DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia do seu presidente e a súa secretaria técnica celebrada este venres

O Consorcio Aeronáutico Galego preséntase ás e aos futuros enxeñeiros aeroespaciais do campus

Enrique M. Mallón destacou as boas expectativas laborais que ten este alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/05/2018

Periodicamente a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense convida a expertas e expertos de diferentes eidos relacionados co sector aeronáutico e aeroespacial a vir ás instalacións universitarias para ofrecer ao seu alumnado unha perspectiva ampla da súa área. Este venres tocoulle a quenda a Enrique M. Mallón, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego, e a Jennifer González, secretaria técnica deste consorcio, que destacaron ao alumnado presente “o bo futuro profesional que vos auguramos”.

Pór no mapa a Galicia

A conferencia levou por título Consorcio Aeronáutico Galego: aquí estamos! e celebrouse no Edificio Politécnico do campus. Durante a súa intervención, os representantes da agrupación explicaron aos estudantes presentes como o Consorcio Aeronáutico Galego naceu en 2007 a iniciativa dun grupo de empresas do sector metalúrxico que “detectaron o nicho de mercado que había nese sector”. Ao longo destes once anos, sinalaron, desenvolveron un amplo programa de iniciativas, desde eventos como congresos internacionais e accións formativas ata a elaboración do libro branco do sector aeronáutico e aeroespacial de Galicia. Entre os fitos acadados tamén citaron a súa incorporación ao Cinae, o Centro Galego de Innovación Aeroespacial promovido desde a Universidade de Vigo.

Na actualidade, indicou Jennifer González, unha trintena de entidades forman o consorcio, abranguendo sectores diversos, desde o de drones ata o de plásticos, pero compartindo todas elas o seu traballo “en beneficio do sector aeronáutico galego”. “Estamos intentado pór a Galicia no mapa e cremos que o estamos logrando”, afirmou Enrique M. Mallón. Nestes once anos, indicou o presidente, “conseguimos cousas relevantes, como pór a Galicia no plan nacional” e que entidades como “Airbus ou Boeing veñan a Galicia”. Alén de explicar a súa actividade concreta como agrupación, Enrique M. Mallón foi o encargado de falarlle ao alumnado presente das expectativas de futuro do sector en Galicia e das expectativas profesionais que desde o sector se albiscan para os futuros egresados e egresadas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo ourensá.

O futuro profesional

Sinalando como en Galicia “practicamente non hai enxeñeiros aeronáuticos”, o presidente do Consorcio Aeronáutico Galego indicou ao alumnado presente no acto celebrado este venres no campus que “as vosas expectativas laborais son moi boas”. Deste xeito, adiantou o compromiso da entidade que preside de colaborar coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus en eidos como a realización de prácticas e actividades como visitas a empresas. “Faremos todo o posible para que teñades garantido un futuro en Galicia”, afirmoulle Enrique M. Mallón. Como Consorcio Aeronáutico Galego, recalcou, “somos os primeiros interesados en que haxa opcións para vós”.

Ao longo da súa intervención, Enrique M. Mallón ofreceu unha panorámica das empresas do sector ao alumnado asistente. Así, abordou desde as oportunidades que teñen en grandes empresas do sector aeronáutico, como Coasa, ata outras nas que o sector aeronáutico representa unha parte, como no caso de Hispamoldes o 10%, pero nas que “hai potencial de crecemento”. “O sector está en auxe en Galicia, oportunidades hai moitas. A moitas empresas viralles moi ben ter enxeñeiros aeroespaciais para gañar peso no sector”, adiantoulle ao alumnado asistente. Neste senso, o presidente do Consorcio Aeronáutico Galego engadiu tamén como desde a súa entidade “seguiremos promocionando Galicia como destino de investimentos aeronáuticos e aeroespaciais”.