DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro achega a creación de contidos para redes sociais co smartphone

Contar historias a través das redes sociais usando un teléfono móbil

Trabállase principalmente na elaboración do guión

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • No Campus
DUVI 08/05/2019

Hoxe en día hai moitas ferramentas ao alcance de calquera persoa para poder contar unha historia, vender un produto ou transmitir unha idea. A Universidade de Vigo, consciente desta realidade, oferta, por primeira vez, un curso para a creación de contidos audiovisuais para redes sociais usando o teléfono móbil. O obradoiro, inserido na programación do segundo cuadrimestre, comezou o pasado 19 de febreiro e estenderase ata o vindeiro 14 de maio, os martes, en sesións de tres horas co obxectivo de achegar a creación de contidos audiovisuais para redes sociais dunha forma práctica para que todo o mundo poida empregar o móbil coma unha ferramenta de traballo máis.

Á fronte deste obradoiro atópase Xoan Mariño, produtor executivo e cultural en Mr. Misto, que insiste en que calquera obra audiovisual, independentemente dos medios cos que se produza, “ten que ter claro que quere contar, como o quere contar e a quen está destinada”,  por iso o que máis se traballa neste obradoiro é o guión. En redes sociais, o obxectivo tamén é captar a atención de espectadores potenciais e así obter novos seguidores e seguidoras e para iso hai que partir dun bo guión, sexa para a promoción dun produto ou para contar historias, porque “moitas veces non nos paramos a pensar en como temos que enfocar o que imos a contar”, subliña o docente

As redes sociais e as súas posibilidades

Actualmente as redes sociais son unha ferramenta orientada sobre todo ao marketing e a publicidade, e “ neste obradoiro estase a traballar principalmente na promoción de produto” subliña Mariño. Non obstante, o emprego das redes como forma de comunicación, non só se restrinxe ao eido publicitario e así, dentro do obradoiro “hai persoas que queren facer campañas de sensibilización, concienciación ou empregar as redes sociais como ferramentas de divulgación científica”, salienta Mariño. 

Ao mesmo tempo que se van definindo as ideas e empezando a traballar no guión de cada proxecto, tamén se tratan outros aspectos da creación audiovisual. Así, nunha das últimas sesións puideron saír a facer unha entrevista co móbil na rúa, exercicio do que Mariño se mostra satisfeito “sairán contidos mellores ou peores, pero trátase de crear e aprender a manexarse coas ferramentas, traballando dunha maneira moi práctica”, xa que  o obxectivo do obradoiro é sentar as bases para que o estudantado poida seguir dedicándose ao proxecto que teñen elixido unha vez que remate o curso.  

O teléfono móbil coma ordenador

Hoxe en día os teléfonos móbiles non deixan de ser un ordenador que cabe na palma da man e “que moitas veces pode ser máis potente que algúns dos portátiles cos que traballabamos hai anos”, destaca Mariño. Practicamente todo o mundo ten un, pero non todos son quen de sacarlle o máximo rendemento, “ao final o que a maioría facemos é chamar, falar, colgar ou escribir por whatsapp”, subliña o docente, e, neste obradoiro, a idea é que o alumnado sexa capaz de explotar todas as posibilidades que lles ofrece o seu teléfono móbil á hora de crear contidos para redes sociais.

Instagram, Twitter ou Facebook figuran entre as redes que máis se empregan e que poñen a disposición dos usuarios todo tipo de ferramentas para a creación de contidos e ademais das propias de cada rede, no curso estase a traballar con outras aplicacións de descarga libre, aínda que existen algunhas que requiren de pago para realizar certas accións. Non obstante, o docente salienta que “coas ferramentas gratuítas xa temos suficiente marxe como para facer edición, picar entrevistas, subir contidos e incluso crear subtítulos”, polo que con poucos medios se poden crear contidos audiovisuais de forma sinxela. 

Un curso motivador e moi práctico

O traballo coas novas tecnoloxías e cos novos medios de comunicación facilita que as persoas poidan elaborar as súas propias historias e compartilas co mundo. Esta nova forma comunicar é o que se pretende salientar a través deste obradoiro, converténdoo nun curso que permite “un feedback moi interesante e que é moi motivador porque se trata de algo práctico, que o estudantado pode chegar a aplicar no seu traballo cotían”, salienta Mariño, que tamén destaca que o alumnado chegou con moitas ganas de facer e de aprender e cun alto grao de motivación e implicación.