DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gradiant e Optare galardoaron con 500 euros a cada un destes proxectos

Contos para nenos con autismo e un sistema de medición de caudais, ideas con premio nos LPRO Days

“O máis importante é que o alumnado ve que o seu traballo ten interese máis aló da academia"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 11/05/2020

Pic4Learn, unha ferramenta de apoio para a educación de nenas e nenos con Trastorno do Espectro Autista, e HoFlow, unha solución para a medida remota de caudais en infraestruturas hidráulicas, foron os dous proxectos gañadores dos LPRO Days 2020, a cita na que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que está a piques de titularse amosa ante o sector empresarial algunhas das súas ideas, traballos que foron quen de desenvolver de principio a fin e que mereceron a confianza dos seus futuros empregadores.

Cada un dos proxectos premiados recibiu 500 euros. Pic4Learn foi o proxecto elixido polos representantes de Gradiant e HoFlow polos de Optare. “Todo transcorreu con normalidade, segundo o calendario previsto e cos representantes das empresas recoñecendo un moi bo traballo nos proxectos que se presentaron”, explica Manuel Caeiro, docente que coordina a materia Laboratorio de Proxectos, ao abeiro da cal se levan a cabo todas as propostas, un total de 15 na edición deste ano. “O máis importante para min é que os alumnos ven que o seu traballo ten interese máis aló do exercicio académico”, recalca o docente, quen explica que a través das preguntas que lles fan e da realimentación que reciben, danse conta que o que fixeron pode ter aplicabilidade práctica no mundo real. “O feito de que outras persoas ás que non coñecen de nada valoren o seu traballo dálles un empuxe moi importante”, insiste o docente.

Pic4Learn, apoio para a educación de nenos/as con TEA

Pic4Learn, nace como unha ferramenta de apoio para a educación de nenos/as con TEA e, para logralo, conta con dúas funcionalidades principais: por unha banda, xogos educativos que permiten aos nenos reforzar a súa intelixencia lingüística e emocional de maneira fácil e divertida e, da outra, unha función de tradución, na que a partir da fotografía da páxina dun libro a aplicación devolve de xeito inmediato a súa tradución en pictogramas, personalizada para cada neno ao poder elixir eles as categorías gramaticais das palabras que desexen traducir.

HoFlow, unha solución para mellorar o acceso á auga potable

A idea de HoFlow xurdiu ante a constatación dun problema: 750 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable. Con esta solución o equipo de estudantes propón un sistema de baixo custe e escalable que permite medir a cantidade e calidade de auga, facilita a análise e estudo de datos e é quen de adaptarse a diferentes contornas.

Nalgúns casos a través dos LPPRO Days as empresas teñen coñecemento de certas aplicacións que poderían aproximarse a través das solucións desenvolvidas polos estudantes e que aínda non foron consideradas. Este foi o caso do proxecto HoFlow, premiado por Optare, que consiste nun sistema de medición de caudais en canalizacións de auga en base a unha solución que pode funcionar en condicións de mobilidade. “Dende Optare indicaron que empregando a mesma tecnoloxía se poderían atender necesidades no marco da industria loxística galega”, explica Caeiro, ao que engade que, noutros casos, as preguntas diríxense directamente a valorar o traballo en termos de produto mínimo viable. Son preguntas como: Cal é o tempo de resposta? Cando dura a batería? Cal é o alcance?... A través destas cuestións as empresas amosan o seu interese en coñecer o madura que está a solución para poder facer demostracións e incluso pequenas experiencias con usuarios finais. “Demostran o interese non só na idea, senón tamén na posibilidade de seguir traballando coa solución”, recalca o responsable da materia.

Particularidades dunha edición en liña

A COVID-19 obrigou a celebrar esta edición dos LPRO Days de xeito totalmente virtual, foi unha edición moi particular da que os seus organizadores tamén sacan unha aprendizaxe importante. “Tivemos a oportunidade de ver en directo e dunha forma moi clara a realimentación que as empresas lle deron aos alumnos. Ao ser a través dunha videoconferencia e con cada equipo presentando de forma individual puidemos ver todo o proceso, algo que nos anos anteriores non puidemos comprobar con tanta claridade”, explica Caeiro, quen fai fincapé no gran mérito que teñen as alumnas e alumnos para sacar adiante os proxectos.

Na maioría dos proxectos eles identificaron o problema que querían resolver, analizaron a situación, problemáticas e oportunidades, valoraron as tecnoloxías a empregar, buscaron librerías... e tomaron decisións de que compoñentes mercar ou que linguaxes de programación empregar. “Por suposto, levaron a cabo os deseños, a programación, as probas, etc. Por iso, cando lles valoran o seu proxecto o senten realmente como algo seu e asumen  a responsabilidade, para ben ou para mal”, recalca o docente, quen, para rematar, indica que tamén é importante remarcar que esta sensación positiva de valoración do traballo queda no alumnado non só a nivel individual ou de equipo, senón que dalgunha forma se vai transmitindo dunhas promocións para outras e vai deixando un pouso no alumnado en canto a querer facer un bo traballo nesta materia.