DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado compiten nunhas eleccións ficticias

A contenda electoral retorna a Ciencias Sociais e da Comunicación combinando iniciativas presenciais e virtuais

Estudantado, PDI e PAS poderá participar na votación do xoves 13

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/05/2021

Despois de que a pandemia impedise o seu desenvolvemento o pasado curso, este luns deu inicio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a campaña na que catro partidos creados polo alumnado compiten nunhas eleccións ficticias no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e RRPP. A iniciativa que desde hai máis dunha década promove o profesor Xosé Rúas botou a andar coa pegada de carteis das catro formacións que concorrerán aos comicios do vindeiro xoves 13, a Fronte Conservadora Santa Catalina (FCSC), La Isla de las Restricciones, Publicistas Comunistas (PubliCo) e o Partido por la Amistad del Nuevo Alumnado (Panas). Ao longo destas dúas semanas, as catro formacións levarán a cabo diferentes actividades na facultade, avogando todas elas pola combinación das iniciativas presenciais e virtuais. 

“Despois de que a covid-19 non nos permitise facela o ano pasado, este ano recupérase a campaña con certa ilusión”, salienta Rúas dunhas eleccións que determinarán unha parte das cualificacións do alumnado da materia e que teñen como obxectivo que poñan en práctica os coñecementos sobre estratexias de campaña e comunicación electoral previamente abordados na aula. Ademais das iniciativas que impulse cada un dos partidos, que desde este luns contan cun espazo na planta baixa do centro, este mércores terán lugar, dentro das actividades da materia, os "mitins" das diferentes formación, mentres que o mércores 12 celebrarase o debate entre candidatos e candidatas. Xa o xoves 13, entre as 10.00 e as 18.00 horas, terá lugar unha votación aberta a todo o alumnado e persoal da facultade, coa excepción do propio estudantado participante na campaña.  

Da televisión como inspiración aos conservadores e comunistas

Ángela Aboy, candidata da FCSC foi a primeira en intervir na pegada de carteis desta campaña, para a que crearon unha formación que avoga “porque a facultade sexa unicamente por e para os alumnos e a xente que traballa aquí e non ter que compartila con outra xente”. Partindo da idea da “política como unha performance, nós decidimos xogar bastante forte”, sostén Aboy dun partido que propugna unha “supremacía da facultade”, que á súa vez combinan co reggaeton, de tal xeito unha das súas actividades será o reparto de estampas de "santos" relacionados con este xénero musical. Así mesmo, o partido levará a cabo tanto actividades no centro como nas redes sociais, ás que irán incorporando tamén as iniciativas presenciais, como o “baile do noso himno” que prevén retransmitir cada día.

O programa televisivo La Isla de las Tentaciones serviu por outra banda como fonte de inspiración para o partido La Isla de Restricciones, que, coa idea de darlle un “ton máis humorístico” á campaña, terá como obxectivo “mellorar a comunicación entre o alumnado e o profesorado, para que todo flúa mellor”. e que así as súas relacións “sexan mellores que as que había no reality”, como explica o seu candidato, Enrique Rodríguez. Este partido promoverá tamén diferentes actividades, avogando por "un formato híbrido", que combine o presencial e o virtual. Entre elas, prevén levar a cabo  “charlas dirixidas a orientar ao alumnado” sobre posibilidades despois de rematar a carreira ou cuestións que lles poidan ser de axuda “no proceso de ir pasando de curso”.

Como candidata de PubliCo preséntase Laura Pan, que explicou neste acto que se trata dun “partido que non só loita polos dereitos dos alumnos, senón polo de todos os traballadores da facultade”, situando como obxectivo “o empoderamento conxunto tanto dos alumnos das tres carreiras impartidas na facultade, como dos docentes e traballadores desta”, á vez que buscará tamén pór énfase nas dificultades engadidas que a pandemia e a docencia parcialmente presencial supón tanto para o profesorado como para o alumnado . Con ese propósito, levarán a cabo diferentes iniciativas a través das redes sociais, “que queremos mesturar con actividades na facultade, para que a xente poida saber quen somos e que facemos”, como engadiu a súa portavoz, Noelia Canto.

Lucas Peteiro, candidato do Panas, protagonizou a última intervención nesta apertura de campaña, na que destacou que, por mor da pandemia “a facultade está durmida”, de tal xeito que o novo alumnado non coñece aos estudantes doutros cursos nin tampouco iniciativas impulsadas polo alumnado como RadioEscaparate, Ertek ou Freshysweet. Inspirándose na estética da serie Friends, esta formación busca fomentar ese coñecemento e interacción entre o alumnado e “transmitirlles todo o que se fai nesta facultade ademais de ir a clase”. Para iso, explicou Peteiro, prevén desenvolver iniciativas como un karaoke, un pousadoiro, sorteos, gravado de “vasos personalizados” ou un taller de xoiería, ás que se sumarán charlas dirixidas a dar a coñecer entre o alumnado as diferentes iniciativas que se desenvolven no seo da facultade.