DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O órgano de goberno do proxecto de especialización do campus de Ourense reuniuse este mércores

O Consello Reitor do Campus Auga fai balance dos “magníficos” resultados da actividade desenvolvida en 2025

Financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 04/02/2026

Este mércores celebrouse a primeira sesión de 2026 do Consello Reitor do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Nela fíxose un balance moi positivo das actividades desenvolvidas ao longo de 2025 con cargo aos fondos achegados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para esta anualidade. “Os resultados son magníficos”, afirmou Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. 

Este Consello Reitor é o órgano de goberno do Campus Auga e está composto polo citado reitor da UVigo e por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; un representante do Consello Social da Universidade de Vigo (Ramón Blanco, do Grupo Valtalia) e un representante do sector empresarial, neste caso Santiago Taunton (Grupo Coren). 

Antes da sesión, que tivo lugar no edificio Campus Auga, o reitor subliñou que “estamos moi orgullos de todo o traballo feito. Ves os informes e como se vai desenvolvendo toda a programación e a satisfacción é moita”. Neste senso, Manuel Reigosa destacou que chegar a estes resultados é posible grazas ao esforzo e traballo das persoas que forman parte do Campus Auga e das que participan da súa actividade. O responsable académico salientou, en referencia á creación dos campus de especialización, que “eu sempre dixen que este era un programa moi ben traído, que vai a ser moi útil para todo o Sistema Universitario Galego, e no caso do Campus Auga está sentando extraordinariamente ben. Vai a permitir facer moitas sinerxías e ter efectos multiplicativos”. 

Máis dun 100% de cumprimento

Na sesión, que parte dos membros do Consello Reitor seguiron de xeito presencial e parte virtual, fíxose o balance da actividade do Campus Auga durante o pasado ano, tal e como xa se fixo no Consello de Campus de Ourense celebrado o ado 27 de xaneiro. Neste balance indícase que o grao de cumprimento da planificación prevista para 2025 superou o 100%, sendo o orzamento executado de arredor dun millón de euros. Na sesión fíxose un repaso polas actuacións levadas a cabo en gobernanza, docencia, investigación e transferencia con cargo aos fondos achegados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

No primeiro dos puntos, en gobernanza, destacaráronse aspectos como a constitución de dous novos órganos consultivos, a creación do novo Plan Estratéxico do Campus Auga e a implementación dun Sistema de Xestión da Calidade. En docencia apuntáronse cuestións como a posta en marcha dos dobres graos de Enxeñaría Agraria con Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e con Ciencias Ambientais e o Mestrado en Economía Circular, ademais de potenciar unha oferta formativa propia con iniciativas como o título propio de Experto en Auga, Termalismo e Saúde. Neste punto tamén se citaron aspectos como a convocatoria de diferentes bolsas e as accións para dar a coñecer esta oferta académica, coa participación de 1800 estudantes preuniversitarios nas cinco xornadas Coñece o Campus celebradas en 2025, a trintena de visitas a centros educativos e a participación en feiras. 

En investigación, sinalouse a consolidación da estrutura de persoal técnico e investigador do Campus Auga, a convocatoria de axudas para estadías, a visitas de persoal investigador, a adquisición de equipamento e a convocatoria de axudas INOU e INOU+, entre outros aspectos. Por último, en transferencia e innovación enumeráronse accións como a formación en emprendemento a través do programa Venture Lab, o programa de Pulo á valorización e transferencia do coñecemento do Campus Auga; a celebración do I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (AQUAXI) e a VII Edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica Campus Auga.