DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se deu luz verde ao Sistema de Garantía de Calidade de doutoramento

O Consello de Goberno aproba a creación e convocatoria de 40 prazas de titulares e permanentes laborais con cargo a OEP do 2024

Na sesión, Reigosa pediu confianza no procedemento iniciado nun caso de presunto acoso sexual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/04/2026

A sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada este martes aprobou por asentimento a creación e convocatoria de 11 prazas de Titular de Universidade (TU) do 15% con cargo á Oferta de Emprego Público do 2024, así como a creación e convocatoria doutras 30 prazas de Profesorado Permanente Laboral (PPL) con cargo á mesma oferta. Xunto a estes dous puntos da orde do día, o órgano de goberno da UVigo tamén daba luz verde á modificación do Sistema de Garantía de Calidade de doutoramento da UVigo, co obxectivo de que a Escola Internacional de Doutoramento, Eido, acade a acreditación.

A sesión, da que se retirou da orde do día, para introducir suxestións de mellora achegadas por algúns servizos da Universidade, o punto referido á modificación do Protocolo de actuación para cambiar de nome e de xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais, comezou co informe do reitor. Nel, Manuel Reigosa manifestou o seu desexo de que se poida acadar un acordo entre o Goberno Central e os autonómicos para o financiamento público das universidades, unha cuestión sobre a lembrou, “a CRUE quere que se siga o modelo María Goyri de cofinanciamento, neste caso das universidades públicas, entre Goberno Central e os autonómicos mediante convenio”. 

O reitor tamén confirmou a finalización das negociacións para o convenio colectivo do persoal investigador e de apoio á investigación, “que se asinará tras o acordo sobre o convenio colectivo do persoal docente e investigador laboral”. Así mesmo, tamén deu conta da apertura dunha vía de negociación conxunta coas outras dúas universidades públicas galegas do convenio colectivo do PDI laboral e agradeceu ao Servizo de PDI o esforzo que está a realizar no proceso de convocatoria de prazas de profesorado, ademais de confirmar que a actualización das listaxes de acreditados se fará de xeito automático a medida que se envíen as acreditacións.

Creación e convocatoria de prazas e SGC de doutoramento

Aínda que nun principio estaba previsto que fosen media ducia, finalmente o Consello de Goberno aprobou hoxe por asentimento, logo de detectarse un erro, a creación e convocatoria de 11 prazas de TU do 15% con cargo á OEP do 2024 e ás que se suman 30 prazas de PPL con cargo á mesma oferta. “Algunhas das persoas candidatas destas prazas son axudantes doutores María Goyri, así que é unha demostración do rápido que se está a producir a estabilización do profesorado”, sinala Adela Sánchez, vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica. 

Na sesión deste martes tamén se aprobou por asentimento a modificación do Sistema de Garantía de Calidade de Doutoramento da Eido, derivada, como explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, dos cambios lexislativos e normativos producidos desde a súa aprobación inicial no CG do 27 de febreiro de 2020: LOSU, Leu 12/2011 da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e a aprobación das directrices para a acreditación institucional dos centros da REACU e o Procedemento para solicitar modificacións nos programas de doutoramento da ACSUG. “Esta modificación responde, por outra banda, ao obxectivo da Eido de acadar a acreditación institucional da Escola no curso 2025/2026 e os cambios tamén inclúen, entre outros, a modificación/actualización do Manual de Calidade da Eido, o mapa de procesos e a propia modificación dos procesos do SGC”, explica Antonio Collazo, director da Eido, que lembra que as modificacións se aprobaron en Comités de Dirección da Eido ao longo de 2025.

“Confianza no procedemento” nun caso de presunto acoso sexual

Na quenda de intervencións, en resposta a unha pregunta do docente e investigador  Vicente Romo en relación cun presunto caso de acoso sexual na Facultade de Filoloxía e Tradución e sobre o que a UVigo iniciou o ano pasado, logo da queixa da presunta vítima, un procedemento, o reitor solicitou “respecto”, “discreción” e “confianza no procedemento que probou ser válido e funciona, pero debe funcionar con garantía para as dúas partes”.

Tras lembrar detalladamente as fases, previa e formal, dos procedementos que se inician na UVigo, o reitor incidiu en que os procedementos disciplinarios postos en marcha na UVigo quedan suspendidos se os mesmos feitos son investigados pola Fiscalía. “Cando un procedemento pasa das nosas mans ás do xulgado, cando o xulgado remata nolo comunica, e cando nolo comunica é cando nós podemos actuar de novo. Será un documento máis o que recibiremos e dirá o diga, pero que eu saiba a Universidade aínda non lle foi notificada que este procedemento está rematado”, explicou o reitor, que asegurou sentirse sorprendido cando en medios se di que o procedemento xudicial deste caso finalizara.

Precisamente, neste sentido, o Consello de Goberno aprobou que a secretaria xeral se dirixa ao xulgado “para que nos informe sobre o asunto e o presunto arquivo, para continuar co expediente disciplinario, que estaba suspendido ata ter coñecemento da finalización do proceso xudicial”, sinala María José Bravo Bosch. A secretaria xeral lembra que “a custodia dos expedientes a leva a Asesoría Xurídica, así como o transmitir a Secretaría Xeral sentenzas e demais procedementos”, pero neste caso concreto o Consello de Goberno aprobou que sexa a Secretaría Xeral a que se informe para proseguir co expediente disciplinario.

“Pídovos á comunidade universitaria, primeiro que confiedes nun procedemento que amosou ser válido durante moitos anos e funciona, pero ten que funcionar con garantía para todas as persoas, para a que denuncia e a que é denunciada. Que pasa se ao final a persoa denunciada é inocente, quen lle restitúe os seus dereitos? É imposible” dixo Reigosa, que lembrou que vivimos nun estado de dereito, no que non se pode condenar a alguén por “faladorías ou ruxe ruxes”. O reitor reiterou ademais en que o feminismo “non é na UVigo unha pose, senón un eixo central da nosa institución e non imos mirar para outro lado, como non miramos nunca”.

Pola súa banda, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, e o docente Miguel Cuevas, na súa calidade de representante sindical, solicitaron, respectivamente, que se chegue ao final do caso, sempre sendo garantistas e o máis cedo posible, e que o proceso sexa xusto.

Máis intervencións

Na quenda de intervencións o docente e investigador do director do Departamento de Dereito Público Virxilio Rodríguez manifestou a súa preocupación pola elaboración conxunta dos POD de graos e mestrados, unha decisión que a vicerreitora de Profesorado, Adela Sánchez, xustificou aludindo á estabilidade da docencia dos mestrados dun curso as outro, aínda que “seremos flexibles se alguén precisa algún día máis”.

Pola súa banda a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Dolores Garza, preguntou pola aprobación dos novos Estatutos da UVigo, unha responsabilidade, que o reitor confirmou, lle corresponderá ao Claustro que resulte elixido tras as eleccións.