DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o mércores 10 de abril 

Continúa aberta a inscrición nas probas de acceso á CC da Actividade Física e do Deporte

Dirixidas a garantir unhas aptitudes físicas acordes á formación práctica do grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/04/2019

Aínda que serán as cualificacións da ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade) e o expediente académico as que determinarán que novos alumnos e alumnas se incorporarán o vindeiro curso ao grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, as características desta titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte fan preciso que as e os interesados en cursala demostren tamén unhas aptitudes físicas que garantan que poderán desenvolver adecuadamente a formación práctica desta titulación. Ese é o obxectivo das probas de aptitude para o acceso ao grao que, ata o vindeiro mércores 10 de abril, manteñen aberto o seu prazo de inscrición e que se desenvolverán nesta facultade o 22 de maio e o 20 de xuño.

“Estas probas fan unha pequena selección, porque logo o alumnado ten que realizar actividade física durante a carreira, pero o que discrimina é a nota da ABAU, que vai subindo cada ano”, salienta o decano, Vicente Romo, dunhas serie de probas que neste 2019 coordinará a profesora Águeda Gutiérrez “e nas que se involucra todo o profesorado das áreas relacionadas coa actividade física”. As e os inscritos deberán superar nestas probas unhas marcas mínimas nos exercicios de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica, forza explosiva en membros superiores e resistencia aeróbica. Concretamente, os e as aspirantes deberán acadar esas marcas en seis das sete probas, incluíndo a de adaptación ao medio acuático, que é obrigatoria, e aquelas e aqueles que non o consigan na primeira data das probas disporán dunha segunda oportunidade o 20 de xuño.

Segundo recolle a convocatoria, non será preciso a realización destas probas por parte daqueles e aquelas que as superen noutra facultade española, nin os que obtiveran a cualificación de apto o pasado curso, ao igual que tamén están exentas as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou a Xunta de Galicia.