DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa última reunión plenaria celebrada este venres en Ourense

O Consello Social dá luz verde definitiva ao maior orzamento da historia da Universidade de Vigo

Os seus membros subscribiron un manifesto de apoio ás universidades públicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 27/12/2019

Despois do seu paso polo claustro e polo consello de goberno, os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2020 acadaron este venres o visto bo dos membros do pleno do Consello Social da Universidade de Vigo e concluíron así con éxito a súa tramitación. Con esta aprobación definitiva, a Universidade de Vigo terá en 2020 o maior orzamento da súa historia: 194.995.837 €. Na súa última sesión deste ano, os membros deste pleno tamén subscribiron un manifesto de apoio ás universidades públicas e do Sistema Universitario de Galicia.

O Liceo de Ourense foi o escenario escollido para celebrar este último pleno de 2019 do Consello Social no que, ademais da aprobación definitiva dos orzamentos e do teito de gasto da Universidade de Vigo para o ano 2020, aprobáronse o inicio do procedemento para a creación dunha empresa de base tecnolóxica, o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, que pasa a chamarse Facultade de Educación e Traballo Social, a doazón de equipos tecnolóxicos por parte dunha empresa á Universidade e o orzamento e liñas xerais de actuación do Consello Social para o vindeiro exercicio.

O fito dos orzamentos

Este último pleno do ano, indicou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, “ten basicamente un carácter económico xa que sempre nos toca nesta última semana do Nadal a aprobación dos orzamentos da Universidade”. Salientando como se procedeu á aprobación dos orzamentos máis altos da historia da institución académica, Pedrosa destacou como “a saúde económica da Universidade segue sendo boa” e como “as cousas estanse facendo ben”. Pola súa banda, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, apuntou como “hoxe é un día moi importante para nós porque apróbanse os orzamentos da Universidade e os orzamentos marcan realmente as políticas que se queren facer”. “Neste caso hai aposta decidida, como xa dixemos tanto na campaña electoral como no ano e medio que levamos de mandato, por mellorar a vida das persoas, dos profesionais que forman parte da nosa casa”, dixo o reitor. Lembrando como se tratan dos “orzamentos máis elevados da historia da Universidade”, Manuel Reigosa indicou como este fito é posible, ademais de polas actividades propias do equipo de goberno, “polo éxito que están conseguindo os nosos investigadores en captación de fondos externos”.

Unha vez acadado o visto e prace do pleno do Consello Social da Universidade de Vigo, a institución académica terá en 2020 un orzamento de 194.995.837 €. Este orzamento supón un incremento do 6,83% respecto do exercicio anterior, un aumento derivado, principalmente, do incremento nas axudas finalistas conseguidas no programa marco H2020 da Unión Europea, así como ao éxito nas convocatorias competitivas de infraestruturas de investigación e as de eficiencia enerxética. Analizando os case 195 millóns de euros de orzamento, no que se refire aos ingresos destaca o incremento das transferencias de capital (32,37%), debido ao maior éxito na captación de fondos alleos. No que se refire ao gasto previsto, o capítulo I, de gastos de persoal, segue a ser a principal partida, representando o 57,95% do total do orzamento cun importe de 112.996.556 €, case catro millóns máis ca en 2019. O capítulo correspondente aos investimentos reais acada unha contía de 41.883.124 € (a segunda partida en importancia), cun incremento de 17,62% sobre 2019, representando o 21,48% do orzamento, un aumento que se explica polo éxito acadado na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación e de eficiencia enerxética. Polo que respecta ao teito de gasto para o vindeiro ano, ascende a 196.138.842,49 €.

Manifesto a favor das universidades públicas

Os membros do pleno do Consello Social tamén subscribiron na súa reunión en Ourense un manifesto a favor das universidades públicas e do Sistema Universitario de Galicia. O documento arranca salientando como “a universidade pública española ten acadado nos últimos 30 anos niveis de calidade impensables antes do desenvolvemento da lei de reforma universitaria” e como “neste momento cumpre de xeito excelente coa tripla misión que a sociedade lle encomenda”, recalcando os bos resultados acadados en formación, investigación e transferencia. Do mesmo xeito, o manifesto gaba o Sistema Universitario de Galicia (SUG) salientando como as tres universidades que o forman “teñen un nivel elevado na formación de egresados, na investigación e na transferencia, ademais de estaren comprometidas coa mellora social”. Atendendo á oferta de prazas e titulacións existentes no SUG, o manifesto indica como na actualidade "ninguén queda fóra, e somos quen de permitir, con prezos públicos moi baixos, que as galegas e galegos estuden preto da casa".

Con esta oferta e "ás portas dunha baixada de estudantes locais por mor da crise demográfica", os asinantes do documento consideran que “pensamos que non hai necesidade de novas universidades en Galicia, nin se detecta falta de titulacións nin de prazas”. Aínda que indicando que “entendemos que, cumprindo escrupulosamente a legalidade, se poidan implantar universidades privadas en Galicia”, no manifesto faise fincapé en que os seus asinantes aspiran “a que os esforzos dos cidadáns a través dos seus impostos vaian encamiñados a fortalecer o sistema universitario público” xa que “pensamos que entre todos temos construído un sistema forte, competitivo e ben artellado, e aspiramos a melloralo aínda máis”. Por último, o texto remata cunhas palabras nas que os membros do plenario instan “ás institucións públicas a que poñan na axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que o SUG sexa cada día un pouco máis forte e poida aspirar a ocupar posicións de privilexio na escena internacional, convencidos de que isto redundará nunha mellora das capacidades e do funcionamento da sociedade galega”.