Tamén se deu luz verde ao adianto dun mes no proceso de tramitación dos títulos
O Consello de Goberno aproba a simplificación dos criterios de avaliación da produción investigadora e de transferencia
Reigosa anunciou que no prazo dun mes e medio se dará a coñecer o novo anteproxecto de Estatutos
Seguindo a tendencia iniciada en 2023 de incentivar a publicación en aberto, o Consello de Goberno aprobou este venres, na súa primeira sesión deste curso, a simplificación dos criterios de avaliación da produción investigadora e de transferencia para 2024, un novo paso nunha senda que, a xuízo do reitor, dará moitas ledicias á institución académica viguesa. “Xa non quedan moitas universidades que fagan esta valoración da produción científica, pero nós consideramos que é un bo xeito de valorar o traballo das persoas”, explicou o reitor, Manuel Reigosa, quen se amosou orgulloso “do esforzo que están facendo as nosas investigadoras e investigadores por publicar cada vez máis en aberto”, algo que se comprometeu a seguir apoiando.
“Intentaremos que cada vez haxa máis posibilidades de conseguir de xeito gratuíto esas publicacións abertas”, subliñou Reigosa, quen tamén puxo en valor o maior recoñecemento que acadan os ámbitos humanístico e xurídico social, na liña do que establece o Ministerio e a Aneca. “Estamos tentando medir doutro xeito, medir con máis precisión e, si é posible, facelo cada vez de xeito máis automático”, recalcou o reitor.
Valoración da produción científica
A defensa deste punto na orde do día correu a cargo da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen explicou que os novos criterios son moi semellantes aos da anterior convocatoria, se ben se introducen algunhas pequenas modificacións de cara a simplificar o proceso. No apartado de transferencia os cambios chegan, tal e como explicou Rubio, no apartado de colaboración en actividades de I+D, proxectos de I+D ou proxectos de cooperación internacional, “que ata agora se consideraban en función do número de colaboradores e do importe do proxecto, mentres que os novos criterios igualan todo a 5 puntos para que se poidan avaliar dun xeito máis automático, independentemente do importe e do número de colaboradores”.
No caso da produción de investigación, en liña con COARA e cos novos criterios para a avaliación de sexenios, aprobouse unha modificación dos criterios de clasificación das editoriais. “Así nolo propuxeron desde a Biblioteca, que son os que máis saben de como clasificar editoriais e son tamén os que nos van axudar a revisar e reorganizar toda a clasificación que temos actualmente”, subliñou a vicerreitora, quen aproveitou para agradecer publicamente o traballo do persoal da Biblioteca Universitaria. “Antes había nove categorías e agora quedarían reducidas a tres, coas internacionais, nacionais e locais integradas, clasificación baseada en si teñen indicadores altos, medios ou baixos, en función das bases de datos nas que aparecen”, explicou a vicerreitora, quen tamén indicou que isto levou a incrementar o número de puntos tanto dos libros completos como dos capítulos de libros, “unha petición das áreas de humanidades e ciencias sociais, nas que se consideran estes aspectos tanto para acreditacións como para sexenios”.
Novos nomeamentos, estatutos, prazas profesorado...
O informe do reitor ao Consello de Goberno estivo marcado nesta ocasión polo anuncio dos novos nomeamentos producidos nas últimas semanas. Nesta liña, informou da posta en marcha da Área de Diversidade, que dirixirá Raquel Rey Vilas. “Agardamos que no futuro a Universidade de Vigo se poida converter nun referente en temas de diversidade, como o é tamén en igualdade”, salientou Reigosa.
Por outra banda, tamén explicou que a profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Yolanda Blanco Fernández é a nova directora da Área de Dixitalización, facéndose cargo de diferentes tarefas que quedaran pendentes dos seus predecesores: José Juan Pazos Arias e Martín López Nores. Así mesmo, Reigosa deu conta da composición final do equipo de dirección da Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica que dirixe a profesora Adela Sánchez, á que acompañan como directores de área Sergio Herrería, responsable de Procedementos e Sistemas; Marta Teijeira, de POD e Recoñecementos e Marta González, de Prazas e Acreditacións.
Durante o seu informe o reitor fixo tamén referencia á reanudación dos traballos da Comisión de Estatutos coa previsión de poder presentar o anteproxecto no prazo dun mes ou mes e medio. Neste senso, indicou que este documento será comunicado a todos os claustrais para que poidan efectuar as súas achegas.
Respecto ao programa Integra, o reitor salientou que se está á espera da sinatura definitiva entre o Ministerio e a Comunidade Autónoma, algo que se agarda poida levarse a cabo a vindeira semana ou a seguinte. En todo caso, Reigosa insistiu en que as prazas xa están concedidas e, nesta liña, indicou que “as financiadas polo Ministerio van saír de maneira inminente, mentres que as que financia a autonomía dispoñen de máis tempo para sacalas e, polo tanto, poderán saír en función das necesidades dos departamentos”.
Adianto dun mes no calendario de tramitación dos títulos
Outro dos temas centrais deste Consello de Goberno foi a aprobación do calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación das titulacións de grao, máster e doutoramentopara do curso 2026/2027. O encargado de expor este punto foi o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, quen explicou que se ben o procedemento non se modifica, si hai unha diferencia importante con respecto ao calendario, producíndose un adianto dun mes na tramitación dos títulos.
“Tendo en conta as dificultades coas que nos atopamos as universidades para obter a avaliación dos títulos con tempo suficiente para a implantación dos mesmos, as tres universidades públicas galegas facemos un esforzo e, mantendo os períodos para o desenvolvemento do procedemento, adiantamos un mes todo o calendario”, explicou o vicerreitor. Desta forma, desde as tres universidades públicas galegas enviaranse as solicitudes á Consellería de Educación o 2 de xuño en lugar do 1 de xullo como acontecía ata o de agora.
Outros temas
Con respecto ás probas de acceso á Universidade do vindeiro curso, unha vez remitidos os parámetros de ponderación para a súa aprobación nos Consellos de Goberno das tres universidades públicas galegas, desde Vigo deuse hoxe luz verde a algúns pequenos axustes nos parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción, cambios que serán remitidos á administración autonómica para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.
Durante a sesión deste venres tamén se actualizou a composición das comisións de avaliación da IV convocatoria de Docentia, o programa de avaliación da actividade docente do profesorado da Universidade de Vigo. Dirixido a contribuír á mellora da calidade da docencia e os resultados da aprendizaxe do alumnado, a composición actual das comisións de avaliación está formada por sete membros para cada un dos ámbitos de coñecemento.
A orde do día do consello incluíu así mesmo a substitución de dous membros da Comisión de Permanencia e Progreso, pasando a incorporarse a esta comisión Mª Ángeles Cancela -sector directores/as-decanos/as- e Miguel Ángel Piñeiro -sector estudantes-. Así mesmo actualizáronse tamén diferentes comisións.
Xa na quenda de rogos e preguntas, entre outras intervencións, o representante sindical do PDI e docente Miguel Cuevas fixo constar a súa preocupación por varios aspectos relacionados coa política de profesorado, dende o Plan Integra ata os contratos programa cos departamentos, pasando polo proceso de transformación da figura de profesorado contratado doutor a profesorado permanente laboral. Así mesmo tamén amosou a súa inquedanza pola falla de substitucións que, segundo explicou, se está a producir no Persoal Técnico de Xestión e de Administración e Servizos, PTXAS, un aspecto no que tamén fixo fincapé a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e que dende o equipo de goberno se comprometeron a revisar.