DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O órgano colexiado e o seu presidente serán homenaxeados o vindeiro mércores

O Consello Social cumpre 30 anos representando a sociedade e velando polo desenvolvemento da UVigo 

Ernesto Pedrosa considera o recoñecemento “unha enorme satisfacción persoal e profesional”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/06/2026

Constituído o 20 de xullo de 1995, en aplicación das leis 5/19 e 11/1989, o Consello Social da Universidade de Vigo comezou a desempeñar a partir dese  momento as funcións, que desde a creación da institución académica viguesa en 1989, realizaba o Consello Económico e Social. Baixo a presidencia de Armando Priegue, o precursor do actual Consello Social celebrara en marzo de 1990 a primeira sesión plenaria da súa Xunta de Goberno “na que se aprobou o seu regulamento e temas relacionados co profesorado, asuntos económicos e de xestión”, lembra Luis Espada Recarey, reitor da Universidade de Vigo naquel momento.

Sería a partir da aprobación dos seus Estatutos, de acordo coa LOSUG, que a Universidade de Vigo pasa a contar cun Consello Social, que entre os anos 1996 a 2003 presidiu o notario vigués e presidente do Consello da Cultura Galega e da editorial Galaxia, Alfonso Zulueta de Haz. “Foi quen puxo en marcha o Consello Social, con gran acerto e dedicación e só por iso cómpre recoñecerlle os seus méritos”, asegura Ernesto Pedrosa Silva, actual presidente do órgano colexiado, que sería nomeado vicepresidente do Consello polo sucesor de Zulueta de Haz, o avogado ourensán Emilio Atrio Abad. Presidente do Consello Social da UVigo entre os anos 2003 e 2011, Atrio desenvolveu un importante labor á fronte do órgano colexiado do que reiteradamente reivindicou a súa importancia, “pois somos os representantes da sociedade e as universidades nútrense dela. Os consellos son aínda un órgano pouco coñecido na sociedade española e unha das nosas principais tarefas é dálos a coñecer”, aseguraba no ano 2009, coincidindo coa súa reelección como membro da Executiva Nacional de Consellos Sociais das universidades españolas. “Nomeoume vicepresidente aos poucos meses de entrar no Consello, depositou en min toda a súa confianza e delegou moitas funcións. Só teño boas palabras para el”, asegura Ernesto Pedrosa, que sucedeu a Atrio á fronte do órgano colexiado en setembro de 2011 e ata a actualidade. 

Transcorridos 30 anos da creación do Consello Social e 15 da presidencia do avogado pontevedrés Ernesto Pedrosa, a UVigo celebrará ambas as dúas efemérides cun acto que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño, ás 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e que estará presidido polo titular do goberno autonómico, Alfonso Rueda. “Supón unha enorme satisfacción persoal e profesional e entendo que un recoñecemento á miña longa traxectoria, á miña implicación e dedicación ao Consello Social da UVigo”, asegura Ernesto Pedrosa que o considera tamén, “unha boa mostra da complicidade e sintonía co reitor, co Consello de Goberno e demais órganos da Universidade, aos que debo darlles as grazas de corazón”.

Un papel de control “impecable” e unha maior apertura á sociedade

Creados os consellos sociais, lembra o reitor en funcións da UVigo, Manuel Reigosa, na primeira lei de universidades, co fundamento dual de, por unha banda, de actuar como órgano de control externo e independente das universidades, e de ser, pola outra, a ligazón entre a institución académica e a sociedade civil, tanto cara fóra como cara dentro, considera o reitor en funcións que “o Consello Social da UVigo desempeñou o seu papel de control de xeito impecable”, ademais de “actuar como embaixador da Universidade de Vigo e contribuír a establecer pontes coa sociedade, co tecido empresarial e coas institucións”. Unha opinión que Pedrosa comparte porque, asegura, “conseguiuse dar máis visibilidade ao Consello e que moita xente que non o coñecía, hoxe sabe perfectamente o importante órgano que é. Por iso logrouse dar unha maior apertura á sociedade e unha mellor relación entre universidade e a contorna onde se localiza nos tres campus de Vigo, Ourense Pontevedra”.

Tanto o reitor en funcións, como o presidente do Consello Social destacan o determinante papel que na procura destes logros teñen e tiveron os integrantes do Consello Social ao longo da súa historia. “Acadamos unha grande harmonía entre os 31 membros que o formamos, aos que lles teño que agradecer, tanto aos anteriores, como aos actuais, o seu grande traballo, complicidade e asistencia, tanto aos plenos como ás comisións, destacando que creo que somos o Consello Social de España cunha maior asistencia a plenos e comisión”. Pedrosa tamén pon en valor “que traballo cun equipo extraordinario cun secretario técnico e unhas administrativas magníficos, o que facilita moito o traballo que hai que realizar”. Pola súa banda, Reigosa considera que a composición do Consello Social, ao que pertence dentro do grupo de persoas elixidas polo Consello de Goberno da UVigo, “permite, ademais, compartir as nosas inquedanzas e iniciativas cos representantes das institucións, dos traballadores, das forzas políticas e das empresas, configurando un espazo de diálogo moi enriquecedor e positivo para todos”. 

Máis de 150 persoas formaron parte do pleno e das comisións do Consello Social da UVigo ao longo das súas tres décadas se existencia, en representación da propia Universidade; nomeados polo Parlamento de Galicia e a Xunta; representantes de concellos nos que se localizan o campus, das organizacións empresariais, asociacións de antigos alumnos e colexios profesionais.

Actos de recoñecemento, informes, premios …

A organización das Jornadas Anuales de la Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas nos tres campus; a creación do Observatorio de Egresados, da Comunidade Alumni; dos premios UVigo Humana e a elaboración  de numerosos estudos son algunhas das actividades máis salientables desenvolvidas nos últimos anos polo Consello Social da UVigo, aos que o seu presidente engade “a celebración de tres actos de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade e nos que participaron a presidenta do Banco Santander, Ana Botín; o cociñeiro Ferrán Adriá e o conselleiro delegado de Mediaset, Paolo Vasile”. 

Mentres, o reitor en funcións, Manuel Reigosa, sinala que “ademais de percibir un Consello Social moi implicado nos debates máis relevantes para o futuro da Universidade, quero salientar os seus esforzos e iniciativas para promover recoñecementos a persoas e institucións comprometidas coa mellora da sociedade; o seu apoio á comunidade alumni, chamada a desempeñar un papel cada vez máis importante no futuro da Universidade de Vigo; e sen esquecer, por suposto, os estudos e informes que permiten analizar con rigor cuestións estratéxicas para a Universidade e para a súa contorna, facilitando unha mellor comprensión da realidade e contribuíndo á toma de decisións fundamentadas”.

Logo de 15 anos á fronte do Consello Social, Pedrosa asegura ter “a ilusión e a implicación intactas” e apunta entre os seus plans e expectativas “consolidar e á vez renovar, por obrigación, a estrutura do persoal técnico e administrativo con Consello de demais colaboradores e abrirnos máis á sociedade e ás empresas mantendo a nosa implicación co alumnado”. Adecuar, na medida do posible, os graos e mestrados ás necesidades do mercado laboral; avanzar na internacionalización para atraer á UVigo máis alumnado estranxeiro; e potenciar a presencia e implicacións do órgano colexiado nos campus de Pontevedra e Ourense son outras liñas e actuación se fixa Pedrosa á fronte do Consello Social.