DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Casa das Campás

O Consello Social da Universidade ratifica a Ana Fernández Pulpeiro como xerenta

O Pleno tamén aprobou o orzamento da Universidade e do Consello Social para 2008

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/12/2007

O 2008 comezará na Universidade de Vigo con Ana Fernández Pulpeiro como nova xerenta. Así se ratificou no Pleno do Consello Social que, baixo a presidencia de Emilio Atrio, tivo lugar este xoves na Casa das Campás de Pontevedra. No encontro, de marcado carácter económico, tamén se deu o visto e bo ao orzamento da Universidade e do Consello Social para o próximo ano.
Fernández Pulpeiro incorporarase ao cargo o vindeiro día 11 de xaneiro e, segundo adiantou o reitor, Alberto Gago, o futuro equipo xerencial estará integrado por cinco vicexerentes cos contidos funcionais de Planificación e Xestión Económica, Xestión Tecnolóxica, Recursos Humanos, Xestión Académica e Campus de Pontevedra e Campus de Ourense. “Trátase cada vez máis de dotar á Universidade de persoal humano cualificado”, sinalou Gago.
Coa chegada da nova xerente, Antón Vidal, que ocupaba provisionalmente o posto desde o pasado mes de abril, retomará o seu papel como responsable dos Servizos Xurídicos da Universidade.
Con respecto ao currículo de Ana Fernández Pulpeiro o presidente do Consello Social destacou a súa experiencia como xerente na Universidade de Santiago de Compostela e directora da Área de Calidade da Universidade de Vigo do 2002 ao 2005, data na que foi designada directora xeral da División de Recursos Económicos do SERGAS, o seu actual posto.

Orzamentos

Sen ningún voto en contra o Pleno do Consello Social aprobou o Orzamento da Universidade de Vigo para 2008 por un importe de 174,2 millóns de euros, o que supón un incremento dun 14% dos ingresos consignados no 2007.
A cifra, que xa fora aprobada a pasada semana en Consello de Goberno, reúne 114 millóns procedentes do Plan de Financiamento da Xunta; 27,3 millóns procedentes de fontes externas de financiamento; 15,7 millóns de prezos e taxas e 17,5 millóns doutros ingresos.
A vicerreitora de Economía, María Montero, explicou neste pleno as principais liñas de gasto referidas, sobre todo a persoal, investigación, reforma das titulacións ou mobilidade internacional.
No referido ao orzamento para 2008 do Consello Social, incrementouse nun 22% con respecto ao ano anterior, alcanzando a cifra de 395.000 euros. As actividades relacionadas co seguimento do proceso de adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior ou o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo serán algunhas das liñas de gasto prioritarias. Inclúese tamén o recoñecemento público ás empresas que colaboran coa Universidade.

Adaptación ao EEES

Sobre como o proceso se está a desenvolver na Universidade de Vigo, o reitor confirmou que mentres no caso de Tradución aínda se está a discutir, as titulacións de Belas Artes, Ciencias do Mar e Enxeñaría de Minas, intentarán adaptarse no primeiro prazo establecido para as titulacións únicas e que cumpran os requisitos de matrícula. Ademais Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, lembrou que a Universidade xa dispón para a consulta de toda a comunidade dunha normativa interna que regula aspectos como calendarios ou métodos de traballo e que tralo proceso de debate, será aprobado por Consello de Goberno, previsiblemente en febreiro.