Nun acto celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
ConSenso presenta a José María Cancela como candidato a vicerreitor do campus de Pontevedra
A candidatura liderada por Jacobo Porteiro presenta o seu equipo ao longo desta semana
A candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo que encabeza Jacobo Porteiro, ConSenso, anunciou este mércores ao catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela como o seu candidato para situarse á fronte da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, no caso de saír elixida. Fíxoo nunha presentación que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no que deron a coñecer tamén algunhas das propostas da candidatura para o campus pontevedrés.
Catedrático na área de Educación Física e Deportiva, Cancela Carral desenvolve a súa carreira académica na UVigo desde o ano 2000. Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade da Coruña e investigador principal do grupo HealthyFit, é especialista en exercicio físico e saúde e conta cunha ampla traxectoria investigadora centrada en poboacións con enfermidades neurodexenerativas. Coordinador do Máster Interuniversitario en Dirección Integrada de Proxectos, foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e director da Área de Planificación do Campus de Pontevedra.
Un campus con “potencial por explorar”
Na súa intervención, Porteiro explicou que ConSenso presentará este venres, na Facultade de Filoloxía e Tradución, o equipo completo da súa candidatura, pero previamente, sinalou, “queríamos ir pouco a pouco anticipando a composición do proxecto que lidero”. Así, tras anunciar este martes á profesora Elena Rivo como candidata á Vicerreitoría do campus de Ourense, Porteiro presentou nesta xornada a Cancela como “un boísimo candidato para representar o campus de Pontevedra, para coordinalo e para axudarme a reimaxinar á UVigo, que é a mensaxe que queremos enviar”. O candidato de ConSenso destacou que “temos moitísimo potencial no campus”, mais tamén que este conta con “potencial aínda por explorar e por crear”. Porteiro salientou que “a Universidade de Vigo non se pode entender sen o campus de Pontevedra, nin a cidade sen a presenza da Universidade de Vigo”, o que levouno a apostar por “unha persoa con solvencia e con experiencia” como candidato á vicerreitoría.
Cancela sinalou que recibiu a proposta “como unha gran responsabilidade que acepto con ilusión”, para logo subliñar que o campus “non é só edificios e titulacións”, senón “unha comunidade de persoas que co seu traballo e a súa actividade diaria fan que este sexa un campus vivo”. O candidato de ConSenso á Vicerreitoría destacou tamén o potencial do campus, que “é necesario liderar desde diferentes perspectivas”, subliñando que, no caso de ser elixido, centrará os seus esforzos en que conte con “alta calidade en docencia, unha investigación necesaria e unha transferencia con impacto social”. Ao mesmo tempo, recalcou que se trata dun “campus moi próximo á cidade e á cidadanía”, vinculación que buscaría “fortalecer dándolle máis vida ao campus”, co propósito de que, ademais da comunidade universitaria, “a cidade poida participar de forma activa nesta Universidade”. Isto levouno a apuntar que entre as medidas que propoñen atópase “incorporar zonas de traballo conxunto, de participación e de relación”. Ao mesmo tempo, sinalou que entre as súas propostas figura tamén “darlle máis peso” ao Programa Universitario de Maiores (PUM) ou “respaldar o traballo que fan diferentes delegacións de alumnos pedindo e fortalecendo as competencias profesionais” dos seus sectores.
