DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa última sesión plenaria celebrada este xoves en Ourense

O Consello Social aproba “o orzamento máis alto na historia da Universidade de Vigo”

Durante a reunión tamén se deu o visto bo á oferta de emprego público para o PAS

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 27/12/2018

Despois do seu paso polo Claustro e polo Consello de Goberno, a proposta de orzamento da Universidade de Vigo para o ano 2019 chegou este xoves para a súa aprobación definitiva ao pleno do Consello Social da Universidade de Vigo. Na súa última sesión plenaria de 2018, celebrada no campus de Ourense, este órgano deu luz verde definitiva “ao orzamento máis alto da historia da Universidade de Vigo”, tal e como destacou ao remate da reunión Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da institución académica.

A sesión celebrada no edificio Politécnico do campus de Ourense reuniu a case a totalidade dos 31 membros que conforman o pleno do Consello Social e que son elixidos pola Universidade de Vigo, o Parlamento, a Xunta, os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo, organizacións empresariais e sindicais, antigos alumnos e alumnas e colexios profesionais. A elevada asistencia e participación dos seus membros neste pleno, indicou Pedrosa, “demostra que o Consello Social está vivo e que a sintonía co novo equipo reitoral é magnífica, o que creo que é unha das cuestións e pilares básicos para que tanto a Universidade como o Consello Social e por tanto a sociedade melloren máis cada día”.

Orzamento e teito de gasto

Entre os asuntos tratados na orde do día destacou a aprobación definitiva e por unanimidade do orzamento da Universidade de Vigo para 2019, que ascende a 182.535.089 euros, un 5,79% máis que o ano anterior, e o teito de gasto para 2019, fixado en 191,7 millóns de euros. Agradecendo “o nivel de participación” dos membros do Consello Social, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo subliñou ao remate da reunión como o pleno celebrado este xoves permitiu “un debate intenso e vivo do que ao final quedan uns orzamentos que supoñen un certo cambio nas políticas que vai a facer a Universidade de Vigo”. Así, o reitor destacou como “imos ter uns orzamentos máis centrados nas persoas pouco a pouco, sempre dentro obviamente da legalidade e da máis estrita ortodoxia orzamentaria”. En consonancia coas palabras do presidente do Consello Social, Manuel Reigosa tamén gabou a “tremenda sintonía” que hai entre as dúas entidades co obxectivo común de que “a Universidade de Vigo ocupe na sociedade o papel que merece e o papel que está obrigada a dar”.

O vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, foi o encargado de debullar para as e os asistentes os orzamentos para 2019 da Universidade de Vigo. No capítulo de ingresos, estes orzamentos contemplan un incremento de 10 millóns de euros respecto do ano anterior, xustificando esta previsión nas estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da Unión Europea e nos resultados acadados na convocatoria de infraestruturas de investigación do goberno estatal. Tamén recollen un incremento das transferencias correntes (6,79%) debido ao aumento dos fondos do Plan de Financiamento do SUG para sufragar o incremento salarial do exercicio 2019 e o mantemento das axudas para as agrupacións estratéxicas e centros singulares de investigación.  

No apartado de gastos, os orzamentos reflicten cuestións como que o abono da paga extra íntegra do persoal docente e investigador (PDI), a redución horaria do profesorado e a promoción do PDI tradúcense no incremento do capítulo que corresponde aos gastos de persoal e na reestruturación doutros capítulos do orzamento como os gastos correntes e os de capital. O capítulo de persoal segue a ser a principal partida de gasto, cun importe de 109 millón de euros, unha cantidade superior á orzamentada en 2018 en case un 7%, debido ao incremento salarial do 2,375% reflexado nos orzamentos do estado para o exercicio 2018, a redución de horas docentes e as ofertas de emprego público 2019. Pola súa banda, o capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 28 millóns de euros experimentando un lixeiro incremento do 4,02%, mentres que as transferencias correntes presentan unha rebaixa do 4,93%, acadando un valor de sete millóns mentres os investimentos reais acadan unha contía de 35 millóns cun incremento de 7,96% verbo de 2018, polo éxito na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación.

Outros temas do pleno

Cun contido marcadamente económico, na reunión celebrada en Ourense deuse luz verde tamén, entre outros asuntos, á oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos da universidade, composta por 26 prazas, das que 13 corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego; sete á taxa de reposición; cinco a promoción interna independente e unha a persoal indefinido non fixo. Do mesmo xeito aprobouse a asignación de complementos retributivos a profesores por cargos de xestión e por excelencia curricular. Durante a reunión, o pleno do Consello Social autorizou a creación de tres empresas de base tecnolóxica promovidas por profesores da Universidade de Vigo a partir do aproveitamento de investigacións que se realizan en distintos campos de coñecemento.

Asemade o pleno autorizou a recepción por parte da Universidade de Vigo de dúas doazóns. Trátase do cadro Retrato de Ramón María del Valle-Inclán doado polo pintor Alejandro Cabeza, que será incorporado ao inventario xeral da Universidade de Vigo, e de catro equipos de investigación de medición da calidade do aire cedidos pola empresa Endesa SL con fins científicos. Non faltou neste pleno un emotivo recordo en memoria do recentemente falecido José Manuel Pérez Canal como membro que foi do Consello Social da Universidade de Vigo.

O campus de Ourense

A pregunta das xornalistas, trala reunión do pleno o reitor tamén fixo un repaso da actualidade referida ao campus de Ourense. Gabando o financiamento acadado polo Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca), o Manuel Reigosa salientou como todos os equipamentos do edificio do Campus da Auga, tanto os relativos á titulación de Aeroespacial como os outros laboratorios e demais equipamento xa están instalados no edificio. “Agardo que no segundo cuadrimestre xa se poda usar con normalidade para a docencia e investigación”, dixo.

Sobre os retos para o vindeiro ano o reitor indicou como “intentaremos que a Xunta nos conceda algunha axuda para empezar co proxecto de edificio de Enxeñaría Aeroespacial”. Indicando como neste senso “as perspectivas son boas” Reigosa sinalou como “non sei cando vai a estar este edificio pero cremos que é algo importante para dotar da máxima comodidade aos investigadores, docentes e alumnos deste campus”. Sobre o mapa de titulacións deste campus lembrou como na actualidade está pechado e como unha vez aberto se buscará, con espacial protagonismo do Consello de Campus de Ourense, “titulacións que fortalezan moito máis as capacidades que agora mesmo hai”, facendo fincapé en apostar por carreiras que fortalezan o proxecto de especialización do Campus da Auga. Respecto á posibilidade de pór en marcha un mestrado interuniversitario no eido aeroespacial, o reitor indicou que “neste momento estamos barallando as diferentes opcións. En principio está aberta a posibilidade de montalo pero obviamente co liderado da Universidade de Vigo, do campus de Ourense, que é onde está a titulación de grao”. Sobre os problemas de alumnado dalgunhas titulacións, o reitor tamén indicou que “presentaremos ante o Claustro, probablemente en xaneiro, un plano de captación xeral de alumnado que fai moito énfase nas titulacións con especiais dificultades”.