DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado promoven diferentes accións no centro

A contenda electoral enche de actividades CCSS e da Comunicación

Este martes tivo lugar unha “sentada feminista” e un coloquio cunha protectora de animais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/04/2019

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación atópase sumida nunha campaña electoral, a que protagonizan os catro partidos creados polo alumnado para as eleccións ficticias que cada ano se desenvolven no centro no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do grao en Publicidade e Relacións Públicas. Anti Publi Publi Club, La Casa del Cartel, Partido pola Unidade da Facultade (PUF) e Unidos Somos Pokémon (USP) é o nome das catro formacións que concorren a estas eleccións impulsadas polo profesor Xosé Rúas, que, tralo debate entre candidatas e candidatos deste luns, celebra este xoves as súas votacións, abertas ao persoal e alumnado da facultade. 

No marco desta campaña, Anti Publi Publi Club promoveu este martes unha “sentada feminista” dirixida a reclamar cuestións como a incorporación de “materias sobre igualdade de xénero como unha competencia transversal para todos os niveis educativos”, iniciativa que sumaron a actividades como unha exposición de proxectos do alumnado ou unha clase de defensa persoal. A súa sentada viuse sucedida pola representación dun secuestro por parte de La Casa del Cartel, que nestes días organizou tamén unha clase de defensa persoal ou iniciativas como as “pulseiras vermellas” nas festas de San Leandro e San Aquiles, co propósito de “as rapazas que se sentisen inseguras ou incómodas na festa puideran achegarse a calquera membro do partido para que as axudase”. Tamén este martes, Unidos Somos Pokémon, que centra a súa campaña na ecoloxía, organizou un coloquio con voluntarias da protectora Vila Peixiño de Gondomar, que sumaron a cursos de programas informáticos ou actividades dirixidas a promover a reciclaxe. Á mesma hora, o PUF, que propón na súa campaña unha “parodia dos fascismos”, levou a cabo a súa representación dunha “misa solemne”, que se suma a outras iniciativas como un concurso de “desenvolvemento creativo” ou a realización de estampas nas que presentaban a docentes da facultade como santos.