DUVI

Diario da Universidade de Vigo

XIX Encontros da Asociación Española

Contemplando Vigo a través de James Joyce

Este venres e sábado na Fundación Caixa Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/04/2008

Co panel Joyce, the language of music and translation comezaron este venres na Fundación Caixa Galicia os XIX Encontros da Asociación Española James Joyce que reunirán ata o sábado a destacados expertos na obra do escritor irlandés. Para dar conta da complexidade e variedade de ángulos e perspectivas que o estudo de Joyce permite, nos encontros abórdanse temas tan diversos como Joyce e a música, Joyce e o cine, a tradución, as vangardas, a relación con outros autores irlandeses e incluso Joyce e a identidade de xénero, proba inequívoca de que non hai unha única liña de achegamento ao autor do Ulises sobre o que se darán a coñecer os últimos traballos críticos, achegas teóricas, traducións e estudos comparados.
A profesora do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo, Teresa Caneda que xunto ao tamén profesor Martín Urdiales, encargouse da organización dos encontros, animou aos asistentes a “contemplar Vigo a través de Joyce” a quen rende homenaxe o póster do congreso no que se recrea unha imaxe do escritor paseando por Vigo coa escultura do Sereo de Leiro reflectida nas súas gafas.
Belén Martín, directora do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá que agradeceu á Asociación Española James Joyce a elección de Vigo para a celebración do decimo noveno encontro, expresou o seu desexo de que “estes encontros sirvan para afianzar os estudios joyceanos”. Martín tamén destacou a labor desenvolvida por Teresa Caneda ao longo de varios anos e coa que “foi quen de contaxiarnos o seu interese por Joyce”.

A pegada de Joyce en Vigo

Foi o presidente da Asociación Española James Joyce, Francisco García Tortosa, que puxo o acento no selo de Joyce en Vigo, unha cidade que non coñeceu pero onde “o número de profesores e escritores tocados por Joyce é moi elevado, tal é o caso da obra Pandemonium de Julián Ríos”. García Tortosa, catedrático da Universidade de Sevilla e traductor do Ulises ao castelán (Cátedra: 1999) que xustificou a creación hai case dúas décadas da Asociación Española James Joyce “por que o camiño que Joyce nos trazou non é chan e por iso é preferible facelo en compañía”, agradeceu o traballo dos organizadores e expresou o seu desexo de que os asistentes aos encontros “compartan os nosos gozos e penas en Joyce”.
O director da Área de Política de I+D do Vicerreitorado de Investigación, Ángel Rodríguez de Lera, expresou a satisfacción da Universidade de Vigo por organizar congresos no que toman parte os seus investigadores no ámbito das humanidades. Segundo Rodríguez de Lera “o noso é un Vicerreitorado moi ocupado polo ámbito científico e tecnolóxico e temos máis dificultades para entender as achegas do ámbito das humanidades, tan relevantes como esta”. O director da Área de Política de I+D do Vicerreitorado de Investigación agradeceu o traballo de Caneda e Urdiales e desexou aos asistentes unhas xornadas moi proveitosas.
A inauguración dos encontros pechouse coa actuación do grupo de música galega e irlandesa Nao d´lre.

A Asociación Española James Joyce

A Asociación Española James Joyce reúnese anualmente nunha universidade onde celebra un congreso no que se dan a coñecer os últimos traballos en torno á obra do autor. Sevilla, As Palmas, Santiago de Compostela, Huelva. Almería, Madrid ou A Coruña, son algunhas das sedes de anteriores edicións dos encontros organizados pola asociación que preside Francisco García Tortosa e que persigue divulgar e promover o estudo da obra de James Joyce, un revolucionario da narración literaria, cun legado aínda por descubrir.
A Asociación Española que traballa conxuntamente coa International James Joyce Foundation con sede na universidade de Tulsa, publica anualmente a revista científica Papers on Joyce