Como decana en funcións durante os vindeiros seis meses
Continuidade provisional de Ángeles Peña no decanato da Facultade de Química
Estaba previsto celebrar eleccións o día 29, pero non se presentaron candidaturas
A profesora María de los Ángeles Peña Gallego continuará á fronte da Facultade de Química durante os vindeiros seis meses ao non presentarse ningunha candidatura ás eleccións ao decanato do centro previstas para o vindeiro xoves día 29.
“Seguirei en funcións e nese tempo agardo que alguén se anime a darme o relevo”, explica a docente, quen apunta que varios docentes se ofreceron a formar parte dun posible equipo decanal pero “polo de agora ningún quere asumir o cargo de decano/a”, algo no que, baixo o seu punto de vista, tamén inflúe o feito de que a nova normativa modificou a duración dos mandatos, pasando de tres a seis anos, o que en numerosas ocasións desanima aos docentes a asumir cargos de xestión.
Nestes meses o actual equipo decanal continuará o traballo realizado ao longo dos últimos seis anos e tentarán tamén “pechar algún proxecto que quedou a medias”, salienta Peña, decana da facultade desde novembro de 2019, cando substituíra no cargo ao profesor Ignacio Pérez Juste, responsable do centro desde o 2013.
Seis anos de impulso ás actividade de captación e divulgación
Da súa etapa como decana, Peña destaca “sobre todo” o intenso esforzo realizado en temas relacionados coa divulgación científica e a captación de alumnado, así como, a época da pandemia. “Apenas levaba uns meses no cargo cando xurdiu o peche”, admite, ao tempo que lembra con orgullo “que, grazas ao apoio de todo o profesorado todo saíu moi ben”.
Séntese especialmente satisfeita por formar parte dun centro que está “moi unido”, algo que, desde a súa visión, se nota no día a día e, sobre todo, nas ocasión especiais, entre elas, a celebración das olimpíadas para o alumnado de secundaria que cada ano achegan ao centro a un cento de rapaces e rapazas, para moitos dos cales esta é o seu primeiro achegamento ao mundo da ciencia. “Detrás desta actividade estamos un equipo de mais de 40 persoas, non só docentes, senón tamén técnicos de laboratorio e estudantes de doutoramento”, aclara Peña, convencida de que todo este esforzo en captación e divulgación está xa a dar os seus froitos. “O curso pasado máis do 43% dos nosos estudantes de novo ingreso xa visitaran a facultade anteriormente, un dato que nos parece moi significativo”. Nesta liña, indica que as Olimpíadas tradicionais para alumnado de bacharelato céntranse máis na realización de exames e probas, pero neste caso, as Olimpíadas para alumnado de 3º e 4º da ESO permiten realizar unha gran cantidade de actividades “para que poidan coñecer realmente a facultade” e que, ao tempo, tamén unen á comunidade universitaria, xa que todo o mundo se implica moito.
“A calidade, tanto humana como profesional, das persoas que formamos parte da facultade é moi boa, polo que penso que é algo do que se pode presumir”, engade Peña, animando así aos seus compañeiros e compañeiras a dar o paso a crear unha candidatura.
Como balance xeral, tampouco se esquece das numerosas actividades divulgativas organizadas dirixidas a darlle visibilidade ás mulleres na ciencia, entre elas, “por citar un dos exemplos máis recentes” a inauguración dun murall en homenaxe a Manuela Barreiro, Antonia Ferrín e Tarsy Carballas “tres científicas galegas, pouco coñecidas malia ter feito importantes achegas".
