Un portafolio audiovisual ofrece 12 recomendacións de lecturas infantís
Contos para unha nena que non sabía ler
Foi elaborado pola alumna de Educación Primaria Évora Parcero
A súa bisavoa Adelaida, comenta a alumna de Educación Primaria Évora Parcero, aprendeu a ler aos 34 anos, estando no cárcere durante o franquismo, e nunca puido coller un libro cando era pequena. Para esa cativa que non puido ler e para todas as rapazas e rapaces, a estudante publica agora en Internet un portafolio audiovisual de recomendacións de lectura titulado Contos para unha nena que non sabía ler.
A iniciativa, explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, xurdiu no marco da materia de Literatura Infantil que a profesora imparte en cuarto curso do Grao de Educación Primaria. “O que lle pedía aos alumnos e alumnas era que me fixeran portafolios de lecturas recomendadas. Podían elixir o tipo de documento que quixeran facer e Évora fixo este audiovisual no que fai unha viaxe emocional recordando á súa bisavoa, que non chegou a coñecer pero que marcou a súa vida polo que oía falar dela”, comenta Mociño. A docente destaca que se trata “dun traballo precioso, cunha carga emocional enorme e cunha forma de presentar os libros fantástica". Non é, advirte, un audiovisual profesional, pois non era ese o obxectivo, pero pola súa posta en escena, pola naturalidade coa que fala a estudante e polas obras "moi ben escollidas" que recomenda a profesora indica que é moi acaído para ver e divulgar a lectura infantil en galego.
Segundo explica Évora Parcero, cando afrontou a realización deste proxecto, tiña clara a idea de que “é moi importante aproveitar os traballos que nos mandan facer na aula para contar algo”. No seu caso, salienta, “a miña familia é fundamental, e sobre todo as raíces, a historia, que ao final acabamos esquecendo porque ou non se conta ou se oculta porque ao mellor non foi sempre todo bo”. Porén, apunta a alumna, na súa familia “por sorte, non foi así e crieime con historias dos meus antepasados, sendo clave para min na miña infancia a historia da miña bisavoa, unha muller que foi supercrítica, que viviu mal, pero que ao final naquelas experiencias malas ela sempre vía o lado positivo, vía unha aprendizaxe de situacións desfavorables”. Por este motivo, a estudante apunta que cando xurdiu a realización deste traballo de aula “tiña que falar de libros, tiña que contar unha historia e que mellor historia que a historia orixinal e fundamental que foi para min a da miña bisavoa”.
12 obras
O froito do traballo realizado é, explica a súa autora, un “vídeo documental” de algo máis dunha hora de duración no que a propia Évora Parcero vai contando a historia de vida da súa bisavoa uníndoa con distintos libros que ela lle recomendaría á súa bisavoa se ela de nena soubese ler. Ao longo de diferentes capítulos, a estudante vai presentando 12 libros, desde No corazón do bosque, de Agustín Fernández Paz, e O atlas da Galicia pequeniña, de César Lorenzo Gil e Jorge Campos, ata Somos os monstros, de Paula Carballeira, e Monte Pindo, de Laura Suárez. De cada un, a estudante amosa o libro, presenta a súa historia e fala das súas principais características e puntos fortes de interese.
O vídeo destaca tamén porque está ambientando en paraxes naturais. Neste senso a súa autora sinala que “eu son de Cangas e aproveitei para gravar no Monte Castelo porque pareceume moi importante relacionar o vídeo co medio natural xa que miña bisavoa durante toda a súa vida viviu nunha aldea rural de Ourense, sendo o medio natural importantísimo para ela”. Por último, a alumna explica que no seu caso optou por facer un portafolio audiovisual xa que, indica, “eu exprésome mellor falándolle a unha cámara que escribindo e teño a sensación que así conecto mellor co espectador”. Coa súa proposta agarda poder contribuír a fomentar a lectura infantil. “Hoxe en día dispoñemos de infinidade de opcións para elixir onde se xuntan historias de moi diversa índole e moi diverso formato. Podemos levar aos cativos a diferentes realidades, situacións, vivencias, que coñezan mellor o seu medio ou outro que nunca viron, que xoguen coa lingua a través da poesía ou dos trabalinguas, que gocen coas imaxes e cos debuxos, etc”, destaca no seu audiovisual.