DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O monopraza de UVigo Motorsport iniciará a competición en Barcelona o 5 de agosto

Conta atrás para o debut do UM21 na Formula Student Spain en Montmeló 

Preto de 50 estudantes dos tres campus participaron no deseño e construción do vehículo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 03/08/2021

O UM21 viaxa rumbo a Barcelona, onde a partir do vindeiro xoves 5 de agosto participará nas probas da Formula Student Spain que se celebrarán no circuíto de Montmeló. Logo de competir en España, o monopraza deseñado e construído por preto de 50 estudantes dos tres campus da UVigo desprazarase a Alemaña onde lle agardan as probas da Formula Student Germany, no circuíto de Hockenheimring.

Quedan atrás meses de traballo nos que a pandemia condicionou a actividade das e dos integrantes de UVigo Motorsport, ata o punto de que a competición do ano 2020 non se celebrou, momento no que alumnado da UVigo decidiu comezar inmediatamente co deseño do UM21. “Por esta razón, podemos dicir que este é o monopraza que máis traballo ten detrás, posto que contou cun tempo extra debido á cancelación da tempada anterior”, explican os membros do equipo, integrado este ano por máis de 45 estudantes dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, que contaron ademais co apoio de antigos integrantes do equipo. Un grupo, que segundo eles mesmos, fixo posible co seu traballo que o proxecto se converterse “nunha experiencia única, na que ademais de aprender e aplicar todos os coñecementos dos que dispoñemos, aprendemos constantemente novas habilidade que nos serán de axuda para a nosa vida laboral, ademais de entender como funciona un equipo”, explican.

Novo paquete aerodinámico, máis veloz e listo para disputar unha proba de xeito autónomo

Respecto do seu antecesor, o UM21 implementa un novo paquete aerodinámico, aumentando a velocidade e as prestacións, así como unha maior sensorización dos sistemas de dirección, freada e aceleración, cambios no sistema de suspensión e unha redución global do peso.  “Ademais este ano tivemos como principal obxectivo o desenvolvemento da tecnoloxía e compoñentes necesarios para que o noso monopraza sexa quen de disputar, cando menos, unha proba das que se van disputar de xeito autónomo”, explican as e os integrantes do equipo.

A decisión de participar nunha proba das que se disputan de xeito autónomo supuxo, aseguran os membros do equipo, un enorme investimento de tempo do departamento autónomo en investigación e probas, “posto que para nós era un mundo totalmente novo no que debiamos experimentar e buscar o xeito e obter o mellor resultado, tendo en conta as evidentes limitación que temos como estudantes, ademais de que a condución autónoma é unha tecnoloxía que se atopa en constante evolución posto que é moi nova”, sinalan os membros de UVigo Motorsport.

Expectativas e detalle das probas dinámicas e estáticas

O inicio das probas dinámicas na Formula Student Spain en Barcelona será o día 5 de agosto e na Formula Student Germany a data análoga será o 19 de agosto. O UM21  someterase a distintas probas dinámicas, todas elas de xeito individual e a maioría cronometradas, que se prolongarán ao longo de toda a semana, “o que permite aos equipos que se perderon as probas iniciais, participar nas máis esixentes do final da competición, onde a maioría de equipos esperamos correr co noso monopraza nun circuíto coas trazadas máis desafiantes para as dimensións e características do coche”, detallan as e os estudantes, en relación co denominado “endurance”, que terá lugar o 21 de agosto en Alemaña. 

Concretamente en Montmeló o equipo da UVigo participará nas probas estáticas Business Plan Presentation, Cost & Manufacturing e Engineering Design, “nas que debemos defender ante un tribunal o deseño e o proxecto en xeral”, e nas probas dinámicas Skipad, Aceleration, Autocross e Endurance & Efficienty, “nas que se xulgará o desempeño en pista do UM21”. No caso da Formula Student Germany, as e os integrantes de UVigo Motorsport tamén participarán en todas as probas. Transcorridos seis anos desde que o proxecto botou a andar, as expectativas para este 2021“céntranse en mellorar o resultados que obtivemos en anos anteriores, así como obter os mellores resultados que nos permita todo o traballo e esforzo investido no monopraza”, aseguran os integrantes do equipo , que destacan o labor de todas as persoas que participaron no proceso de creación do UM21, así como os patrocinadores. “Sen eles, sería imposible que este proxecto seguise adiante, posto que supoñen un apoio e axuda fundamentais para que esta experiencia baseada na aprendizaxe poida seguir adiante”, explican.