Este venres asinouse o convenio que renova o acordo entre ambas institucións
Continúa a alianza co Consello Galego de Relacións Laborais para a mellora da formación en negociación colectiva
“Interesa especialmente nun intre no que as relacións laborais están suxeitas a constantes cambios"
A Universidade de Vigo asinou este venres o convenio que permitirá a posta en marcha dunha nova edición, e xa van oito, do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, unha actividade xa consolidada dirixida á formación de profesionais nas técnicas de negociación e na solución de conflitos.
“E un tema que interesa especialmente nun intre no que as relacións laborais están suxeitas a constantes cambios e no que o papel da negociación colectiva é esencial para dotar de garantías ás persoas traballadoras e ás empresas”, explicaron os directores do curso, os docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Jaime Cabeza e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, que acompañaron ao reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, na sinatura do acordo, un acto celebrado no despacho do reitor e ao que tamén asistiu o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira.
“Trátase dun curso que funciona moi ben”
“Trátase dun curso que funciona moi ben e nesta edición o perfil será totalmente continuista co do ano pasado”, explicou Jaime Cabeza, ao tempo que lembrou que na anterior edición se incorporaran ao programa dous módulos adicionais, un no que se aborda a materia dos plans de igualdade e outro sobre tecnoloxías dixitais. “A nosa colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais é un traballo moi de todos os días, non só a través deste curso, senón tamén asistindo aos plenos aos que somos convidados ou emitindo informes”, engadiu Cabeza.
“Pola nosa banda, estamos encantados de colaborar coa Universidade”, apuntou a presidenta do CGRL, Antía Sández, quen amosou a súa satisfacción por esta constante colaboración co grupo de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Na mesma liña pronunciouse o reitor, quen, ademais de ratificar que “o agradecemento é mutuo”, amosouse convencido de que “o futuro do país depende en gran medida do sistema universitario público” e, nesta liña, fixo fincapé en que “para nós é unha alegría recibir a persoas que comparten esa visión de que a Universidade ten que estar na sociedade, ser útil e fornecer de coñecemento”.
Do 17 de setembro ao 27 de novembro no centro de Vigo
Como é habitual o curso levarase a cabo na sede da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de Vigo (rúa García Barbón, 72) do 17 de setembro ao 27 novembro. De carácter presencial e estruturado en dúas sesións semanais, martes e xoves de 16.30 a 20.30 horas, “conta tamén con algunha sesión en diferido, que complementa o visto presencialmente con lecturas de materiais etc, a través da plataforma Moovi da UVigo”, explica Rodríguez.
“O obxectivo deste curso é afondar, desde un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais”, explica a directora, ao que engade que conta con poñentes de recoñecido prestixio, “docentes doutras Universidades, da propia Universidade de Vigo, especialistas do ámbito sindical, da empresa, profesionais xurídicos, inspectores de traballo etc.”.
Dirixido a un público variado, no que se inclúen profesionais do ámbito xurídico-laboral, ex-alumnos e alumnas que remataron recentemente e profesionais do ámbito sindical e empresarial, a clausura correrá a cargo, un ano máis, correrá a cargo da ex-presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, doutora honoris causa pola Universidade de Vigo.
Matrícula no verán
A preinscrición e matrícula estarán dispoñibles ao longo do verán -as datas exactas daranse a coñecer proximamente-. Para calquera dúbida, ademais da dispoñibilidade desde a dirección do curso para quen o necesite, está o Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo, que traballa nos aspectos burocráticos do mesmo.