DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado polo decano de CC da Educación e do Deporte e o director do Dpto de Didácticas Especiais

O Consello de Goberno non admite a trámite o recurso contra a memoria do Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia

Debido á “falta de lexitimación activa dos recorrentes”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/09/2021

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo acordou este xoves non admitir a trámite o recurso potestativo de reposición presentado polo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, e o director do Departamento de Didácticas Especiais, José María Pazos, contra a aprobación da memoria de verificación do Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia. Nunha sesión extraordinaria que tiña como único punto a toma en consideración deste recurso, o secretario xeral da Universidade, Miguel Ángel Michinel, sinalou que esta inadmisión responde, segundo un informe da Asesoría Xurídica, á “falta de lexitimación activa dos recorrentes”. 

O informe, explicou Michinel, sinala que a Lei reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa establece que “non poden interpor recurso contencioso-administrativo contra a actividade dunha administración pública os órganos deste os membros dos seus órganos colexiados”, como serían neste caso, apuntou, os dous recorrentes. Nese senso, nesta sesión acordouse por asentimento non admitir a trámite o recurso contra o acordo do Consello de Goberno de aprobación da memoria de verificación de títulos de graos, máster e doutoramentos, no referido ao mestrado que proxecta implantar a Facultade de Fisioterapia. Así mesmo, este órgano acordou denegar a suspensión do devandito acordo solicitada no recurso, xa que esta, explicou Michinel, “vai ligada" á súa interposición.

Discrepancias e vontade de entendemento

Nunha sesión que combinou a asistencia presencial e virtual, o reitor, Manuel Reigosa, trasladou aos recorrentes a vontade do equipo de goberno de “seguir negociando, aínda que teñamos discrepancias”. Ante esta situación, lembrou, buscouse por unha banda un asesoramento xurídico externo, cuxo ditame establece que “trátase dun mestrado que non confire competencias profesionais” e que non implicaría, engadiu Reigosa, “ningunha invasión” das atribuídas ao grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. De xeito paralelo, abriuse un proceso de mediación, que resultou “infrutuoso” no primeiro intento, mentres que a actual mediación atópase nestes intres “en stand by”, posto que, engadiu o reitor, “o procedemento non remata aquí e ímola retomar cando os mediadores nos digan que o momento bo”. 

No mes de xuño, o Consello de Goberno acordara non admitir a trámite o recurso de reposición presentado polo decano de Ciencias da Educación e do Deporte contra a declaración de interese do mestrado, por non tratarse, segundo o informe da Asesoría Xurídica, do “momento procesual axeitado”. Nese senso, Óscar García lamentou na súa intervención deste xoves que “parece pouco claro cal é o proceso que podemos seguir para amosar a nosa desconformidade”. Segundo sinalou o decano, o obxecto destes recursos é tratar de “construír un marco de entendemento” fronte á posta en marcha dunha nova titulación “en detrimento doutra que xa está funcionando e goza de moi boa saúde”. Nese senso, tanto García como Pazos criticaron que a pesares de que os graduados e graduadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte “adquiren as competencias básicas para traballar na programación de exercicio para a saúde”, o perfil de ingreso do mestrado "priválles de especializarse nun máster que está baseado no noso núcleo de coñecemento, o exercicio físico”.