Nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves no edificio Ernestina Otero
O Consello de Goberno modifica a normativa que regula os concursos de acceso ao corpo docente
Tamén se ratificou a extinción do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible
Nunha sesión extraordinaria con dous únicos puntos na orde do día, o Consello de Goberno deu este xoves luz verde á modificación da normativa que regula os concursos de acceso ao corpo docente, normativa que xa fora aprobada o pasado 3 de abril e da que agora se pulen certos aspectos “tocando detalles para responder a dificultades observadas nos concursos de axudante doutor, así como para incluír as prazas vinculadas, que aínda non tiñan soporte normativo”, tal e como explicou o novo vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Martín López Nores.
Segundo expuxo o vicerreitor a modificación da normativa ten tres aspectos claves. Por unha banda, facilita o labor de conformar as comisións de selección para as prazas de profesorado axudante doutor, reducindo de 16 a 12 o número de persoas a propoñer e decidindo na Comisión de Organización Académica e Profesorado –no canto de no Consello de Goberno– sobre posibles exencións dos requisitos relativos á categoría desas persoas ou aos tramos de investigación que se lles esixen. “Hai que pensar que se están a convocar numerosas prazas de axudante doutor por toda España e é frecuente que contactemos con persoas que se negan a participar en máis comisións ou, a miúdo, que tardan en exceso en remitir a documentación necesaria, polo que ás veces se complica en exceso a constitución de comisións con 16 membros, por iso na mesa de negociación formulamos a posibilidade de reducir a 12 o número de integrantes sen facer alteración dos criterios que viñamos esixindo”, explicou López Nores.
Por outra banda, os cambios aprobados dan cobertura normativa á convocatoria de prazas de profesorado permanente laboral, profesorado titular de universidade e catedráticos/as de universidade con actividade asistencial vinculada no Servizo Galego de Saúde, caso dos estudos, por exemplo, de Enfermaría e Enxeñaría Biomédica.
Como terceiro aspecto relevante establece a posibilidade de empregar un procedemento de urxencia para reducir os prazos de constitución das comisións, de convocatoria dos/as concursantes, de comezo das probas e de reclamacións. “Será a COAP, novamente, a que aprobe o emprego de tal procedemento tendo en conta as peticións motivadas que formulen ao respecto os departamentos e/ou a Vicerreitoría”, explicou López Nores.
Extinción do MXDS
Durante a sesión aprobouse tamén a extinción do Máster Universitario en Xestión do Desenvolvemento Sostible, unha medida xa anunciada polo reitor Manuel Reigosa no seu informe ao anterior Consello de Goberno, o pasado 9 de maio. “Este mestrado xa non se ofertou no curso 2023/2024 e tampouco había oferta para o 2024/2025”, explicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, ao que engadiu que o pasado 3 de maio chegou o acordo da Comisión Permanente da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais solicitando a extinción e, polo tanto, o procedemento administrativo é a aprobación en Consello de Goberno, en Consello Social e solicitude de revogación á Secretaría Xeral de Universidades para a súa aprobación no Consello Galego de Universidades, “que será en xuño, de aí a urxencia de traer este punto a esta sesión”.