DUVI

Diario da Universidade de Vigo

36 persoas participan nesta actividade coordinada polo músico Suso Vaamonde

A consolidación dun grupo estable, principal reto da Aula de Música Tradicional Galega

O obxectivo é establecer unha formación musical con varios formatos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/11/2021

“Aínda dentro do que estamos respirando e vivindo e coas dificultades que aínda temos, este quizais sexa o noso ano máis ambicioso en canto a obxectivos a conseguir”, salienta o músico Suso Vaamonde, responsable da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, que desde 2017 busca contribuír a que tanto o alumnado como calquera persoa interesada poida iniciarse ou mellorar o seu dominio de diferentes instrumentos populares. “Despois de tantos anos, este traballo agromou”, salienta Vaamonde, que destaca que un dos obxectivos centrais cos que a aula iniciou este curso era o de consolidar o seu grupo de música tradicional, “como unha formación estable con varios formatos”.

De feito, despois duns meses nos que a pandemia obrigou a levar a cabo esta actividade de xeito virtual, o arranque deste curso 2021-2022 permitiu pór en marcha xa ese grupo, que nas últimas semanas participou na inauguración da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e no acto de graduación do Programa Universitario de Maiores, celebrado o pasado venres no campus pontevedrés. Como explica Baamonde, trátase dun grupo con “varios formatos”, o máis numeroso, o que reúne gaitas e percusión, “con máis de 20 alumnos”. De xeito paralelo, e pensando “noutro tipo de eventos”, a aula conta tamén cun grupo de zanfonas, ao que se suma “que tamén contamos cuns acordeóns que nos van permitir completar tanto un grupo como outro”.

Retorno á presencialidade

A situación provocada pola covid-19 obrigou a que, durante boa parte do pasado curso, esta aula tivese que desenvolver a súa actividade de xeito virtual, centrándose nese senso, a través de exercicios e titorías por videoconferencia, no traballo individual co instrumento. “O alumnado estivo traballando pola súa conta e nas clases online e iso nótase agora”, salienta Vaamonde dunha actividade que no presente curso cubriu as súas 36 prazas, na súa “inmensa maioría” por persoas que xa participaran nos cursos anteriores nesta iniciativa impulsada pola Vicerreitoría do campus. De feito, esa continuidade “axuda tamén a consolidar este grupo estable”, recoñece Vaamonde, que explica que unha parte das clases que cada luns desenvolven na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación céntranse xa no traballo conxunto co repertorio que preparan para diferentes actuacións.

O traslado da Escola de Enxeñaría Forestal ao salón de actos desta facultade foi de feito outro dos cambios cos que esta Aula Permanente retomou a súa actividade no mes de setembro, dada a amplitude e ventilación deste espazo. “Seguiremos aquí mentres obriguen as circunstancias”, apunta Vaamonde, que sinala que a amplitude deste espazo permite tamén compaxinar nas clases o traballo con “diferentes niveis” dun mesmo instrumento. Do mesmo xeito, cada sesión estruturase en diferentes franxas horarias para traballar cos diferentes instrumentos, desde as gaitas e a percusión, aos acordeóns, ocarinas e zanfonas. Ao mesmo tempo, cada sesión conta tamén cun tempo para o traballo conxunto, “na que a clase funciona como un ensaio”, como recoñece este gaiteiro e profesor, que nos últimos anos combinou o seu labor docente coa súa traxectoria como músico en formacións como Vaamonde, Lamas & Romero, Luva Verde, Leilia Doura ou Cantata Vernácula.

Dar a coñecer o traballo realizado

Alén das actuacións “en eventos de diferentes tipos” que poidan levar a cabo o longo do curso, outro dos propósitos desta Aula Permanente é tamén darse a coñecer tanto entre a comunidade universitaria como entre a cidadanía. Isto, sumado á situación sanitaria, motivou que, cando as condicións climatolóxicas o permitiron, parte destas aulas se trasladasen ao exterior da facultade. “A idea é que a xente vexa que se está facendo, como é onde”, apunta Vaamonde, que sinala que se ben esta actividade reúne “un grupo moi heteroxéneo”, do que forman parte tanto profesorado, estudantes do Programa de Maiores e persoas alleas á comunidade universitaria, busca servir tamén como un espazo no que o alumnado que tocaba un instrumento nas súas vilas de orixe, poida seguir practicando na súa etapa universitaria.