A actividade celébrase este luns e martes na Facultade de Relacións Internacionais
O consentimento, a violencia sexual e o pracer das mulleres centran unhas xornadas no campus
O seu obxectivo é promover a reflexión crítica sobre estes temas
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebra este luns e martes as xornadas Violencia sexual e consentimento. O pracer das mulleres importa, organizadas co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. A actividade quere, a través diferentes conferencias de especialistas neste eido, incrementar o coñecemento sobre “as estruturas patriarcais que posibilitan e perpetúan a violencia sexual exercida contra as nenas e mulleres”; promover o coñecemento da lexislación vixente sobre o consentimento sexual e o seu rol na perpetuación desta violencia e estimular a reflexión critica sobre o tema do consentimento sexual e a necesidade de contemplar o desexo das mozas e mulleres.
Na apertura participaron María Lameiras, coordinadora da actividade, enlace de igualdade da Facultade de Relacións Internacionais e catedrática da UVigo experta en temas de xénero; Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e Laura Carballo, decana da Facultade de Relacións Internacionais. Nas súas intervencións salientouse a importancia de, con iniciativas coma estas xornadas, pór o foco nunha problemática significativa da sociedade actual como é as violencias sexuais contra nenas e mulleres e traballar aspectos como o do consentimento. Igualmente salientouse a necesidade de avanzar na reivindicación de espazos libres de violencia para mulleres e nenas, algo, que, subliñouse, beneficiaría a toda a sociedade e non só a elas.
Tras a inauguración, Teresa Peramato, fiscal de sala, xefa da sección penal da fiscalía do Tribunal Supremo e fiscal de sala delegada para a tutela e protección das vítimas de delito, falou sobre a Lei Orgánica 10/2022, o consentimento e a súa aplicación polos tribunais. Xa pola tarde haberá unha sesión na que os protagonistas serán o documental Serás hombre (2018) e a súa directora, guionista e produtora Isabel de Ocampo. O martes, a programación arrancará cunha conferencia sobre Consentimento e desexo sexual: o pracer das mulleres importa, a cargo de María Lameiras, e continuará con outra da profesora da UNED Ana de Miguel, titulada Inxustiza epistémica e violencia sexual: sobre o valor da palabra das mulleres. Ás xornadas asistente alumnado das facultades de Relacións Internacionais e tamén de Educación e Traballo Social.
