DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir da opinión dos máis de 500 estudantes que se recibiron no curso 2022/2023

O Consello Social analiza nun libro como valora o alumnado internacional a súa estadía na UVigo

Agradecen, sobre todo, todas as actividades que se organizan para eles, incluídas as culturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Publicacións
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/04/2024

Realizar unha estadía internacional marca un antes e un despois na vida de moitas alumnas e alumnos universitarios e a opinión que levan para as súas universidades de orixe é a mellor testemuña que pode motivar a outros estudantes a elixir, ou non, a Universidade de  Vigo como destino. Conscientes desta realidade e da importancia que ten para a internacionalización da UVigo, desde o Consello Social acaban de publicar os resultados dun estudo no que se analizan as valoracións que este alumnado internacional realiza sobre as distintas actuacións de acompañamento e acollida que a UVigo lles brindou durante a súa estancia en Galicia.

A obra, elaborada polas profesoras Mª Jesús López-Miguens e Gloria Caballero, toma como mostra os 517 estudantes internacionais que se recibiron na UVigo durante o curso académico 2022/2023, a inmensa maioría deles (79%) vinculados ao programa Erasmus, pero tamén a convenios bilaterais (14,8%), bolsas de mobilidade internacional (3,7%) ou ISEP (2,5%).

Os resultados amosan as valoracións do alumnado respecto a tres aspectos: a análise dos motivos que os levaron a elixir a UVigo como destino das súas estadías; a importancia que lles dan ás accións de acollida e seguimento e unha valoración xeral sobre a súa estancia en Galicia

Por que elixiron a UVigo?

Segundo as conclusións do informe, o principal motivo para elixir un centro de destino é a dispoñibilidade de bolsas ou acordos de colaboración coa súa universidade de orixe e, a partires de aí, téñense en conta cuestións como a información dispoñible nas súas webs, a localización e a reputación xeral da universidade. Tendo en conta todo isto, un dos aspectos que máis lles preocupa e que tamén se ten moi conta á hora de elixir destino é o coste da vida neses lugares e a opinión de compañeiros e compañeiras que realizaron xa unha estancia nesta Universidade.

Acto de acollida e actividades culturais, o que máis valoran

Respecto da importancia da acollida e seguimento que se realizou da súa estancia na UVigo, estas alumnas e alumnos valoraron, sobre todo, a organización dun acto de recibimento específico cunha sesión de información xeral sobre a universidade, así  como os actos culturais que se organizan para eles, os cursos e a información adicional que reciben sobre axudas para alugueiro, comida ou transporte.

Máis autonomía, máis habilidades sociais, mellor empregabilidade... 

A nivel xeral, a valoración da súa estancia na UVigo deixa sobre a mesa valoracións moi positivas sobre a achega que este tipo de estadías supoñen para o seu desenvolvemento a nivel persoal, sobre todo en cuestións relacionadas coa adquisición dunha maior autonomía, responsabilidade e capacidade de adaptarse. Salientan, ademais, un salto cualitativo na súa capacidade de comunicarse oralmente, relacionarse con outros e traballar en equipo con persoas de diferentes culturas.

Marcharon tamén con bo sabor de boca sobre o custe da vida en xeral, e da UVigo en particular, e consideran que esta estancia axudaraslles tamén a mellorar a súa empregabilidade. A nivel social, o que máis valoran é ter disfrutado da vida nocturna e ter coñecido lugares de interese cultural, tanto na propia cidade como nos seus arredores.