Son formacións creadas polo alumnado para uns comicios nos que se xogan parte da nota dunha materia
A contenda electoral retorna á Facultade de Comunicación con catro partidos inspirados na televisión e na moda
A votación terá lugar o xoves 8 de maio
Aínda que interrompida poucas horas despois do seu arranque polo apagamento xeral, na mañá deste luns a Facultade de Comunicación iniciou a súa particular contenda electoral, na que catro partidos creados polo alumnado dispútanse nunhas eleccións parte da súa nota nunha materia. Promovida polo profesor Xosé Rúas, esta actividade ten como obxectivo que o estudantado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas poña en práctica, no desenvolvemento dunha campaña, os coñecementos adquiridos na materia 'Técnicas de comunicación electoral e institucional'. Con esa idea, esta iniciativa abrangue desde unha pegada de carteis, un debate ou mitins, ata o conxunto de actividades que as diferentes formacións levarán a cabo nos próximos días, tanto na propia facultade como nas redes sociais, co obxectivo de captar o voto do alumnado e persoal do centro.
Esta campaña pecharase o xoves 8 de maio, cunha votación na que poderá participar todo o alumnado e persoal da facultade, coa excepción das e dos integrantes dos partidos. Con estéticas inspiradas tanto en series e programas de televisión, como nunha marca de roupa urbana, as catro formacións que concorren a estes comicios son Freaky Blinders, Puro Show, Erres e Facomshakes.
As súas candidatas protagonizaron na mañá deste luns a pegada de carteis que daba inicio á campaña, na que as diferentes formacións contan cun espazo na planta baixa da facultade, onde levarán a cabo nos próximos días a cabo diferentes iniciativas, desde xogos ou sorteos, ata reparto de comida. Para este martes 29 estaba inicialmente prevista a celebración dos mitins das diferentes formacións, que a suspensión da actividade docente nesta xornada obrigou a adiar. Xa o vindeiro xoves 8, a votación desenvolverase entre as 10.00 e as 18.00 horas e nesa mesma xornada terá tamén lugar o debate electoral entre as catro candidatas que encabezan estas formacións.
Esta iniciativa verase complementada pola realización de enquisas por parte do alumnado da materia 'Métodos cuantitativos de investigación social', do Grao en Dirección e Xestión Pública, que, da man do profesor Raúl Pérez, levarán a cabo “un tracking electoral”, sinala Rúas.
Diferentes estéticas e reivindicacións
Cunha estética inspirada na serie Peaky Blinders, o partido que inaugurou a pegada de carteis foi Freaky Bilnders, que presenta como candidata a Susana Conde e terá na “defensa da cultura” un dos eixes da súa campaña. Esta estudante destacou que o seu propósito será “dicir sempre a verdade, todas esas cousas que ninguén máis se atreve a dicir” e, partindo dese lema, este prevé levar a cabo “diferentes actividades, baseadas na serie”, tanto nas redes socias, como no seu stand, onde proxectan organizar tamén un coloquio sobre deporte.
Noutra serie de televisión, Paquita Salas, baséase a estética de Puro Show, unha formación que busca centrarse “en darlle protagonismo a todos os estudantes, xa que cada quen ten o seu propio talento”, salienta a súa candidata, Carla Pazos. Partindo desa idea, este partido outorgaralle “moita importancia ao benestar de cada estudante e á saúde mental”, que centrará parte das actividades que esta formación levará a cabo nunha campaña na que buscarán tamén que “a xente poida pasalo ben”, con xogos e sorteos.
O terceiro partido en presentar o seu cartel foi Erres, formación que ten “como idea base conseguir unha unión como comunidade universitaria”, sinala a súa candidata, Nadia García. Neste caso, a estética do partido baséase no programa televisivo La Revuelta. Partindo da idea de que a Universidade non debe ser só un espazo “no que vir á clase”, esta formación impulsará unha serie de “accións no propio stand e nas redes sociais”, nas que se insiren tamén sorteos “e colaboracións nas que estamos traballando”, apunta García.
Por último, a marca de roupa urbana Milfshakes inspira a estética de Facomshakes, que presenta como candidata a Paula Veiga. Partindo da idea de que o estudantado da facultade é “o futuro da comunicación”, este partido reivindica “prácticas flexibles e un mellor achegamento ao que é a industria real, xa que a publicidade está en continua evolución”, o que lévaos incidir na necesidade “de que se renoven máis os contidos” nalgunhas materias. Esta formación combinará tamén a campaña física e a virtual e traballa tamén “nalgún tipo de colaboración, que temos xa case confirmada”.