DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece pautas para afrontar este período

Consellos para manter un estilo de vida activo e saudable durante o confinamento

Tamén lanza a campaña #Eusonmuvernacasa para intercambiar experiencias en redes sociais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 20/03/2020

Que o confinamento derivado desta situación de alarma polo coronavirus non acabe deteriorando a nosa saúde, física e mental. Esta é unha prioridade que están poñendo sobre a mesa profesionais da medicina e da actividade física e tomada como propia pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, que acaba de poñer en marcha unha iniciativa para achegar á comunidade universitaria propostas de hábitos saudables. Román Lago, técnico superior en Actividades Deportivas, remarca que nesta situación de confinamento é moi importante seguir “un estilo de vida activo para, como mínimo, manter o noso estado de saúde anterior e poder retomar a facilmente a nosa vida normal cando todo isto remate. Non tería moito sentido conseguir evitar o coronavirus e acabar empeorando igualmente toda a nosa saúde por non seguir durante este período unhas mínimas rutinas diarias de alimentación, actividade física, sono, hidratación, hixiene, etc”. Aínda que semelle que pode resulta moi complicado substituír a bici, correr ou o ximnasio por outras actividades dentro das vivendas, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte consideran que “pode chegar a ser sinxelo conservar a saúde mantendo un nivel adecuado de actividade sen contaxiarnos nin contaxiar a ninguén”, para o que recomendan “establecer uns horarios para cada tarefa, que pode axudar a non deixar nada atrás”.

Para axudar á comunidade universitaria a establecer estas rutina, na Área de Benestar, Saúde e Deporte deseñaron un documento con varias recomendacións e estratexias. Por unha banda, avogan por aproveitar todas as oportunidades que se presentan no día a día para movernos e manternos activos/as, como ir á compra a pé, empregar as escaleiras, no lugar do ascensor, etc. “Son pequenas cousas axudan a queimar calorías e a manternos máis activos”. Tamén recomendan dedicarlle media hora diaria de actividade e, para aquelas persoas que estean realizando teletraballo, aconsellan levantarse cada media hora e lembrarse das pautas de hixiene postural, realizar estiramentos de maneira periódica ou facer exercicios de mobilidade ou respiración abdominal.

Ademais, Lago tamén lembra que a actividade física “vai mellorar a nosa saúde mental durante este período porque vainos facer sentirnos mellor e con máis enerxía e, ademais, é unha boa forma de ocupar parte das horas do día que imos a ter que estar metidos na casa. O principal motivo para non facer exercicio adoita ser a falta de tempo libre e diso agora temos abondo”.

30 minutos diarios de exercicio

O documento da Área de Benestar, Saúde e Deporte fai fincapé na necesidade de seguir rutinas simples de exercicios adaptadas ás posibilidades e características de cada persoa e cunha duración duns 30 minutos diarios. Se antes a persoa non facía exercicio de xeito regular, recomendan “comezar con moito tento, con traballo de baixa intensidade e duración limitada incrementando progresivamente o tempo de duración ata chegar aos 30 minutos recomendados”. Para as persoas afeitas a realizar actividade física “poden optar por rutinas que encadeen varios exercicios de forza sen descanso”, como cinco sentadiñas, cinco flexións, cinco saltos cos xeonllos ao peito, cinco pranchas frontais e cinco laterais no chan. 

Por outra banda, tamén lembran que en internet e redes sociais hai dispoñibles moitas rutinas para facer deporte na casa, pero advirten de que “o máis importante é escoller aquelas que se adaptan mellor ás nosas características” e, neste sentido, Román Lago explica que hai que ter en conta principalmente tres aspectos. Por unha banda, remarca que é importante buscar programas elaborados por profesionais titulados de Ciencias da Actividade Física e Deporte; por outra, que estes programas establezan con claridade o seu nivel de intensidade, a que poboación van dirixidos e se existen contraindicacións para persoas con algún tipo de condición especial; e finalmente, que sexan exercicios sinxelos ou xa coñecidos por cada un de nós para evitar erros na súa execución que ao final nos prexudiquen mais que nos beneficien.

#Eusonmuvernacasa 

Paralelamente a estas recomendacións para manter un estilo de vida activo e saudable durante o confinamento, a Área de Benestar, Saúde e Deporte, puxo en marcha unha campaña en redes sociais co cancelo  #Eusonmuvernacasa, para que os membros da comunidade universitaria poidan compartir as súas rutinas na corentena. “Vale todo”, lembran, “baila, limpa, ordena o teu cuarto... o importante é moverse!! Canto máis orixinal mellor!”, animan.