DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a análise feita polos especialistas da Rede Localis

As contas dos concellos galegos permiten “favorecer a protección do tecido económico local”

Recomendan ampliar a suspensión dos obxectivos de débeda e déficit máis alá de 2021

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/12/2020

O Observatorio Municipal Galego fixo pública este venres a súa última análise da situación económica-financeira dos concellos galegos e nela conclúen que “os municipios gozan, en xeral, de boa saúde e, por tanto, están en condicións de reforzar o apoio ás economías locais nestes tempos de crises”. Segundo este observatorio, iniciativa da Rede Localis, rede xestionada polo grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, “os indicadores amosan unha situación económica-financeira saneada, que posibilitaría non só pensar en axudas concretas para favorecer o mantemento do tecido produtivo, tan danado polas repercusións económicas e sociais da covid-19, senón en actuacións menos esixentes para as contas públicas locais, como poden ser a redución do período medio de pago a provedores ou a diminución do importe debido”.

Os datos analizados polo Observatorio Municipal Galego, indican en nota de prensa desde a Rede Localis, “posibilitan favorecer, desde a óptica pública, o coidado e a atención do tecido económico local e o desenvolvemento de políticas públicas para a cidadanía”. A débeda viva per capita en 2018, detallan, era de 93 euros, mentres que o remanente de tesouraría ascendía aos 499 euros por habitante. Neste ano, engaden, o total de débeda viva dos concellos galegos era de 251,4 millóns de euros, fronte aos 1347 millóns de remanente. “En consecuencia, a débeda non chegaba a representar nin o 19 % dos aforros xerados”, afirman. En termos relativos respecto dos ingresos correntes, engaden, “como indicador proxy da capacidade de satisfacer os importes debidos, a débeda supuña en 2018 o 11 %. O remanente de tesouraría ascendía ao 59% dos ingresos correntes. Ambos indicadores reforzan a formulación do alto grao de saneamento económico-financeiro dos concellos galegos”. Unha conclusión similar pódese obter, apuntan desde o observatorio, do importe de pagos pendentes, que en 2018 representaban 122,4 millóns de euros, 45 euros por habitante, e o mesmo respecto ao período medio de pago, cifrado en 38 días, un resultado moi próximo aos 30 días que establece a normativa.

Elevados remanentes

“Dado a elevada cifra de remanente dos concellos galegos, os expertos recomendan suspender as regras fiscais non só para o exercicio económico 2020 e 2021, senón ir máis aló, establecendo un escenario máis a medio prazo”, indican desde a Rede Localis. A actual situación de incerteza económica e social, subliñan, “precisa dunha adecuación das regras de funcionamento de todas as administracións públicas, e, en particular dos municipios, por dous motivos: a súa capacidade económica-financeira para afrontar gastos e por tratarse da administración pública máis próxima ao cidadán”.

Unha segunda alternativa a expor, detallan en nota de prensa, “sería reactivar o tecido económico que prové ás entidades locais galegas reducindo os trámites administrativos”. Neste sentido, indican que “é necesario, para recuperar o pulso económico nesta segunda onda da pandemia, potenciar a ventá única en todos os municipios de Galicia, contar con persoal nos concellos que mellore a comunicación coas empresas, dispor dunha ordenanza única reguladora para a prestación de servizos e potenciar o papel das entidades de certificación de conformidade municipal”.