DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será ás 03.07 horas do 27 de decembro e o primeiro pase por Vigo está previsto para as 11.00 da mañá

Conta atrás para o lanzamento ao espazo do satélite LUME-1

“Agardamos que todo vaia da mesma maneira ca durante as probas que se realizaron en terra”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/12/2018

O cuarto satélite da Universidade de Vigo, LUME-1, será posto en órbita ás 03.07.18 horas (AM) do  vindeiro xoves 27 de decembro a bordo dunha nave Soyuz na base espacial rusa de Vostochny, en Siberia. Inserirase en órbita ás 07.25.32 horas e o primeiro pase por Vigo está previsto para as 11.00 da mañá. Xa todo está listo para o gran momento e, aínda que en principio a data oficial de lanzamento era o martes 25 xa se contaba que, como é habitual neste tipo de situacións, podía haber modificacións de última hora, fundamentalmente por cuestións meteorolóxicas ou porque nalgunha das comprobacións técnicas no foguete se detecte que é necesario algunha inspección adicional.

“Ao ser o cuarto satélite que lanzamos ao espazo xa contamos con bastante experiencia respecto aos procedementos previos de preparación da estación terrea antes do lanzamento”, apunta o profesor Fernando Aguado, investigador responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, quen explica que o satélite chegou a Rusia a fin de semana do 17-18 de novembro tras integrarse no sistema dispensador (POD) nas instalacións da empresa ISIS (Innovative Space Logistics) en Holanda o 16 de novembro, un proceso no que non se detectou ningún tipo de incidencia.

Seguimento desde a estación de control da EE de Telecomunicación

Nestes días previas ao lanzamento as tarefas céntranse, sobre todo, en comprobar o correcto funcionamento da estación de control da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, desde onde se van realizar todos os labores de seguimento. “Comprobamos as antenas, os amplificadores, os rotores... e tamén todo o software de control, tanto da estación como do satélite”, explica Aguado, ao que engade que outro dos aspectos no que se centran nestes días é na revisión dos procedementos de operacións iniciais de LUME-1, que inclúen a fase de lanzamento e as primeiras operacións, denominada LEOP (Launch and Early Operation Phase)  e a validación da plataforma e as cargas útiles durante as primeiras semanas.

O equipo de operacións  estará constituído por tres ou catro persoas que se irán alternando durante os diferentes pases, estando previsto que haxa catro pases cada día: dous pola mañá e dous pola tarde.  Durante estes primeiros pases realízase esa primeira fase que ten como misión contactar co satélite e analizar a súa primeira telemetría, para comprobar así o correcto funcionamento da plataforma, e poder configurar os parámetros fundamentais do satélite. 

O responsable da agrupación aeroespacial explica que o seguinte paso será analizar cada un dos subsistemas de forma independente e pór en funcionamento o sistema de control de posición. “A continuación realízanse as probas coa carga útil M2M, que será a que permita contactar desde os sensores do fogo e os avións non tripulados, UAVs, co satélite LUME”, explica Aguado, que fai fincapé en que esta fase inicial pode prolongarse tres ou catro semanas aproximadamente.

Innovadoras ferramentas para loitar contra os incendios forestais

Inserido no  proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais, no que ademais da Universidade de Vigo participan a Universidade de Porto e o CNRS francés, LUME-1, é un satélite cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 x 10 x 10 e un peso de 2,1 quilogramos. A súa misión fundamental será dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo grupo Cima da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto.

Co seu lanzamento culminará o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación. “Todos os estudantes e investigadores que participan no proxecto FIRE-RS pertencen ás escolas de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática ,que son o núcleo do Agrupación Aeroespacial”, detalla Aguado, quen lembra que nos meses previos a este lanzamento o satélite completou durante meses un esixente calendario de probas, inclúidas as de aceptación de todos os subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel do sistema.