DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcado no "I Seminario Internacional sobre Cooperación Transfronteiriza"

Constitúese en Allariz a Rede Ibérica de Investigadores sobre Cooperación Transfronteiriza

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 04/12/2007

No marco do I Seminario Internacional sobre Cooperación Transfronteiriza celebrado o 30 de novembro e 1 de decembro en Allariz, tivo lugar a constitución da Rede Ibérica de Investigadores sobre Cooperación Transfronteiriza.
O seminario, que foi organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración e o Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet, abordou a institucionalización desta rede na sesión celebrada o sábado día 1 de decembro. O seu propósito é estabilizar un núcleo de profesionais universitarios que están a investigar sobre a cooperación transfronteiriza desenvolvida entre Euskadi e Aquitania, entre Cataluña e as rexións francesas de Midi-Pyrennees e Languedoc-Rousillon e entre Galicia e a rexión norte de Portugal. O carácter da Rede é totalmente interdisciplinar xa que conta con polítólogos, xuristas, xeógrafos e expertos en relacións internacionais.

Membros e organigrama

Ademais da Universidade de Vigo, forman parte desta iniciativa profesores das universidades do País Vasco, Autónoma de Barcelona, Santiago de Compostela e Minho. Nos vindeiros meses incorporaranse ao proxecto outras universidades europeas que contan con investigadores sobre esta materia.
O coordinador xeral da Rede será, durante o primeiro ano, o catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona, Francesc Morata. Estará axudado por outros dous coordinadores, Francisco Letamendía, da Universidade do País Vasco e Celso Cancela, da UVigo.
Ademais da constitución da Rede Ibérica de Investigadores, no seminario analizáronse as situacións, similitudes e diferenzas das tres fronteiras coas que España conta: a de Euskadi-Aquitania, a da Eurorrexión Pirineos Mediterráneo e a Galego-Portuguesa.