzo, que remataba o período para contratar ese persoal. “Con estas transitorias permítese que os investigadores principais que o desexen, poidan transformar eses contratos a indefinidos, sempre e cando cumpran dúas condicións: que teñan cartos en distintas partidas e que eses contratos iniciais foran publicados, ben na web, ou ben cun sistema competitivo e aberto”. Belén Rubio destacou que esta transitoria impedirá que finalicen repentinamente os seus contratos ou que teñan que agardar a que se volvan a convocar e volvan a saír. No caso de que os IP,s non teñan cartos ou non queiran continuar dese xeito, poden acollerse a algunha das sete modalidades de contrato existentes, algún deles novo, como o contrato de actividades científicas técnicas, que vai ligado a liñas de investigación, en lugar de a proxectos. “Realmente supón un cambio, na filosofía que estabamos acostumados os investigadores ao realizar os contratos por obra e servizo e de repente é un cambio radical, mesmo no xeito de xestionalo desde o punto de vista económico”, explica Rubio.

Na quenda de intervencións, Rebeca Díaz, Pedro Carro, Antonio Collazo e Marta Pazos trasladaron as súas dúbidas e reticencias en relación con algúns aspectos da normativa, como a forma na que se establecen os niveis de formación, o concepto de liña de investigación ou a ausencia dos representantes sindicais do PDI no proceso de negociación. Pola súa banda, tanto a vicerreitora de Investigación en funcións, como Reigosa, insistiron nas súas intervencións en que esta é unha normativa aberta e que unha vez que e constitúa a goberno levarase á mesa de negociación na que se amosaron convencidos de que se producirán achegas e modificacións que volverían a un novo Consello de Goberno. De feito, a vicerreitora en funcións confirmou que nas últimas horas se produciran na mesa de negociación tres modificacións ao texto orixinal que xa se  incorporaron e aprobaron na normativa que hoxe viu a luz.

Prórrogas de contratos de investigadores afectados polo confinamento e solicitudes dos centros de investigación 

Tamén no ámbito da investigación, os membros do Consello aprobaron hoxe por asentimento prorrogar os contratos de todos e todas os investigadores predoutorais e posdoutorais que se viron afectados polo confinamento de marzo a maio de 2020, situación que impediu ou dificultou o desenvolvemento axeitado das súas investigación, incluíndo os e as predoutorais de 2019 e os de retención de 2018, que por mor da covid sufriron un retraso na avaliación da certificación I3.

Outro dos puntos aprobados hoxe polo Consello de Goberno foi o de presentar as solicitudes dos centros de investigación da UVigo, CIM, Cinbio e AtlanTTic , segundo establece a Orde da Consellería de Cultura, Educación  Universidades de 26 e marzo de 2021, que regula  procedemento de aprobación de centros e institutos de investigación do SUG. Centros Cigus (Centros de Investigación del Sistema Universitario Gallego), antes singulares do SUG, na UVigo hai tres : CIM, Cinbio e AtlanTTic, pero non están aprobados pola Xunta como centros. “Non tiñamos un rexistro claro de aprobación como centro e agora o que nos pide a Xunta é que os queren incorporar ao rexistro de centros, de unidades de I+D+i do SUG e temos que facer o paso conforme ao marco normativo o artigo 19.2 da ley 6/2013 do 13 de xuño. Estes centros están acreditados e teñen financiamento, pero non fixeron o primeiro paso de aprobación das unidades de I+D+i  do SUG, e agora para regularizar a situación presentamos a solicitude que ten que autorizar ademais do Consello de Goberno, o Consello Social e Asesoría Xurídica”, detalla Rubio.

Novos eméritos e títulos e transformación de contratos de profesorado 

O Consello aprobou na súa sesión de hoxe a solicitude de nomeamento como profesor emérito do catedrático do Departamento de Física Aplicada, José Luis Legido Soto e as prórrogas durante outros dous cursos académicos dos xa eméritos Jesús de Juana López, catedrático do Departamento de Historia, Arte e Xeografía e Manuel Varela Lafuente, catedrático do Departamento de Economía Aplicada. Coa aprobación de estas tres solicitudes, a UVigo suma cinco eméritos, dos que dous rematarán no ano 2024. “Un docente ou unha docente para ser emérito na UVigo deberá xustificar requisitos que garanten a relevancia do servizos prestados: estar en situación de servizo activo, ser PDI de carácter permanente a tempo completo e ter a acreditación a catedrático de universidade, prestar servizos na universidade pública durante un mínimo de 30 anos, dos que polo menos os 20 últimos fosen prestados en servizo activo  tempo completo na UVigo, cumprir a idade de xubilación obrigatoria durante o curso no que se solicita a contratación como profesorado emérito e ter concedidos pola CNEAI seis sexenios”, enumera Alfonso Lago, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións en funcións.

No ámbito do profesorado, na sesión tamén se aprobou a solicitude de prórroga da Comisión de Servizos da profesora de Dereito Penal Mª Inmaculada Valeije na Universidade de Santiago de Compostela e o procedemento para a transformación dos contratos de profesorado axudante doutor a profesorado contratado doutor interino. Esta transformación permite dar continuidade á carreira docente do persoal da Universidade que ocupa praza de axudante doutor, unha vez que remata o período do seu contrato laboral de cinco anos máximo. “Para o curso 2022/23, o número de solicitudes máximo estará entre 10 ou 11, dependendo o número final do total de solicitudes recibidas”, detalla Alfonso Lago.

Así mesmo, o Consello de Goberno deu o visto bo a dous novos títulos propios, os mestrados de formación permanente en Negocio Dixital e de formación permanente en Auditoría e Contabilidade. Estas dúas titulacións, que ata agora se viñan impartindo como cursos de especialista estrearanse no vindeiro curso 2022-2023.