DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luz verde ao recoñecemento dun máximo de 280 horas de dedicación á docencia

O Consello de Goberno aproba a concesión de 69 premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2017-2018 

Reigosa reiterou a súa preocupación pola implantación dunha universidade privada en Galicia  

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/01/2019

Na primeira sesión do ano 2019 celebrado esta mañá, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou por unanimidade a concesión dun total de 69 premios extraordinarios de grao (47) e doutoramento (22), correspondentes ao curso 2017-2018. Os galardóns, que serán entregados no acto institucional de celebración de San Tomé, que se terá lugar o vindeiro luns 28 de xaneiro, premian un total de 38 mulleres (55,07%) e 31 homes (44,9%), que acadaron as máximas cualificacións nos seus estudos de grao e doutoramento. Este foi un dos puntos da orde do día da sesión celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, na que tamén se aprobou a normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, que recoñece a todo o profesorado un máximo de 280 horas de dedicación básica á docencia e co que “cumprimos un dos nosos compromisos electorais”, asegurou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que confirmou que a medida afecta, con distinta incidencia, a uns 160 docentes no Plan de Organización Docente (POD) deste ano. 

O Consello de Goberno, no que tamén se deu luz verde aos criterios de elaboración da programación docente anual e á convocatoria de anos sabático para o vindeiro curso, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa reiterou a súa preocupación ante la posibilidade de que se implante unha universidade privada en Galicia atendendo á solicitude da entidade Fundación Universidad Internacional de la Empresa. Co gallo da publicación o pasado 16 de xaneiro no portal de transparencia da Xunta de Galicia dunha consulta pública sobre unha posible lei pola que se recoñecería como universidade privada a denominada ‘Universidad Internacional de la Empresa’, o reitor vigués asegurou que “albiscamos con preocupación a implantación dunha oferta formativa paralela e semellante á do Sistema Universitario de Galicia”. Reigosa, que reiterou que no SUG é posible estudar as mesmas titulacións que no resto do estado, asegurou que “se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos”. 

No seu informe, Reigosa tamén avanzou outras cuestións, como a posibilidade, pendente de confirmar nun par de semanas, de pechar durante dúas semanas do mes de agosto os centros da Universidade de Vigo, coa finalidade de aforrar enerxía e racionalizar as vacacións do persoal. O reitor tamén confirmou que as tres universidades galegas están a traballar neste intre na consecución dun calendario académico común para o vindeiro curso, aínda que asegurou que “non é doado”. Noutra orde de cousas, Reigosa tamén avanzou que o vindeiro Claustro terá lugar o 6 de febreiro no campus de Ourense, manténdose así a iniciativa do anterior equipo de goberno de celebrar as sesións de xeito rotatorio nos tres campus.

Premios para o alumnado máis excelente

69 premios extraordinarios de grao (47) e doutoramento (22), correspondentes ao curso 2017-2018 serán entregados o vindeiro 28 de xaneiro no acto de celebración de San Tomé despois que o Consello de Goberno aprobase hoxe a súa concesión. Os galardóns, que recibiron hoxe o apoio dos membros do órgano de goberno da Universidade de Vigo, premian un total de 38 mulleres (55,07%) e 31 homes (44,9%), que acadaron as máximas cualificacións nos seus estudos de grao e doutoramento.

No caso das titulacións de grao, dos 47 premios outorgados, 20 corresponden a estudantes dos campus de Vigo, dos que 11 son homes e nove mulleres; 11 a alumnado do campus de Ourense (sete mulleres e catro homes) e os nove restante a estudantado do campus de Pontevedra (seis homes e 3 mulleres). No caso dos centros adscritos, o número de galardóns elévase a sete, dos que tes corresponden a cada unha das escolas de enfermaría de Vigo, Ourense Pontevedra, dous a EU de Maxisterio María Sapientae de Vigo, un a IESIDE e outro ao Centro Universitario da Defensa de Marín.

 En relación cos 22 premios extraordinarios de doutoramento, 12 corresponden a alumnas e os 10 restantes a homes. Por ámbitos de coñecemento, tres corresponden ao de Arte e Humanidades; nove ao de Ciencias; catro ao de Enxeñaría e Arquitectura e seis ao Xurídico-Social. 

Recoñecementos docentes e Memoria de responsabilidade social

 Por asentimento, o Consello de Goberno aprobou hoxe a normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, centrados nas horas de POD e que inclúe como cambio fundamental respecto da anterior, o recoñecemento a todo o profesorado un máximo de 280 horas de dedicación básica á docencia. “dando cumprimento a un dos nosos compromisos electorais, que nos comprometemos a levar no primeiro POD”, asegurou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que tamén destacou que nesta normativa a porcentaxe de redución por dedicación aos cargos tamén afecta ás horas de titorías das e dos docentes. Ramos avanzou a creación dunha comisión para realizar un estudo en profundidade para elaborar un documento, que xa intentara implantar o anterior equipo de goberno e no que se recolla a dedicación total do profesorado. 

Na sesión celebrada este martes foi a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, a encargada de presentar a Memoria de responsabilidade social da Universidade de Vigo correspondente ao ano 2017. Ao longo dese período desenvolveron 340 actividades relacionadas coa responsabilidade social e máis de 100 persoas participaron en actividades de campañas de doazón de órganos, recollida de alimentos, visitas a hospitais ou obradoiros de inserción, mentres que preto de 60 persoas tomaron parte, ao abeiro dunha trintena de programas, en accións de voluntariado con entidades externas.

Outros asuntos

As e os integrantes do Consello de Goberno deron luz verde hoxe aos criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para o curso 2019-2020, así como ás convocatorias de avaliación dos méritos da produción de investigación e de transferencia dos anos 2017 e 2018 e á convocatoria de concesión de anos sabáticos para o vindeiro curso, rematando o prazo de presentación de solicitudes o 19 de febreiro. Precisamente ese día tamén finalizará a presentación de declaracións de interese para a tramitación de verificación ou modificación de títulos de grao e máster para a súa implantación no curso 2020-2021. Este proceso rematará en xullo deste ano co envío das solicitudes da proposta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Na sesión tamén se aprobou un novo regulamento do Servizo de Publicacións, no que se inclúe a regulación do servizo cunha dirección e unha comisión de publicacións, así como a actividade editorial, concretando os tipos de traballos que se van publicar e o relativo a contratos de edición. Por outra banda, hoxe tamén se acordou a participación da Universidade de Vigo na spin-off EM3 Works, na que tamén toma parte a Universidad de Extremadura. “A creación de spin-offs é unha boa liña de traballo para os grupos de investigación e a nosa idea é participar sempre”, asegurou o reitor.