No pleno que tivo lugar este luns na Vicerreitoría do campus de Pontevedra
O Consello Social ratifica o orzamento da UVigo para 2026
Ascende a 251,1 millóns de euros, a cifra máis elevada da súa historia
Tras a súa presentación no Claustro e a súa votación no Consello de Goberno, o Consello Social da Universidade de Vigo procedeu este luns á aprobación definitiva do orzamento da institución académica para 2026, que ascende á cifra récord de 251.111.612 euros, a máis elevada na historia da UVigo. No pleno desenvolvido na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este órgano deu o seu visto e prace por asentimento a un orzamento que presenta un incremento de preto de 2,7 millóns, o 1,1% do total, con respecto ao do exercicio de 2025. “Creo que son uns orzamentos equilibrados”, salientou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, tras a aprobación definitiva dunhas contas que lévano a amosarse “moi optimista” respecto a que “poidamos facer moitas cousas no ano 2026”.
No referido á distribución dun orzamento que será elevado á Xunta de Galicia tras a súa aprobación nesta xornada, o capítulo de gastos que representa unha maior porcentaxe é o destinado a persoal. A este capítulo I, que representa un 59,12% do orzamento total, destínanse 148,85 millóns de euros, o que supón un incremento de algo máis de 2,7 millóns con respecto ao actual exercicio. Por outra banda, o capítulo de investimentos reais, asociados a funcionamento, proxectos de investigación, equipamentos, investimentos e infraestruturas informáticas, equipamentos deportivos e outras infraestruturas, ascende a 59,11 millóns, representando o 23,5% do total dos gastos previstos; mentres que o capítulo de gastos correntes sitúase en preto de 34 millóns, un 13,54% do total.
En materia de investimentos, por outra banda, este orzamento recolle unha partida de preto de 6 millóns para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no campus de Ourense; unha actuación que cofinanciada polo convenio de infraestruturas singulares asinado coa Xunta de Galicia. Ademais, contempla tamén destinar un millón de euros a melloras de eficiencia enerxética, 1,7 millóns para o mantemento de edificios e instalacións, 820.000 euros para o equipamento de laboratorios docentes e 300.000 euros para obras de remediación de radón.
No referido, aos ingresos, o 64,89% corresponden ao capítulo de transferencias correntes, con 162,9 millóns de euros e un incremento de 6,5 millóns respecto de 2025. Neste capítulo compútanse todos os ingresos por subvencións correntes que a Universidade recibe tanto da Xunta de Galicia, que se sitúan en 147,9 millóns, como da Administración Xeral do Estado e outros organismos e entidades públicas e privadas. O segundo capítulo con maior contía é o de transferencias de capital, con 42 millóns, o 16,8% do total, fondos que teñen a súa orixe nas achegas para proxectos de investigación obtidas en procedementos de concorrencia competitiva ou en contratos por actividades de I+D. A previsión orzamentaria complétase co capítulo de variación de activos financeiros, con algo máis de 28 millóns, o 11,25% do total; as taxas, prezos públicos e outros ingresos, que ascenden a 16,9 millóns, e os ingresos patrimoniais, cifrados en 725.000 euros.
Así mesmo, o pleno do Consello Social ratificou o teito de gasto da Universidade para o vindeiro exercicio orzamentario, que ascende a un importe de 251,1 millóns de euros, tras a súa aprobación previa no Consello de Goberno.
Transparencia e rendición de contas
Como lembrou Reigosa, a aprobación do orzamento corresponde no sistema universitario español aos consellos sociais, de tal xeito que “aínda que se traballa na Xerencia e nos órganos correspondentes dentro da Universidade”, en primeira instancia, e posteriormente “na comisión de planificación da Universidade e na comisión económica do Consello Social”, a súa aprobación definitiva correspóndelle ao pleno do órgano que este luns celebraba en Pontevedra a súa última sesión de 2025. “Nese senso, quero louvar o traballo que se leva facendo desde hai moitos anos no Consello Social e especialmente tamén na Comisión Económica, porque permítenos ir poñendo cada vez máis solidez na argamasa dos orzamentos e do teito de gasto”, destacou o reitor. Nesta mesma cuestión incidía o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen puña en valor o traballo desenvolvido para “pulir determinadas cuestións” antes da aprobación definitiva deste orzamento.
Nomeadamente, o pleno “traballou especificamente”, como explicou o reitor, nunha serie de cuestións “que teñen que ver xa non tanto cos orzamentos como coa súa execución”, co obxectivo de “seguir dando pasos, da man do Consello Social, para fortalecer tanto a transparencia da Universidade e a rendición de contas, que é algo importantísimo, como tamén a seguridade xurídica do que facemos”. De feito, ademais do orzamento, a xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, presentou nesta sesión un informe sobre a auditoría do Plan de Medidas Antifraude da UVigo, á vez que se abordou tamén o informe de transparencia da Universidade. Neste punto, Pedrosa lembrou que a UVigo atópase entre “entre as mellores universidades de España” neste eido, como reflicte o Examen de Transparencia 2025 elaborado pola Fundación Haz. O presidente do Consello Social salientou así mesmo a “gran participación e presenza” das e dos integrantes deste órgano “tanto nas comisións como nos plenos”, que fan deste “un dos consellos sociais con maior participación de España”, así como o seu desexo de “ter a mesma sintonía que ata o de agora” co novo equipo de goberno da Universidade tras as eleccións á Reitoría que terán lugar en 2026.
O pleno deu así mesmo o seu visto e prace ao orzamento do Consello Social para 2026 e procedeu á aprobación definitiva da creación e participación da UVigo no capital social a spin-off NexoInn, unha empresa orientada ao desenvolvemento de catalizadores e membranas fotocatalíticas, destinadas á obtención de produtos de alto valor engadido. Do mesmo xeito, tras o seu paso por Consello de Goberno, o Consello Social informou favorablemente o cambio de nome do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais polo de Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae), así como pola modificación do acrónimo do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte a Cidega. Aprobouse tamén a aceptación dunha doazón á UVigo por parte da Asociación de Tradutores Galegos, consistente na cesión gratuíta dos contidos que integran a súa Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.
