DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha mostra de fotos na EEI en Torrecedeira conmemora o Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Contemplar o mundo dende as fronteiras para comprender que “todos somos migrantes”

Un vídeo da UCC+i lembra a importancia da solidariedade e da investigación no eido social

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/06/2019

Segundo o informe anual do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), os conflitos bélicos e a violencia provocaron que 71 millóns de persoas tivesen que deixar os seus fogares en 2018. Isto son 2,5 millóns máis ca no 2017, cunha media de 37.000 novas persoas refuxiadas cada día durante o pasado ano. O informe publicouse coincidindo coa conmemoración hoxe xoves do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data á que a Universidade de Vigo se suma con varios eventos. Por unha banda, a Escola de Enxeñería Industrial en Torrecedeira acolle a exposición Somos migrantes, que recolle o traballo de varios fotógrafos que recorreron algunhas dan fronteiras máis importantes do mundo: México-EEUU, España-Marrocos e o Mediterráneo. A mostra foi inaugurada por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José Luis Barreiro, coordinador Entreculturas Galicia-Asturias e Xosé Mª Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación. 

Trátase dunha exposición colectiva itinerante impulsada pola ONG Entreculturas, en colaboración co Servicio Jesuita a Migrantes–México, Servicio Jesuita a Migrantes-España e Comisión Episcopal de Migraciones. A través das instantáneas tomadas por 25 fotógrafos, as e os visitantes poderán coñecer como viven as persoas migrantes ao longo da viaxe que os levan dende o seu fogar ata o país de acollida. As imaxes convidan a ser parte desta viaxe, a recordar que a migración está e sempre estivo presente na vida de cada persoa, a defender “a liberdade para saír de calquera país como un dereito fundamental de todas e todos” e a non esquecer que “todas as persoas somos migrantes”. 

Novo vídeo da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i)

 

Tamén co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, a Universidade, a través da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), elaborou un vídeo sobre esta problemática, en colaboración coa Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación. Esta peza audiovisual conta coa participación do coordinador de ACCEM en Vigo, Daniel Bóveda; o director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, Xosé Mª Mahou; e Siham Elaichi, voluntaria e estudante da Universidade de Vigo, que relatan a súa visión sobre as persoas refuxiadas, poñendo en valor a importancia da solidariedade e da investigación no eido social, ademais de reafirmar o compromiso da Universidade cos dereitos humanos. Concretamente, Daniel Bóveda fai fincapé en que “unha persoa refuxiada é a que se ve obrigada a saír do seu país por motivos fundados como poden ser opinión política, minoría étnica, minoría relixiosa, orientación sexual ou polo mero feito de ser muller”. Lembra que “nos últimos anos España converteuse nun dos principais receptores de persoas refuxiadas da Unión Europea” e acalara que “estas persoas veñen a integrarse, a traballar e buscar unha vida con seguridade”. Pola súa banda, Xosé Mahou salienta que “debemos investigar cales son as causas polas que determinadas persoas teñen que emigrar e debemos, ademais, atraer ás nosas aulas e laboratorios o talento destas persoas e facilitarlles o acceso á Universidade”. Achegando o punto de vista dunha persoa voluntaria, Siham Elaichi relata a súa experiencia e fai fincapé en que “se son humana, teño que ser solidaria” e engade que “a vida non é só traballar, estudar e vivir para un mesmo, a vida é axudar á xente”.

A divulgación deste vídeo está enmarcada no compromiso da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, que busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, esta acción divulgativa vincúlase co ODS 16 de Paz, Xustiza e Institucións Sólidas, que persegue promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas. O vídeo está dispoñible nos perfís en redes sociais da UCC+i (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter).